DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 03 de xullo do 2014

O campus de Ourense acolle un seminario sobre o artellamento social do coñecemento

Desmontando os imaxinarios colectivos que constrúen a realidade

A cita reúne a expertos de Alemaña, México, Chile, Honduras, Portugal e España


ImageUn día, por interese informativo ou por intereses non xornalísticos, un tema atrae a atención dos medios de comunicación. Durante días, semanas ou ao longo do tempo continúa o seu tratamento mediático. O tema ramifícase, retroaliméntase, introdúcese nas conversas cotiás e as persoas complétano cos coñecementos relacionados con el que xa teñen. Pasa a ser un tema de interese social e as entidades implicadas maniféstanse sobre el e incluso chegan a tomar medidas para dar resposta ás demandas sociais. Con este esquema fórmase a imaxe que os cidadáns teñen de moitos temas xerais, desde a inmigración e a prostitución ata a crise económica ou o cambio climático. Para afondar en como se artellan estes imaxinarios sociais e valorar o seu potencial para entender ou desentender a realidade, case unha vintena de expertos de seis países danse cita este xoves e venres no campus de Ourense.

Rosa Tedín | Ourense
Un día, por interese informativo ou por intereses non xornalísticos, un tema atrae a atención dos medios de comunicación. Durante días, semanas ou ao longo do tempo continúa o seu tratamento mediático. O tema ramifícase, retroaliméntase, introdúcese nas conversas cotiás e as persoas complétano cos coñecementos relacionados con el que xa teñen. Pasa a ser un tema de interese social e as entidades implicadas maniféstanse sobre el e incluso chegan a tomar medidas para dar resposta ás demandas sociais. Con este esquema fórmase a imaxe que os cidadáns teñen de moitos temas xerais, desde a inmigración e a prostitución ata a crise económica ou o cambio climático. Para afondar en como se artellan estes imaxinarios sociais e valorar o seu potencial para entender ou desentender a realidade, case unha vintena de expertos de seis países danse cita este xoves e venres no campus de Ourense.

Dirixindo ou completando a visión do real

O III Seminario Internacional sobre Imaxinarios Sociais. Imaxinales 2014 foi inaugurado na Facultade de Ciencias da Educación por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Álvaro López Mira, director do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, que organiza a cita, e David Casado, responsable da iniciativa xunto a Juan R. Coca, Fátima Braña, Alberto Á. Saco e Águeda Gómez. “Esta rede que construídes arredor dos imaxinarios sociais é unha excelente base para transferir logo coñecemento ás aulas e á propia sociedade e contribuír así a un maior coñecemento sobre un tema tan relevante na actualidade”, apuntou Virxilio Rodríguez. “Desde os campus periféricos como os de Ourense e Pontevedra intentamos facer cousas e facelas ben e este seminario é unha boa mostra, pois conseguiu reunir a un destacado panel internacional de conferenciantes”, recalcou á súa vez López Mira.

Segundo lembrou David Casado, “o encontro ten como obxectivo presentar e analizar o potencial dos imaxinarios sociais para analizar as cuestións da realidade política, social, económica e cultural actual, reunindo a expertos de Alemaña, México, Chile, Honduras, Portugal e España”. Na súa conferencia inaugural, o mexicano Juan Milton J. Aragón Palacios, foi o encargado de introducir aos asistentes nos conceptos importantes nesta materia e de falar da súa aplicación no caso concreto da cidade e da realidade urbana. “O importante é reflexionar sobre ata que punto un imaxinario dirixe a nosa observación, ata que punto nos serve de filtro de acceso para ver a realidade ou ata que punto completa a nosa visión dela”, apuntou o investigador.

Imaxinarios da migración, da natureza, da ciencia...

Como exemplo da construción dun imaxinario, das súas consecuencias e da loita contra el, entre os moitos casos abordados no seminario está o das migracións. Felipe Aliaga, do Instituto de Altos Estudios Nacionales de Ecuador, falou sobre os desencontros nos imaxinarios arredor da migración no seu país. “Ao igual que acontece en España, Ecuador é un país de emigrantes pero ao mesmo tempo recibe inmigrantes. Arredor deles creouse, sobre todo desde os medios de comunicación, un imaxinario negativo no que os emigrantes son vítimas e os inmigrantes problemáticos. Para loitar contra esta imaxe e as súas consecuencias, o goberno está a desenvolver diferentes medidas que afectan desde a nosa constitución ata os medios de comunicación, pero ao tratarse dun imaxinario moi asentado, o proceso para contrarrestalo é moi lento”, comentou o investigador.

Outro caso de imaxinario similar foi o presentado pola antropóloga Fátima Braña sobre os montes e os incendios en Galicia. “Por un lado está a imaxe idílica do monte galego que se vende nas campañas de publicidade, un monte inhabitado e case máxico, pero a realidade dos datos e dos estudos sobre a superficie forestal galega non é esa. Algo que representa unha realidade moi pequena tómase como representativo do todo, co que iso significa”, apuntou a docente ourensá.

Por último, o docente Alberto Saco é outro dos investigadores do campus de Ourense que participa neste seminario, centrando no seu caso a ollada no tema dos imaxinarios relacionados co coñecemento e o paradigma científico. “Os debates científicos e morais están sesgados na nosa sociedade polo imaxinario colectivo, que é antropocéntrico. Calquera teoría ou hipótese é aceptada ou desbotada en función de se se adapta ou non ao imaxinario existente. Só hai que ver como se intenta desacreditar ou eliminar calquera teoría que afonda na posición do ser humano na contorna e supón un cambio de perspectiva, como é o caso do cambio climático”, comentou o sociólogo na primeira sesión do seminario.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós