DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de outubro do 2014

O proxecto está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade con 50.000 euros

Biólogos da Universidade crearán un modelo para predicir o efecto da actividade xeotérmica no litoral antártico

O traballo durará ata 2017 e inclúe a realización de dúas campañas dun mes de duración


ImageUn equipo de investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela liderados polo científico vigués Mariano Lastra serán os encargados da posta en marcha dun modelo preditivo do funcionamento dos ecosistemas litorais da Baía Foster, na Illa Decepción, ao norte da península antártica, onde se atopa a base española Gabriel de Castela. Para logralo teñen por diante tres anos e un financiamento de 50.000 euros, xa que o proxecto é unha das iniciativas preseleccionadas polo Ministerio de Economía e Competividade na última convocatoria nacional de I+D. “Este proxecto é a continuación a varios traballos previos, todos eles financiados polo ministerio e que supuxeron xa cinco campañas antárticas de un ou dous meses de duración cada unha delas”, subliñou Lastra, docente na Facultade de Ciencias do Mar.

D. Besadío | Vigo
Un equipo de investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela liderados polo científico vigués Mariano Lastra serán os encargados da posta en marcha dun modelo preditivo do funcionamento dos ecosistemas litorais da Baía Foster, na Illa Decepción, ao norte da península antártica, onde se atopa a base española Gabriel de Castela. Para logralo teñen por diante tres anos e un financiamento de 50.000 euros, xa que o proxecto é unha das iniciativas preseleccionadas polo Ministerio de Economía e Competividade na última convocatoria nacional de I+D. “Este proxecto é a continuación a varios traballos previos, todos eles financiados polo ministerio e que supuxeron xa cinco campañas antárticas de un ou dous meses de duración cada unha delas”, subliñou Lastra, docente na Facultade de Ciencias do Mar.

Sitio de Especial Interese Científico

Catalogada como Sitio de Especial Interese Científico e como Zona Antártica Especialmente Protexida (ZAEP 140) porque nela se atopa o maior número de especies raras e sumamente raras da Antártida, Illa Decepción está formada por un sistema de caldeiras volcánicas activas colapsadas que dan lugar a un anel interior inundado polo mar, coñecido como baía Foster. “Esta baía posúe unha superficie de 38 quilómetros cadrados, unha profundidade máxima de 160 metros e 30 quilómetros de costa, o 80% da cal a compoñen praias de area e grava de orixe volcánica”, explica o investigador, que fai fincapé en que amplas zonas do ambiente submareal desta illa están ocupadas por plataformas rochosas e sedimentarias onde proliferan varias especies de macroalgas, en particular Palmaria decipiens e Desmarestia antarctica.

A presenza de grandes cantidades de macroalgas depositadas sobre a costa polas correntes e mareas é un fenómeno frecuente en moitas rexións do planeta e estes materiais teñen unha enorme importancia ecolóxica, “dado que subministran alimento e hábitat para moitas especies de invertebrados”, recalca Lastra, que explica tamén que a reciclaxe desta biomasa é a orixe de interesantes procesos bioxeoquímicos que dan lugar á liberación de nutrintes ao medio costeiro. “Este esquema de funcionamento é valido tanto en latitudes intermedias, como antárticas e tropicais”, subliña o responsable do proxecto, que fai fincapé en que ao final do período estival grandes cantidades destas especies despréndense e deposítanse ao longo de toda a costa da baía Foster, onde se descompoñen ou son consumidas ao longo de períodos máis ou menos longos de tempo, en función das condicións ambientais.

Oito estacións de mostraxe distribuídas en toda a baía Foster

O proxecto prevé a realización de dúas campañas antárticas dun mes de duración cada unha nas que o equipo de investigadores galegos intentará avaliar a dinámica dos varamentos de macroalgas nesta baía. “O quentamento xeotérmico é case unha constante ao longo de toda a liña de costa deste enclave, de maneira que non é raro atopar praias con fumarolas e fontes hidrotermais”, subliña Lastra, que explica que esta peculiaridade condiciona os patróns de descomposición da biomasa algal, a súa colonización, consumo, fluxo de nutrientes e emisión de gases.

Para analizar estes procesos levaranse a cabo mostraxes de campo e varios experimentos de manipulación do medio natural. Calcularase o stock, a taxa de reemprazo e a descomposición de macroalgas en oito estacións de mostraxe distribuídas en toda a costa. “A heteroxeneidade na cantidade de macroalgas interpretarase na función de variables ambientais tales como as correntes litorais, a dirección do vento, a orientación da costa,etc”, subliña Lastra.

As macroalgas sosteñen o 50% da biodiversidade das praias galegas

O estudo que agora van iniciar na Antártida é moi semellante a outro xa finalizado e que os levou a estudar desde 2010 a 2013 os efectos da degradación das algas nos intermareais galegos. Naquela ocasión levaron a cabo mostraxes mensuais en catro praias: Abra e Praia América na Ría de Vigo; Ladeira, en Corrubedo, e Balieiros na Ría de Muros, co obxectivo de atopar patróns espaciais. A maiores este proxecto incluíu unha mostraxe única e case simultánea en setembro do ano pasado de oito praias distribuídas entre a ría de Vigo e cabo Finisterre.

Entre as conclusións máis importantes deste estudo os investigadores afirman que no caso galego as macrogalgas sosteñen aproximadamente o 50% das biodiversidade dos areais e “son precisamente as praias as que funcionan como procesadores de grandes cantidades de biomasa producidas nos ecosistemas veciños como son os rochedos, as marismas, etc”, recalca Lastra, que explica tamén que froito destes procesos libéranse grandes cantidades de nutrientes, contribuíndo así á fertilización das augas costeiras.

Este proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, incluíu tamén un par de experimentos destinados a analizar o efecto da radiación ultravioleta sobre os procesos de descomposición de macroalgas en praias, apartado que se realizou en colaboración coa Universidade de Oporto; e un experimento sobre os efectos do quentamento sobre a descomposición de algas, mediante cámaras de metacrilato.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós