DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 03 de outubro do 2014

En substitución do profesor Ricardo Beiras

Jesús Souza Troncoso, nomeado director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla

Nesta nova etapa aposta pola internacionalización deste centro de excelencia


ImageUn ano despois de deixar o Decanato de Ciencias do Mar, o profesor Jesús Souza Troncoso volve a un cargo de xestión e toma o temón da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, substituíndo no posto a Ricardo Beiras. Doutor en Zooloxía e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, estivo ao fronte de Ciencias do Mar durante seis anos compaxinando as tarefas de dirección con varios proxectos de investigación sobre diversidade biolóxica e novas especies ao longo do mundo. Nesta nova etapa para a Ecimat, Souza Troncoso marca como liña prioritaria a internacionalización desta infraestrutura e aposta tamén por continuar co traballo desenvolvido por Beiras ata o momento, que cualifica de "excelente".

M. Del Río | Vigo
Pouco máis dun ano despois de deixar o Decanato de Ciencias do Mar, o profesor Jesús Souza Troncoso volve a un cargo de xestión e toma o temón da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, substituíndo no posto a Ricardo Beiras. Doutor en zooloxía e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal estivo ao fronte de Ciencias do Mar durante seis anos compaxinando as tarefas de dirección con varios proxectos de investigación sobre diversidade biolóxica e novas especies ao longo do mundo. Nesta nova etapa para a Ecimat, Souza Troncoso marca como liña prioritaria a internacionalización desta infraestrutura e aposta tamén por continuar co traballo desenvolvido por Beiras ata o momento, que cualifica de "excelente". “Este é un centro de excelencia que ofrece servizo tanto á comunidade universitaria como ás administracións e empresas da contorna”, explica Souza Troncoso. Pero agora a vista está posta un pouco máis aló e tratará de posicionar á Ecimat dentro do panorama da investigación mariña en Europa, entroncando así con dous dos principais eixos estratéxicos da Universidade: a internacionalización e a investigación mariña.

A Ecimat foi inaugurada en xuño de 2006 como resposta ás necesidades dos grupos relacionados co mar e a oceanografía cos que conta a Universidade, tratando de ofrecer as infraestruturas necesarias para o traballo científico neste campo. Conta cunha Unidade de Cultivos Mariños, con capacidade para subministrar auga de mar de diferentes calidades e cultivos de organismos mariños de interese en investigación; unha Unidade de Medio Mariño, con capacidade para apoiar a investigación mariña in situ e a análise microscópica das mostras e unha Unidade de Actividades Subacuáticas, cun completo pañol de mergullo, pantalán e embarcacións propias.

O novo director destaca o labor desenvolvido polo plantel da estación, que son “a alma da Ecimat” e lembra que nela traballan 15 de grupos de investigación e ten preto de 200 usuarios, ademais de recibir arredor de 2000 solicitudes de servizo ao ano. E é que este centro de investigación, ademais de servir para a I+D universitaria, tamén dá resposta a demandas doutras entidades públicas, por exemplo desenvolvemendo traballos sobre contaminación ou cultivos mariños. Nos últimos anos creceu tamén substancialmente o número de teses desenvoltas na Ecimat. No tocante ás infraestruturas, Souza Troncoso destaca que tratándose dun edificio a pé de mar, o principal labor é de "mantemento das instalacións e de renovación constate", pero tamén se estudará a posibilidade de dar resposta á demanda dos investigadores dunha plataforma para experimentos ao aire libre con mesocosmos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós