DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 04 de setembro do 2014

Íñigo Losada explicará en CC Experimentais as conclusións do 5º informe do Grupo II do IPCC

Como afecta o cambio climático á costa española?

O catedrático é o único coordinador español dos estudos realizados por expertos para a ONU


Image É o primeiro español que ata o momento asumiu a responsabilidade de coordinar un dos grupos de traballo encargados da elaboración dun informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático, IPCC, da ONU. Catedrático de Enxeñaría Hidráulica e director do Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidad de Cantabria, Íñigo Losada, explicará polo miúdo, o vindeiro 18 de setembro no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais, os resultados do quinto informe do Grupo de Traballo II do IPCC, nun seminario titulado O cambio climático na costa segundo o Grupo II do IPCC e as súas implicacións para a costa española.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
É o primeiro español que ata o momento asumiu a responsabilidade de coordinar un dos grupos de traballo encargados da elaboración dun informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático, IPCC, da ONU. Catedrático de Enxeñaría Hidráulica e director do Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidad de Cantabria, Íñigo Losada, explicará polo miúdo, o vindeiro 18 de setembro no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais, os resultados do quinto informe do Grupo de Traballo II do IPCC, nun seminario titulado O cambio climático na costa segundo o Grupo II do IPCC e as súas implicacións para a costa española.

O estudo, dado a coñecer en marzo deste ano, confirma un claro empeoramento nas predicións de aumento do nivel do mar globais, que no caso de España, dependendo se se trata do Atlántico ou do Mediterráneo, apunta valores que están un 20% por riba ou por debaixo dos 80 centímetros, que os expertos fixan como escenario máis desfavorable. Pero o aumento do nivel do mar, cos riscos que implica, non é o único problema do que alertan os científicos no informe do IPCC, que confirma tamén que nalgunhas zonas se detectaron incrementos na altura da onda ou cambios na dirección, o que pode contribuír á erosión e que sumado ao aumento da temperatura da auga, está a producir cambios nalgúns ecosistemas importantes. Fronte a este escenario que debuxa o informe, Losada avoga por unha estratexia de adaptación, que integre o cambio climático como unha variable adicional na planificación das políticas de xestión territorial e das zonas costeiras, planificación urbanística, redes de transporte e infraestruturas.

A decana da Facultade de Ciencias do Mar, que xunto ás de Bioloxía e Química, organizan o ciclo de relatorios entre os que se inclúe o que impartirá Íñigo Losada, destaca o traballo do catedrático centrado “na oceanografía costeira e as súas aplicacións na enxeñaría de costas e offshore con énfase nos aspectos relacionados coa hidrodinámica e o clima marítimo”, labor polo que, Belén Rubio lembra que recibiu numerosos recoñecementos nacionais e internacionais. En relación co seu traballo no informe do Grupo de Traballo II do IPCC, a decana destaca que Losada “é o único español ‘Coordinating Leading Author’ deste quinto informe, no que coordina o capítulo sobre o impacto e a adaptación ao cambio climático nas zonas costeiras”.

Os relatorios dos informes do IPCC chegan ao seu ecuador

O seminario que ofrecerá Losada é o segundo do ciclo dedicado ao quinto informe do IPCC que se desenvolve na Universidade de Vigo e que comezou a pasada primavera coa presentación a cargo do investigador do Grupo EPhysLab da institución académica viguesa e da University of Oxford, Juan Antonio Añel sobre o informe do Grupo I. Ao relatorio sobre cambio climático na costa do día 18 de setembro, seguiralle o 2 de outubro a intervención do catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira centrada no informe do Grupo III do IPCC sobre mitigación do cambio climático, en cuxa elaboración participou.

Rubio, que incide a importancia que para os decisores públicos e privados teñen os informes do IPCC, “ao dar conta do estado actual do coñecemento sobre o cambio climático nas súas múltiples facetas”, lembra que os relatorios que se desenvolven na Universidade de Vigo concibíronse como parte do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible e integráronse no ciclo de conferencias que habitualmente realiza a Facultade de Ciencias do Mar, en colaboración coa de Bioloxía e Química. En canto aos seus destinatarios principais a decana a Facultade de Ciencias do Mar sinala ao alumnado do mestrado e grao, “aínda que o tema ten interese para todo o profesorado e investigadores en formación”. Unha vez finalizados os relatorios centrados nos informes do IPCC o ciclo de conferencias continuará o resto do curso.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós