DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 02 de xuño do 2014

O Foro Económico de Galicia presentou este luns o seu informe sobre a conxuntura económica

Unha mellora do mercado de traballo condicionada á prudencia interpretativa dos datos

O documento analiza cuestións como o desaxuste entre as cifras da EPA e doutros indicadores


ImageA análise da situación do mercado de traballo en Galicia e no conxunto do Estado, especialmente no referido ao paro, atópase co reto de que son varias as fontes de información oficial posibles e que os seus datos non sempre casan ben entre si e incluso poden chegar a contradicirse, como é o caso dos resultados da Enquisa de Poboación Activa EPA e as cifras de paro rexistradas. No seu último Informe de conxuntura socioeconómica, os expertos do Foro Económico de Galicia afondan nesta cuestión e piden prudencia interpretativa á hora de falar da mellora ou non da situación. A análise céntrase en tres eixes, como son o de mercado de traballo, o da internacionalización e o dos sistemas portuarios e aeroportuarios.

Duvi | Ourense
A análise da situación do mercado de traballo en Galicia e no conxunto do Estado, especialmente no referido ao paro, atópase co reto de que son varias as fontes de información oficial posibles e que os seus datos non sempre casan ben entre si e incluso poden chegar a contradicirse, como é o caso dos resultados da Enquisa de Poboación Activa EPA e as cifras de paro rexistradas. No seu último Informe de conxuntura socioeconómica, os expertos do Foro Económico de Galicia afondan nesta cuestión e piden prudencia interpretativa á hora de falar da mellora ou non da situación.

O informe foi presentado este luns en Santiago de Compostela por Fernando González Laxe, coordinador do documento, e polos seus autores, Santiago Lago, Patricio Sánchez e José Francisco Armesto. Segundo explicaron os seus responsables, este é o segundo dos informes de carácter bimestral que esta institución, da que é socia a Universidade de Vigo, elabora sobre a conxuntura socioeconómica galega co obxectivo final de subministrar a todos os axentes económicos e sociais a información básica e estratéxica que permita definir a situación actual da economía galega.

Desemprego

“Nesta ocasión, centramos a análise en tres eixes, como son o de mercado de traballo, o da internacionalización e o dos sistemas portuarios e aeroportuarios galegos”, salientou Santiago Lago, docente da Universidade de Vigo. Sobre o primeiro destes puntos, o documento indica que “a tendencia do mercado de traballo galego sinalada polos datos da Enquisa de Poboación Activa correspondente ao primeiro trimestre de 2014 e a reflectida polo movemento laboral rexistrado (afiliacións e paro rexistrado) presentan un importante desaxuste. É por iso polo que convén non tirar conclusións precipitadas e esperar aos datos do segundo trimestre para ver se foi un dato atípico ou ben hai elementos que xustifiquen o devandito desacople”. Neste senso, comentou Lago, antes de facer unha valoración definitiva hai que agardar aos datos do segundo trimestre para confirmar a tendencia, tendo en contra sempre que os datos da EPA son froito dunha enquisa e os de rexistro non.

O nivel de ocupación (poboación ocupada e afiliacións en alta laboral), indica o informe, descendeu no primeiro trimestre do ano en relación ao mesmo período do ano anterior atendendo aos datos das dúas fontes estatísticas, pero a súa intensidade é claramente desigual: arredor das 22.800 persoas segundo a EPA e 5100 segundo o Servizo Público de Emprego. Na análise do desemprego (poboación parada e paro rexistrado) é onde observa o informe do Foro Económico de Galicia unha tendencia dispar. “Fronte ao incremento da poboación parada estimada no primeiro trimestre de 2014 (9000 persoas), o paro rexistrado descende en case 12.400 persoas. Non obstante, ambas as dúas consideran unha medra do paro de longa duración (máis dun ano) se ben, ao igual que no caso da ocupación, esta é máis intensa no caso da EPA”, recolle o documento, no que colabora o Grupo Gen (Governance and Economics research Network) da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Internacionalización e infraestruturas

O informe presentado este luns tamén indica que a evolución sectorial da actividade produtiva galega en 2013 amosa unha clara mellora no comportamento do sector industrial, que partía dunha situación moi negativa, e que as contas económicas de Galicia indican que o sector exterior contribúe de xeito positivo ao crecemento agregado do PIB galego ,aínda que non ten un impacto máis positivo que no conxunto do estado. Segundo os expertos, o comercio galego exterior de mercadorías caracterízase pola súa elevada concentración tanto a nivel sectorial, centrándose en cinco ramas, como xeográfico, relacionado especialmente coa UE. Ademais, o documento pon o aceno en que as relacións comercias galegas están marcadas polo predominio en produtos de baixa e media baixa intensidade tecnolóxica.

Por último, os expertos indican neste informe que 2013 debe considerarse como “un mal ano para o tráfico portuario e aeroportuario galego ao presentar unha caída no número total de mercadorías movidas nos portos de interese xeral no seu conxunto, así como do tráfico aeroportuario, sendo este descenso superior á media estatal”. Unha caída que, apuntan no documento, fai preciso definir unha visión estratéxica para estas infraestruturas galegas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós