DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 16 de setembro do 2014

O TERMO 2014 foi organizado por investigadores do Departamento de Física Aplicada

75 expertos de todo o país debaten en Oia sobre termodinámica

Presentáronse 20 comunicacións orais e 40 pósters


ImageO Encontro Inter-Bienal do Grupo Especializado de Termodinámica (GET) reúne cada dous anos aos máis destacados expertos nacionais neste eido. Nesta ocasión encomendaron a investigadores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, encabezados polo catedrático José Luis Legido, a organización da edición de 2014, que arrancou onte luns en Oia. En total déronse cita ata hoxe 75 expertos de máis dunha vintena de universidades e centros de investigación españois. Nesta ocasión, as conferencias plenarias correron a cargo de dous científicos de recoñecido prestixio internacional.

Duvi | Vigo
O Encontro Inter-Bienal do Grupo Especializado de Termodinámica (GET) reúne cada dous anos aos máis destacados expertos nacionais neste eido. Nesta ocasión encomendaron a investigadores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, encabezados polo catedrático José Luis Legido, a organización da edición de 2014, que arrancou onte luns en Oia. En total déronse cita ata hoxe 75 expertos de máis dunha vintena de universidades e centros de investigación españois.

Nesta ocasión, as conferencias plenarias correron a cargo de dous científicos de recoñecido prestixio internacional. Por unha banda, Lourdes F. Vega, directora da empresa MATGAS, en Barcelona, galardoada recentemente co Premio Nacional de Física concedido pola RSEF e a Fundación BBVA. Vega expuxo os fitos acadados en proxectos como a captación, almacenamento e reutilización do CO2, un tema estratéxico polas súas implicacións medioambientais e destacou tamén a “necesidade de reforzar os vínculos entre academia e industria”. A segunda conferencia plenaria impartiuna Felipe J. Blas, investigador da Universidade de Huelva, que fixo un balance do estado da arte do modelado e simulación molecular, describindo os últimos desenvolvementos de ferramentas básicas no deseño de procesos en Enxeñaría Química.

20 comunicacións orais e 40 pósters

Detrás deste encontro, que se celebra os anos nos que non ten lugar a Reunión Bianual da Real Sociedade de Física, está o Grupo de Termodinámica, que nesta edición encargou a organización a docentes vigueses. Este grupo comprende a expertos das reais sociedades españolas de Física e Química e tense distinguido pola súa multidisciplinariedade, incluíndo a investigadores de áreas moi diversas, e pola súa excelencia científica como comunidade. Nesta edición do encontro, un dos eixos principais de debate foron o desenvolvemento de estratexias colaborativas e novas ferramentas para fomentar a transferencia de tecnoloxía e a colaboración coa industria.

Seguindo esta perspectiva interdisciplinar, nas sesións científicas presentáronse 20 comunicacións orais e 40 pósters que abordaron unha ampla variedade de temas con achegas de diferentes áreas, dende avances en simulación molecular e física computacional, ata novas aplicacións en nanotecnoloxía, deseño de novos materiais, eficiencia enerxética, etc.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós