DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 29 de maio do 2014

Unhas xornadas potencian a colaboración entre equipos universitarios e do CHUO

Case unha trintena de traballos evidencian o pulo da investigación biomédica no campus

O obxectivo da iniciativa é avanzar na atención sanitaria aos cidadáns


ImageA investigación biomédica está consolidándose no campus de Ourense como unha liña emerxente de traballo. Froito da sinerxía de colaboración establecida entre algúns dos seus grupos e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, cada vez son máis os proxectos que xorden co obxectivo de contribuír, cada un desde a súa área, a unha mellor prevención e atención sanitaria aos cidadáns. Este xoves, o campus acolleu as II Xornada de Investigación Biomédica, na que se presentaron case unha trintena de traballos nos que participaron ou participan investigadores dos centros universitarios ourensáns.

Rosa Tedín | Ourense
A investigación biomédica está consolidándose no campus de Ourense como unha liña emerxente de traballo. Froito da sinerxía de colaboración establecida entre algúns dos seus grupos e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, cada vez son máis os proxectos que xorden co obxectivo de contribuír, cada un desde a súa área, a unha mellor prevención e atención sanitaria aos cidadáns. Este xoves, o campus acolleu as II Xornada de Investigación Biomédica, na que se presentaron case unha trintena de traballos nos que participaron ou participan investigadores dos centros universitarios ourensáns.

A cita, organizada pola Unidade de Investigación da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e grupos de investigación do campus, contou coa asistencia de máis de 150 inscritos e 86 traballos científicos presentados en total. Xosé Antón Vila, presidente do Comité Científico da xornada e director do CITI; Eloína Núñez, xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, e Ovidio Fernández, presidente do Comité Organizador, foron os encargados de inaugurar no Edificio Politécnico a segunda edición destes encontros de carácter bianual.

“Estamos nun momento no que hai que protexer e potenciar cada vez máis a investigación e estas xornadas dan conta dos traballos de calidade que se están desenvolvendo no eido biomédico en Ourense”, destacou Xosé Antón Vila. Segundo lles dixo Eloína Núñez aos profesionais sanitarios e académicos presentes, “é difícil investigar co traballo diario que tendes pero é un reto no que temos que avanzar. Esas ideas que vos xorden cada día, plasmadas en proxectos, abren metas ilusionantes para todos”. Neste senso, Ovidio Fernández subliñou como as xornadas celebradas este xoves no campus contribúen “a pór en valor a investigación que fan os nosos profesionais” e “a estreitar a colaboración entre a Universidade de Vigo e a sanidade ourensá”.

Os primeiros froitos

Das 16 intervencións escoitadas durante a xornada e dos 71 paneis expostos no Edificio Politécnico, nove e 18 pertencían, respectivamente, a traballos de investigadores do campus de Ourense, fundamentalmente da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Facultade de Ciencias e da Escola Universitaria de Enfermaría, feitos en colaboración na súa maioría con investigadores do eido sanitario. “Estes datos xa o din todo. A investigación biomédica froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e o CHUO estase consolidando e é todo un logro para Ourense xuntar aquí esta diversidade e calidade de investigacións”, apuntou Florentino Fernández, docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus e un dos promotores desta cooperación.

O grupo de Fernández Riverola Sistemas Informáticos de Nova Xeración SING foi pioneiro no establecemento desta colaboración coa Fundación Cabaleiro Goás e co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, creando un Observatorio Transfronteirizo Galaico-Portugués de Control da Tuberculose e un sistema intelixente de procura e clasificación de casos de infección nosocomial chamado INNOCBR. “Este último proxecto está precisamente agora en fase de implantación. Trátase dun sistema informático que permite, baseándose en técnicas de intelixencia artificial, analizar cada noite as bases de datos de todo tipo do hospital, desde as anotacións de enfermaría ás analíticas, detectar eventos anómalos e ofrecer pola mañá un listado de probabilidades e evidencias de casos de infección nosocomial entre os pacientes", explicou sobre o proxecto.

O presente e o futuro

Froito dos contactos establecidos na primeira Xornada de Investigación Biomédica celebrada en 2012, outro equipo da mesma escola, o Grupo Mile BioMedical Informatics and Signal Processing, vén traballando nos últimos anos en diferentes proxectos de investigación co CHUO. “No noso caso, comezamos traballando con eles no desenvolvemento de ferramentas de software, como a aplicación RECG, de análise e visibilización de electrocardiogramas, e agora vamos máis aló traballando na aplicación destas ferramentas a diferentes eidos, como a prevención de suicidios e o tratamento de condutas aditivas. “A nosa colaboración con eles é fundamental e moi frutífera”, subliñou Xosé Antón Vila en nome do grupo.

A listaxe de investigacións presentadas na II Xornada de Investigación Biomédica é moi ampla e abrangue, entre outros moitos, temas tan diversos como a identificación de novos biomarcadores para a prevención do cancro colorrectal; a enfermidade cardiovascular prematura e a educación sanitaria; a eficacia dunha intervención educativa no caso das mulleres posmenopáusicas diagnosticadas con cancro de mama; as alteracións inducidas por sulfonato de perfluorooctano no eixe reprodutor; o desenvolvemento de algoritmos computacionais de apoio á diagnose médica, ou o síndrome metabólico e graxa visceral en mulleres perimenopáusicas. Aínda que a practicamente a totalidade de traballos universitarios presentados pertencían ao eido científico e tecnolóxico, tamén houbo representación da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pois os docentes Beatriz González e Ernesto López-Valeiras presentaron o seu estudo de cálculo de custes de mostras nun biobanco.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós