DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 04 de novembro do 2014

13 egresadas e cinco egresados reciben o galardón do SUG para os estudos rematados en 2013

Na Universidade de Vigo os premios fin de carreira da Xunta teñen nome de muller

O campus de Vigo suma dez mencións e Ourense e Pontevedra, catro cada un


Image Elda, Iria, Sara, Helena, Cristina e Marta, son os nomes dalgunhas das 13 graduadas pola Universidade de Vigo ás que a Xunta de Galicia outorgou os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumando que rematou os seus estudos no ano 2013 nas universidades do Sistema universitario galego. Estas 13 mulleres acadan no caso da institución académica viguesa o 72% dos galardóns que entrega o executivo galego e que tamén recibirán cinco egresados, que ao igual que as premiadas percibirán 2500 euros. O campus de Vigo é con 10 premiados e premiadas o que acumula o maior número de galardóns, seguido de Pontevedra e Ourense con catro premios cada un. No global de Galicia a Xunta outorga 58 premios entre as tres universidades galegas, dos que 24 corresponde ao alumnado da USC, 18 a Vigo e 16 a Coruña.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Elda, Iria, Sara, Helena, Cristina e Marta, son os nomes dalgunhas das 13 graduadas pola Universidade de Vigo ás que a Xunta de Galicia outorgou os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumando que rematou os seus estudos no ano 2013 nas universidades do Sistema universitario galego. Estas 13 mulleres acadan no caso da institución académica viguesa o 72% dos galardóns que entrega o executivo galego e que tamén recibirán cinco egresados, que ao igual que as premiadas percibirán 2500 euros. O campus de Vigo é con 10 premiados e premiadas o que acumula o maior número de galardóns, concretamente nas titulacións de Linguas Estranxeiras; Administración e Dirección de Empresas; Ciencias do Mar; Química; Tradución e Interpretación; Enxeñería Industrial; Enxeñaría de Minas; Enxeñaría de Telecomunicación; Enxeñaría Técnica de Telecomunicación, especialidade en Sistemas de Telecomunicación e Enxeñería Técnica Industrial, especialidade en Electricidade. Pola súa banda, os campus de Pontevedra e Ourense suman catro galardóns cada un, en Enxeñaría Informática; Educación Primaria; Traballo Social e Enxeñaría Técnica Agrícola, especialidade en Industrias Agrarias e Alimentarias no caso do ourensán e en Belas Artes; Fisioterapia; Enxeñaría Forestal e Dirección e Xestión Pública, no caso pontevedrés.

Aínda que non é de Pontevedra, ni tan sequera galega, senón da localidade asturiana de Vegadeo, Sara Bouzas cursou Fisioterapia no campus pontevedrés ao que segue vinculada estudando agora a súa segunda titulación, Ciencias da Actividade Física e Deporte. Sara, que cualifica a súa etapa como estudante na Universidade de Vigo de “excelente, non só por obter moi boa formación, senón porque nestes catro anos coñecín a persoas incribles, desde profesores que me axudaron e aconsellaron, ata compañeiros que se converteron en verdadeiros amigos”, considera este galardón “un recoñecemento á constancia durante catro anos de carreira”. Esta idea de recompensa polo traballo ben feito repítese en todas e todos os galardoados, que na meirande parte dos casos non é o primeiro premio que reciben polo seu rendemento académico.

Algunhas e algúns como a propia Sara Bouzas, Iria de Dios, Helena Pose, Xoán Lombardero, Gael Pérez e Juan Carlos Ramos tamén recibiron o premio extraordinario fin de carreira da institución académica viguesa e mesmo galardóns polos seus estudos de bacharelato, como Elda Miramontes. Nada en Pontedeume, esta graduada en Ciencias do Mar, asegura que “cursar esta titulación foi doado desde o punto de vista de que disfrutaba facendo unha carreira que me apaixonaba, pero para acadar estes resultados tamén houbo moito esforzo, traballo e constancia detrás”. Con 43 anos cumpridos, o vigués Xoán Lombardero, rematou a titulación de Traballo Social no campus de Ourense, tras cursar hai anos a carreira de xornalismo, que non chegou a rematar. Nesta ocasión, asegura que acadar este galardón “supuxo dedicación, mais as materias da titulación son interesantes, abren a mente e sobre todo forman, polo que aínda que houbese momentos de intensidade e abafo, o contido do aprendido e os links mentais que se forman sempre compensan”.

Criada na localidade ourensá de Toén, aínda que viguesa de nacemento, para Iria de Dios, un galardón destas características, obtido no seu caso polo seu expediente no Grao en Linguas Estranxeiras, tamén “resulta moi positivo á hora de competir no mundo da universidade”, ao que segue actualmente vinculada como investigadora en proceso de elaboración da súa tese, dentro do grupo de Procesos Cognitivos e Conduta da USC.

Vocación, pero non só vocación á hora de elixir unha titulación

O caso da pontevedresa Helena Pose resulta cando menos curioso, xa que obtivo o mesmo galardón que a súa irmá maior, que tamén curso Administración e Dirección de Empresas na Universidade de Vigo. Na elección desta titulación pesou, no caso de Helena, unha cuestión eminentemente práctica ao considerar “que é unha carreira que ofrece moitas saídas profesionais, así unha vez que te gradúas podes decidir especializarte en diversas áreas, tanto de ámbito público como privado, o que considero un aspecto moi importante”. No caso de Gael Pérez a elección de Enxeñaría Informática estivo marcada por unha vocación que comezou a manifestarse na infancia, xa que “dende moi pequeno gustáronme os ordenadores e as máquinas en xeral, co cal a elección foi sinxela”. Sucedeulle o mesmo ao larachés Juan Carlos Ramos, que tiña moi claro que estudaría Enxeñaría Técnica Industrial, “xa que me apaixona o mundo da enxeñaría e todo o relativo ao funcionamento de maquinaria industrial”.

No caso de Xoán Lombardero a vocación polo traballo social chegoulle a raíz de descubrir a titulación no seu barrio de Vigo, onde hai anos que existe un plan comunitario “moi potente e ben articulado. Varias persoas responsables do seu impulso foron e son traballadores sociais e estaba impresionado polo seu labor”, asegura. E tamén hai casos nos que unha vocación evoluciona, como lle sucedeu a Iria de Dios á que sempre lle gustaron as linguas e que, aínda que “nun primeiro momento pensaba encamiñar o meu futuro profesional cara ao mundo da diplomacia ou as relacións internacionais, pronto descubrín que me quería dedicar á investigación en psicoloxías da linguaxe”, explica.

Aspiracións profesionais

De “moi positivo” valora o seu paso polas aulas da Universidade de Vigo este grupo de egresados e egresadas, que finalizada esta etapa, ben continúan a súa formación, ou ben xa están incorporados ao mundo laboral. Este é caso de Helena Pose que nada máis finalizar os seus estudos incorporouse a traballar en Deloitte na área de auditoría de contas, ao tempo que cursa un mestrado. “Polo momento quero seguir desenvolvemento a miña carreira profesional na empresa na que estou, dado que permite desempeñar traballos moi diferentes e coñecer diversos sectores”, explica.

Elda Miramontes está facer o seu doutoramento no Ifremer, o instituto francés de investigacións mariñas, e desde a Bretaña francesa asegura que “me gustaría poder seguir traballando no ámbito da investigación”. Unha aspiración que comparte Iria de Dios, aínda que recoñece que “actualmente Linguas Estranxeiras é unha carreira profesional moi difícil neste país, pois as nosa universidades están totalmente desmanteladas e existe unha fuga de cerebros incrible. Probablemente o meu futuro profesional estea no estranxeiro. O cal é unha mágoa”, explica. Pola súa banda, Juan Carlos Ramos aposta por adquirir experiencia no sector industrial e “quizais nun futuro crear unha empresa ligada ao meu perfil”, mentres que Sara Bouzas asegura que o que “máis me apaixona é a rama da fisioterapia deportiva e a preparación física”, de aí que estea cursando na actualidade Ciencias da Actividade Física e Deporte no campus de Pontevedra.

En canto ao destino que lles van dar aos 2500 euros do premio, as opinións son diversas, desde aqueles e aquelas que os destinarán a seguir formándose, aos e ás que os utilizarán para financiarse algunha viaxe e mesmo un, Xoán Lombardero, que afirma que os vai destinar a comprar a discografía completa do grupo rock Ataque Escampe.

No global de Galicia a Xunta outorga 58 premios entre as tres universidades galegas, dos que 24 corresponde ao alumnado da USC, 18 a Vigo e 16 a Coruña. O 70% dos galardóns recaeron en mulleres.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós