DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 15 de setembro do 2014

O programa de simultaneidade é a 5ª titulación do SUG cunha nota de acceso máis alta

44 alumnas e alumnos con nota media superior ao 9,13 estrean as clases de ADE-Dereito

A primeira hora amosábanse “nerviosos e con moita ilusión” por iniciar esta nova etapa


ImagePresentouse hai apenas cinco meses no Club Financiero de Vigo como un reto de futuro que respondía á propia demanda da cidade e as cifras de solicitudes así o demostraron. Este luns iniciaron as clases na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo os 44 alumnos e alumnas matriculados no Programa de Simultaneidade entre Administración e Dirección de Empresas e Dereito, 44 mozos e mozas cunha nota media superior ao 9,13 aos que non lles asusta o reto de acadar dous títulos en tan só cinco anos.

D. Besadío | Vigo
Presentouse hai apenas cinco meses no Club Financiero de Vigo como un reto de futuro que respondía á propia demanda da cidade e as cifras de solicitudes así o demostraron. Este luns iniciaron as clases na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo os 44 alumnos e alumnas matriculados no Programa de Simultaneidade entre Administración e Dirección de Empresas e Dereito, 44 mozos e mozas cunha nota media superior ao 9,13 aos que non lles asusta o reto de acadar dous títulos en tan só cinco anos. “Nun primeiro intre souben desta posibilidade a través dos xornais e desde o primeiro momento pensei que era unha opción moi boa pola gran cantidade de saídas profesionais que che abre”, subliñaba Alba, de Vigo, intres antes de iniciar as clases.

Maioritariamente proveñen de Vigo e a súa comarca, pero tamén hai matriculados chegados da provincia de Ourense e mesmo algún de Lugo e A Coruña. Sen prazas dispoñibles desde que se pechou o primeiro prazo de matrícula, o Programa de Simultaneidade ADE-Dereito no campus de Vigo converteuse na súa estrea na 5ª titulación de Galicia cunha nota de acceso máis alta.

Clases en Ciencias Xurídicas e do Traballo

Neste primeiro curso a docencia impártese na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. “Esta semana temos clase de nove a tres”, subliñou Sergio, de Moaña, quen explica que a súa intención era matricularse en ADE pero cambiou de opinión cando tivo coñecemento desta posibilidade “que completa a anterior”. Na mesma situación se atopou Sara, de Chapela, quen cunha nota media de 12,3 non tivo problemas para facerse cunha das ansiadas prazas. “Eu tamén pensaba facer ADE pero esta nova opción pareceume máis atractiva”, subliñou, ao tempo que admitiu sentirse “bastante nerviosa neste primeiro día de clase” . Ao seu carón un vigués, Diego, quen recalcou que “ademais de nervioso estou tamén un pouco perdido”, subliñou cun sorriso, admitindo que lle custou atopar a clase D1, onde se se vai impartir a docencia este curso.

Combinando Dereito Romano con Matemáticas

Se ben a semana pasada xa participaron nun curso de benvida que durou toda a semana, a profesora Pilar Allegue foi a encargada de impartirlles a primeira clase, Teoría do Dereito, “unha materia moi xenérica de introdución ao mundo do Dereito”, subliñoulles ao inicio da clase. En total terán 10 materias de formación básica: catro do ámbito xurídico (Dereito constitucional I, Dereito romano, Historia do dereito e Teoría do dereito); dúas do empresarial (Fundamentos de Administración e Xestión de Empresas); dúas do económico (Economía española e mundial e Microeconomía) e dúas materias denominadas “instrumentais” porque proporcionan as ferramentas analíticas necesarias para a comprensión doutras materias que se imparten na titulación de ADE: Matemáticas e Estatística.

“Temos cinco materias cada cuadrimestre”, explicaban Irene, Fátima, Gaila, Nerea e Rocío, quen admitiron que “as que máis medo nos dan son Dereito Romano e Matemáticas, pero penso que máis que nada é pola fama que teñen, non por nada verdadeiramente obxectivo”, subliñou Fátima. Pola contra, Irune, outra das alumnas, pensa que Dereito Romano será unha das que máis lles guste “xa que me encanta todo o relacionado coa cultura clásica”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós