DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 18 de xullo do 2014

Unha tese de doutoramento describe por primeira vez a bioloxía de 'Hymenosoma orbiculare'

De Arxentina a Vigo pasando por Sudáfrica para describir a etapa larval da vida dun cangrexo

A investigación centrouse nos estuarios dos ríos sudafricanos Gamtoos e Swartvlei


Image“Elixín Sudáfrica porque hai moitísimos estuarios para investigar e tamén gran variedade de especies que nunca foron estudadas”. Así relata a investigadora arxentina Carmen Elena Navarro o porqué da súa tese de doutoramento, unha investigación dirixida polo profesor Mariano Lastra na que describe en detalle a bioloxía larval dunha destas especies nunca antes estudada, o cangrexo Hymenosoma orbiculare desmarest 1825 (Crustacea, Decapoda, Hymenosomatidae), un crustáceo que se estende desde a cidade portuaria de Luderitz, no sur de Namibia, ata Inhambane, en Mozambique, na costa leste do continente africano.

D. Besadío | Vigo
“Elixín Sudáfrica porque hai moitísimos estuarios para investigar e tamén gran variedade de especies que nunca foron estudadas”. Así relata a investigadora arxentina Carmen Elena Navarro o porqué da súa tese de doutoramento, unha investigación dirixida polo profesor Mariano Lastra na que describe en detalle a bioloxía larval dunha destas especies nunca antes estudada, o cangrexo Hymenosoma orbiculare desmarest 1825 (Crustacea, Decapoda, Hymenosomatidae), un crustáceo que se estende desde a cidade portuaria de Luderitz, no sur de Namibia, ata Inhambane, en Mozambique, na costa leste do continente africano. Presentados xa os resultados, a investigadora subliña que a súa análise servirá agora para facer estudos comparativos con outros ríos sudafricanos e outras especies conxéneres.

A investigación centrouse nos estuarios dos ríos Gamtoos e Swartvlei e nela Navarro analizou distintos aspectos da vida larval deste cangrexo, tanto no seu medio natural como no laboratorio. O obxectivo era identificar os estadios de desenvolvemento desta especie de cangrexo presentes nas mostras de plancto colectadas nestes dous ríos e determinar a distribución espacial e temporal nos datos provenientes das mostraxes para dilucidar si a fase mariña é obrigatoria no ciclo de vida desta especie.

Recolleu mostraxes durante un período de 26 meses, “tanto en superficie como no fondo”, explica a investigadora, e unha vez analizados os resultados dos experimentos, que incluíron o cultivo de larvas a diferentes combinacións de salinidades e temperaturas, os datos obtidos sosteñen que os tres estados larvais e o primeiro estadio xuvenil do cangrexo H. orbiculare non teñen unha fase mariña obrigatoria e que esta especie presenta unha estrita retención das larvas xunto cos adultos no estuario durante todo o ciclo de vida.

Por que en Vigo?

Licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidad Nacional de Mar del Plata en Bos Aires, onde tamén ten exercido como asistente docente e con varios anos como profesora de Bioloxía no ensino secundario, a actividade científica de Navarro levouna desde hai xa máis de vinte anos a colaborar tamén coas universidades africanas de Port Elizabeth e Rhodes, ambas en Sudáfrica.

Á hora de realizar a súa tese de doutoramento tiña claro que o marco xeográfico ía ser Sudáfrica pola súa riqueza natural e elixiu a Universidade de Vigo “polo seu alto nivel académico” e ao profesor Lastra como director “porque é un excelente investigador e docente”.

Con respecto a por que elixiu esta especie en concreto, Navarro subliña que xa tiña experiencia na realización de proxectos científicos con cangrexos, “pero nunha especie denominada Uca uruguayensis en Arxentina. “O tema parecíame interesante e, ata o momento, ninguén fixera este tipo de investigación con Hymenosoma orbiculare, así que, por que non facelo?”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós