DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 10 de xuño do 2014

Os impulsores da simultaneidade ADE-Dereito auguran unha “boa demanda” para o programa

Un "esforzo adicional" e un "inmenso" rango de posibilidades laborais

Con 40 prazas, esta nova oferta permite acceder aos dous títulos en só cinco anos


Image“Estamos falando dun programa que permite obter unha formación combinada xurídico- empresarial que é moi demandada polas principais empresas e despachos profesionais”, así describe o profesor Jorge Falagán, o principal valor engadido do programa de simultaneidade de ADE e Dereito, unha das principais novidades da oferta académica da Universidade de Vigo para o vindeiro curso. Hai pouco máis dun mes presentouse en sociedade no Club Financiero de Vigo e este martes os decanos de ambos centros e o coordinador do programa repasan os puntos fortes dunha titulación dirixida “a solucionar os problemas reais das empresas” e “para o que auguramos unha elevada demanda”.

D. Besadío | Vigo
“Estamos falando dun programa que permite obter unha formación combinada xurídico- empresarial que é moi demandada polas principais empresas e despachos profesionais”, así describe o profesor Jorge Falagán, o principal valor engadido do programa de simultaneidade de Administración e Dirección de Empresas e Dereito, unha das principais novidades da oferta académica da Universidade de Vigo para o vindeiro curso. Hai pouco máis dun mes presentouse en sociedade no Club Financiero de Vigo ante os principais representantes do tecido socioeconómico de Vigo e a súa contorna e este martes, cando a Universidade se prepara para recibir ao alumnado que, de mañá ata o venres, realizará nos tres campus os exames de Selectividade, os decanos de ambos centros, Ana Mª Pita e Santiago Gómez Fraiz, e o coordinador do programa, Jorge Falagan, repasan os puntos fortes dunha titulación dirixida “a solucionar os problemas reais das empresas” e “para o que auguramos unha elevada demanda”.

Con 40 prazas, o programa de simultaneidade permite acceder aos dous títulos en só cinco anos “o que o sitúa no top-ten das universidades públicas de España”, explica Falagan, coordinador do programa, que fixo fincapé en que o plan de estudos está estruturado nunha secuencia temporal moi “lóxica e equilibrada” xa que reparte en cada cuadrimestre o peso das materias de Administración de Empresas e de Dereito. En total son 360 créditos distribuídos a razón de 36 créditos por cuadrimestre, seis máis do que se lle esixe a un alumno matriculado nun único grao. É, a xuízo dos impulsores, “un esforzo adicional” que se verá recompensado cun “inmenso rango de posibilidades laborais”.

Apoio das principais empresas e despachos profesionais

O programa nace como resposta a unha vella aspiración das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e Ciencias Económicas e Empresariais, “froito da cooperación intelixente entre os dous centros”, subliñou Falagán, e co apoio das principais empresas e despachos profesionais. “Precisamente, as empresas van ter un papel fundamental”, subliñaron os decanos na presentación, que explicaron que o sector empresarial vai colaborar de dúas formas: impartindo conferencias de maneira regular ao longo de todo o curso e proporcionando prácticas nos últimos dous anos do programa. “Trátase de conseguir que o alumnado que cursa o programa de simultaneidade estea capacitado para satisfacer as necesidades das empresas, non só con coñecementos, senón tamén con habilidades, capacidades e, por suposto, idiomas”, recalcou Falagan.

Na mesma liña interveu tamén a decana da Facultade de Ciencias Xurídicas, Ana Pita, que subliñou que o obxectivo é formar alumnos “moi ben preparados” que unan á formación académica outro tipo de formación que incidirá en aspectos como a motivación, o traballo en equipo, os idiomas, as novas tecnoloxías, as habilidades directivas, etc. ´

“Buscamos alumnas e alumnos con capacidade de sacrificio e moita ambición”

En relación ao tipo de alumnado ao que se dirixen Ana Mª Pita foi contundente: “buscamos alumnas e alumnos con capacidade de sacrificio e moita ambición que teñan unha clara vocación cara ao mundo da empresa”, ao que Falagan engadiu que si son alumnos con boa capacidade intelectual e están dispostos a traballar duro “seguro que terán éxito, nós pola nosa man imos pór todos os recursos nas súas mans”.

Unha vez finalizados os cinco cursos serán, a xuízo dos impulsores do programa, profesionais capaces de simultanear as decisións empresariais e a aplicación da lexislación correspondente con confianza e garantías, orientados sobre todo a ostentar unha dirección financeira ou unha dirección xeral, sen ben non “exclúe saídas como a de inspector de facenda, para a cal estou segura de que terá unha boa parte das oposicións máis que preparadas”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós