DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 26 de xuño do 2014

O obradoiro de Extensión Universitaria consolídase como un dos máis demandados cunha cuarta edición

Achegarse á ‘febre do ouro’ nun curso sobre o patrimonio do Bierzo

O período de matrícula estará aberto ata o 1 de xullo con descontos para os membros da comunidade universitaria


Image Dar a coñecer toda a riqueza que atesoura a comarca leonesa do Bierzo é o obxectivo final co que naceu o curso Patrimonio natural e cultural do Bierzo e que mantén despois de tres edicións. Este é o cuarto ano consecutivo que a Universidade de Vigo, en colaboración coa de León, organiza este obradoiro consolidado xa como un dos máis demandados da planificación estival da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Realcións Internacionais e que nesta edición se centrará especificamente nos recursos do territorio. A formación terá lugar entre os días 11 e 13 de xullo en Vilafranca do Bierzo, capital histórica da comarca dende principios do XIX.

B. Vega | Vigo
Dar a coñecer toda a riqueza que atesoura a comarca leonesa do Bierzo é o obxectivo final co que naceu o curso Patrimonio natural e cultural do Bierzo e que mantén despois de tres edicións. Este é o cuarto ano consecutivo que a Universidade de Vigo, en colaboración coa de León, organiza este obradoiro consolidado xa como un dos máis demandados da planificación estival da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais e que nesta edición se centrará especificamente nos recursos do territorio.

A formación terá lugar entre os días 11 e 13 de xullo na localidade de Vilafranca do Bierzo, considerada como capital histórica da comarca leonesa dende principios do século XIX. Tres días durante os que os alumnos estudarán a biodiversidade e o medio ambiente da zona e “analizarán e interpretarán diferentes compoñentes da paisaxe e a súa utilidade como recurso turístico e de educación ambiental” sinala Josefina Garrido, profesora e directora do curso. A gran novidade deste ano, ademais da visita guiada polo conxunto histórico-artístico da cidade, é un roteiro ao aire libre durante o que terán un achegamento á ‘febre do ouro’. Durante a segunda xornada “realizaremos un percorrido polas canles arredor de Las Médulas, obra mestra da enxeñería romana, completándoa cunha aproximación práctica ao bateo do ouro” a través da que os alumnos poderán experimentar co sistema ancestral e artesanal de extracción deste preciado metal do caudal dos ríos.

O curso arrancará con presentacións do patrimonio natural da zona e unha visita ao Museo de Ciencias Naturais e Etnográfico dos Padres Paules, centro arredor do que xira esta iniciativa formativa da Universidade viguesa e rematará con novas conferencias sobre a fauna e flora da comarca e a súa conservación. Entre outros relatorios, o coordinador de Divulgare, o profesor Luis Navarro ofrecerá un relatorio sobre as interaccións biolóxicas; o profesor da Universidade de León Arsenio Terrón falará sobre os líquenes; o tamén docente da Universidade leonesa Carlos Fernández afondará na historia do noroeste ibérico, dende os primeiros poboadores ata os últimos cazadores-recolectores.

Orientado especialmente ás disciplinas relacionadas co medio ambiente e a natureza, o curso tamén está aberto ao público en xeral, de feito “os matriculados nas anteriores edicións foron dende estudantes ou titulados en Bioloxía, Ciencias Ambientais ou Xeoloxía ata enxeñeiros, historiadores ou calquera interesado no tema” sinala Garrido. Cun custo de 50 euros, 37,5 euros no caso dos membros da comunidade universitaria, o período de inscrición estará aberto ata o 1 de xullo.

Unha iniciativa arredor do Museo de Ciencias Naturais

O curso presta unha especial atención ao Museo de Ciencias Naturais e Etnográfico dos Padres Paules, situado nunha das salas contiguas á Igrexa de San Nicolás el Real, edificio barroco do XVII e símbolo histórico de Vilafranca do Bierzo. Este centro podería ser considerado, incluso, como epicentro do nacemento da iniciativa formativa xa que “o curso empezou a organizarse en torno á recuperación do mesmo no ano 2010 cando se reabriu para as visitas” explica Josefina Garrido sinalando que “na actualidade o centro está na rede de museos da Junta de Castilla y León grazas ao pulo da Universidade de Vigo e as xestións realizadas pola Asociación Cultural BurVal”, coa que a universidade colabora dende o 2011.

A colección que alberga resulta de grande interese tanto pola súa diversidade bioxeográfica e antigüidade, como polo número de exemplares, cerca de 4000 pezas que aínda está inventariando persoal científico da Universidade de Vigo. Dúas grandes compilacións de cunchas e aves conforman a parte máis importante da mostra, con exemplares procedentes de Filipinas, Cuba e Nova Zelanda. Diversos mamíferos, réptiles e peixes tropicais, numerosos invertebrados, unha ampla variedade de madeiras e un conxunto de fósiles, minerais e rocas completan a antoloxía natural exposta no museo. Por outra banda a arqueoloxía tamén ten o seu espazo con pezas como un Ídolo ovoide da Idade de Bronce ou varias hachas neolíticas.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós