DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 11 de xullo do 2014

O Servizo de Deportes sensibiliza aos seus usuarios para reducir o consumo de auga e luz

Pequenos xestos cun grande impacto ambiental

A través dunha serie de paneis en baños, vestiarios e gradas


ImageO Servizo de Deportes da Universidade ten como un dos seus retos fundamentais a sustentabilidade, apostando pola eficiencia enerxética, os eventos verdes que compensen a pegada enerxética ou fomentando a concienciación a través da práctica deportiva. En 2012 implantouse un Sistema de Xestión Ambiental Certificado segundo a norma internacional UNE-EN ISO 14001 que avala as prácticas ecolóxicas do servizo. Agora, a través dunha campaña de sensibilización, tratan de trasladar esta conciencia ambiental aos usuarios das instalacións deportivas.

M. Del Río | Vigo
O Servizo de Deportes da Universidade ten como un dos seus retos fundamentais a sustentabilidade, apostando pola eficiencia enerxética, os eventos verdes que compensen a pegada enerxética e fomentando a concienciación a través da práctica deportiva. En 2012 implantouse un Sistema de Xestión Ambiental Certificado segundo a norma internacional UNE-EN ISO 14001 que avala as prácticas ecolóxicas do servizo. Este sistema supuxo unha redución do 2,8 % do consumo enerxético e dun 32 % do consumo anual de auga. Agora, a través dunha campaña de sensibilización, tratan de trasladar esta conciencia ambiental aos usuarios das instalacións deportivas. Tras analizar os consumos decidiuse implicar nesta tarefa á comunidade universitaria a través da colocación de paneis informativos baños, vestiarios e gradas para que coñezan o impacto real dos seus consumos. Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes explica que quixeron “ir un paso máis aló do que nos esixe a nosa acreditación enerxética e propoñer e desenvolver novas medidas, neste caso, explicando dun xeito sinxelo e directo aos usuarios a realidade dos usos cotiás das instalacións e o aforro que pode supoñer non abrir unha billa ou apagar unha luz”.
En total son 12 paneis diferentes distribuídos polos baños e vestiarios do edificio do Servizo de Deportes, o Pavillón Universitario e as gradas situadas entre os campus de fútbol e de rugby.

O que pode supor non prender unha luz ou pechar un billa

O gasto innecesario que se produce nunhas instalacións como as deportivas da Universidade de Vigo, con preto de 95.000 usuarios anuais, pode chegar a cubrir as necesidades de auga dunha persoa durante anos. Por iso, un pequeno xesto pode ter un grande impacto ambiental: se os usuarios empregan o inodoro como papeleira, malgástanse ao ano máis de medio millón de litros de auga, que servirían para cubrir todas as necesidades dunha persoa (duchas, lavadoras, hixiene, etc.) durante doce anos. Os cinco litros que se aforran pulsando unha vez menos o botón en cada ducha, ao longo do ano son 1825 litros de auga aforrados.

Os paneis recollen outros exemplos de xeito didáctico para concienciar á comunidade universitaria do impacto das súas accións. Por exemplo, se se reducen á metade o número de pulsacións na billa da ducha, evítase a emisión á atmosfera de 8 gramos de CO2. Este aforro equivale a cargar 35 veces un móbil. Esquece apagar as luces dun baño durante a fin de semana supón un consumo de 11,5 kWh. Se quedasen acesas todas as fin de semana dun ano, con esa enerxía poderíanse empregar os ordenadores dun fogar durante catro anos. Cada vez que se evita abrir a billa dun lavabo afórrase un litro de auga. Se cada usuario abre a auga unha vez menos cando emprega as instalacións, ao longo dun ano cada persoa aforraría a cantidade de auga necesaria para producir 560 botellas de refresco. Así, ata 12 paneis diferentes que dende o Servizo de Deportes agardan que axuden a reducir o impacto ambiental do uso das instalacións reducindo o consumo de auga e luz.

Un servizo con certificación ambiental

O Sistema de Xestión Ambiental co que conta o Servizo de Deportes recoñece e certifica que este servizo cumpre a lexislación ambiental e que o persoal coñece e ten a formación necesaria para facer o seu traballo diario co menor impacto ambiental posible. Por outra banda, tamén implica o deseño duns procedementos xenéricos de traballo de xeito que o uso de recursos, o consumo enerxético, a xeración de residuos, emisións e vertidos sexa o menor posible. Rexístranse os consumos e residuos xerados para comprobar a efectividade destas medidas e establécense obxectivos e novas medidas para optimizar a xestión, entre elas esta campaña de sensibilización.

A implicación do Servizo de Deportes coa sustentabilidade levounos tamén a deseñar un código de boa conduta ambiental en instalacións deportivas e outro para eventos deportivos e actividades no medio natural. Trátase de concienciar ás persoas sobre o uso da auga e da enxería, sobre os materiais e residuos e a súa reciclaxe e sobre o impacto ambiental do transporte, xa que o 90% das emisións de eventos deportivos proveñen de desprazamentos de participantes e espectadores. Ademais tamén se decidiu incluír criterios ambientais na contratación de servizos externos precisos como o de limpeza ou conservación de zonas verdes e deportivas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós