DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 15 de setembro do 2014

ISharkFin é froito dun encargo da FAO a investigadores da Universidade

Un software vigués identifica os tiburóns polas aletas e detecta a pesca de especies ilegais

En outubro comezará a proba da versión beta en diversas institucións de todo o mundo


ImageTras un ano e medio de traballo, o software vigués ISharkFin comezará no mes de outubro a probar a súa versión beta restrinxida. Seleccionarase unha serie de universidades e institucións de investigación de todo o mundo para que testen a efectividade desta ferramenta que permite identificar os diferentes tipos de tiburóns só coa aleta. O profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Cástor Guisande dirixe este proxecto para a FAO (organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) e coa colaboración de CITES. “O software permite coñecer as especies de escualos que as diferentes flotas pesqueiras capturan arredor do mundo, axudando así a frear o declive que están a sufrir determinados tipos de quenllas e facilitando o control das capturas”, destaca.

M. Del Río | Vigo
Tras un ano e medio de traballo, o software vigués ISharkFin comezará no mes de outubro a probar a súa versión beta restrinxida. Seleccionarase unha serie de universidades e institucións de investigación de todo o mundo para que testen a efectividade desta ferramenta que permite identificar os diferentes tipos de tiburóns só coa aleta. O profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Cástor Guisande dirixe este proxecto para a FAO (organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) e coa colaboración de CITES (Convención sobre comercio internacional de especies ameazadas d fauna silvestre e flora). “O software permite coñecer as especies de escualos que as diferentes flotas pesqueiras capturan arredor do mundo, axudando así a frear o declive que están a sufrir determinados tipos de quenllas e facilitando o control das capturas”, destaca o profesor.

En España é obrigatorio descargar en porto estes peixes enteiros, para ter a seguridade total de que especie se captura, pero cada país ten unha lexislación diferente, nalgúns casos, descárganse xa cortados. Por este motivo a FAO decidiu encargar a este equipo vigués, conformado por seis investigadores, o desenvolvemento dun programa que permita a identificación a través das aletas. Unha vez as institucións seleccionadas proben esta versión beta restrinxida, no mes de xaneiro comezarase a empregar a versión beta aberta, de xeito que calquera inspector do porto, axentes de aduanas, confrarías, comerciantes, etc. a poidan empregar. Guisande explica que en xullo de 2015 agardan ter a certificación oficial da FAO, de xeito que o ISharkFin será de uso “recomendado, aínda que non obrigatorio, por parte da ONU, en todo o mundo”.

Identificación a través dunha foto

Trátase dun sistema experto baseado en técnicas de aprendizaxe automático para a identificación das aletas de tiburón pola súa forma. O usuario toma unha foto da aleta e selecciona algunhas características antes de atopar automaticamente de que especie se trata. O tempo estimado do proceso é de menos de cinco minutos, dende que se quita a fotografía da aleta, se sube ao programa identificando catro marcadores principais e se axustan os puntos trazados polo software na contorna da aleta. “Unha vez que rematemos as probas deberá ter unha seguridade do 100% na identificación de especies”, polo que será de grande utilidade naqueles países nos que se descargan só as aletas despois de despezar o peixe abordo. Abre ademais a porta a futuros debates sobre as normativas impostas por algúns países que obrigan a descargar a peza enteira, xa que esta ferramenta ofrecería a seguridade total na identificación, aínda só contando coa aleta.

Trátase da mesma tecnoloxía empregada no proxecto IPez, desenvolto polo mesmo grupo de investigadores, que permite a identificación das especies de peixes en base á súa morfoloxía.O software ISharkFin complementarase cun formato de documento guía máis tradicional de aletas de tiburón, que conterá as claves de identificación, follas de datos de especies, a metodoloxía dos cursos de identificación e de formación, etc. A versión para tablets estará tamén dispoñible en xuño de 2015.

16 especies

Hai un ano, tres expertos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura visitaron Vigo para avaliar este novo programa e dar o visto bo para a continuidade do proxecto. O informe favorable permitiu ao equipo de investigadores seguir traballando no proxecto ata chegar a esta fase beta que permite a identificación de dezaseis especies de tiburóns e mantas raia, seis das cales son especies protexidas por Cites. O investigador explica que a finalidade é “identificar as especies pescadas para detectar posible pesca ilegal”. Con todo, hai que ter en conta que en cada país a lexislación é diferente, aínda que para o CITES son especies protexidas o tiburón branco, tiburón oceánico de puntas brancas, tiburón martelo común, o tiburón martelo xigante, tiburón martelo liso e o tiburón cailón, tamén coñecido como marraxo do norte.

No futuro o software poderase ampliar con máis especies, xa que a actualización é sinxela e o servidor está en Vigo. A idea é que acade a proxección que ten xa o IPez, sistema de identificación pioneiro e o máis empregado no mundo para determinar o tipo de peixes con técnicas de aprendizaxe automático. A FAO difundirá este novo software de igual xeito que o fixo co primeiro, para que cada goberno ou administración trate de xeneralizar o seu uso asegurando así un sistema seguro para identificar a captura ilegal de escualos protexidos.

Precisamente esta fin de semana entraron en vigor novos controis e medidas de protección para cinco especies de tiburóns e mantas raia. As novas medidas aprobadas por CITES estipulan que o comercio internacional destas especies, incluíndo a súa carne, aletas e branquias, terá que se acompañado de permisos e certificados confirmando que foron capturadas legalmente e de xeito sostible. Trátase de protexer e dar oportunidades de supervivencia a escualos e mantas raia na natureza, por iso Guisande considera que o apoio deste organismo a ISharkFin é moi importante, xa que aposta pola tecnoloxía viguesa para identificar aquela pesca que non se adecúa á lexislación arredor do mundo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós