DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 22 de xullo do 2014

Forma parte dunha investigación na que participan docentes da Universidade dirixidos por Gonzalo Méndez

Comeza o traballo de campo da axenda estratéxica para a illa de Tambo

Estudaranse os valores naturais e patrimoniais da illa cara a súa posible protección


Image Cales son valores naturais e patrimoniais que agocha a illa de Tambo? Son estes merecedores dunha protección especial, da que non goza na actualidade? Estas son algunhas das cuestións ás que intentará dar resposta nos próximos meses un estudo que investigadores da Universidade de Vigo están a realizar por encargo do Concello de Poio e do Grupo de Acción Costeira ría de Pontevedra (GAC-6) e co se pretende poñer en valor a illa situada na ría de Pontevedra. Os investigadores da Universidade de Vigo que participan no estudo están dirixidos por Gonzalo Méndez profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Cales son valores naturais e patrimoniais que agocha a illa de Tambo? Son estes merecedores dunha protección especial, da que non goza na actualidade? Estas son algunhas das cuestións ás que intentará dar resposta nos próximos meses o proxecto de axenda estratéxica para a illa de Tambo, que investigadores da Universidade de Vigo están a realizar por encargo do Concello de Poio e do Grupo de Acción Costeira ría de Pontevedra (GAC-6) e co se pretende poñer en valor a illa situada na ría de Pontevedra. Empregando como base loxística de apoio a Escola Naval Militar de Marín, os investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, dirixidos por Gonzalo Méndez profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, desenvolven hoxe a segunda das xornadas de traballo de campo, tanto en terra como no mar, que continuarán a vindeira semana con outras dúas sesións de estudo sobre o terreo. “É un traballo de inventario que nunca antes se fixera na illa”, explica Méndez, “que abrangue a xeoloxía, flora e fauna, tanto en terra coma nas augas da contorna, sen descoidar tamén aspectos históricos e culturais, como os restos do lazareto do século XIX ou a capela, que aínda que derrubada na súa maior parte conserva as paredes en pé”.

En total son nove os investigadores e investigadoras dos departamentos de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, de Ecoloxía e Bioloxía Animal e Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo que participan neste estudo, cuxas conclusións coñeceranse o vindeiro mes de outubro. Ata entón, o traballo, que require da confirmación sobre o terreo da documentación existente sobre a illa en relación cos seus valores naturais e patrimoniais, evolucionará en función dos achados que se vaian producindo. “Partimos dun traballo de campo inicial que se desenvolverá esta semana e a vindeira na illa e na súa contorna, pero en función do que atopemos é posible que haxa que realizar máis comprobacións e estudos en detalle”, explica Méndez, que en 2011 foi nomeado director da Cátedra Unesco en Desenvolvemento Litoral Sostible de Campus do Mar.

Colaboración da ENM

Para a realización dos traballos de campo que se están a realizar este mes de xullo, os investigadores contan coa colaboración da Escola Naval Militar de Marín, que actúa como base loxística de apoio. Persoal da dotación da ENM auxilia ao equipo que dirixe Méndez na preparación das saídas ao mar, ao tempo que ofreceu toda a súa colaboración e apoios precisos para que se leven a cabo os distintos traballos de campo que se teñan que realizar. Esta cooperación vén a sumarse a outros acordos no ámbito académico que existen entre a Universidade de Vigo e a ENM.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós