DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 07 de novembro do 2014

O conselleiro delegado de Mediaset España clausurou o curso que este grupo impartiu no campus

Paolo Vasile: “Internet non matou a televisión, alongoulle a vida”

O vicerreitor convidouno a “estreitar lazos” coa Universidade e desenvolver novas actividades conxuntas


ImageComo unha “mestura de invento tecnolóxico e fantasía” entende a televisión Paolo Vasile, o conselleiro delegado de Mediaset España, que este venres pechou no salón de plenos da Deputación o curso que, ao longo dos últimos dous meses, trouxo ao campus aos principais directivos e directivas deste grupo audiovisual. Nun relatorio centrado en reflexionar sobre o futuro da televisión, Vasile fixo énfase no valor dos contidos por riba do propio medio e destacou a rede como unha valiosa ferramenta para a produción audiovisual. “Dicían que internet ía matar a televisión e non o fixo, alongoulle a vida”, salientou o máximo responsable de Mediaset España.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Como unha “mestura de invento tecnolóxico e fantasía” entende a televisión Paolo Vasile, o conselleiro delegado de Mediaset España, que este venres pechou no salón de plenos da Deputación o curso que, ao longo dos últimos dous meses, trouxo ao campus aos principais directivos e directivas deste grupo audiovisual. Nun relatorio centrado en reflexionar sobre o futuro da televisión, Vasile fixo énfase no valor dos contidos por riba do propio medio e destacou a rede como unha valiosa ferramenta para a produción audiovisual. “Dicían que internet ía matar a televisión e non o fixo, alongoulle a vida”, salientou o máximo responsable de Mediaset España.

As “novas ventás de explotación” que supuxeron os avances tecnolóxicos déronlle aos contidos audiovisuais a “posibilidade de vivir máis aló da súa emisión” e isto “implica pensar o produto prevendo xa unha vida máis grande”, destacou Vasile, que incidiu en que “ata detrás do programa máis superficial hai moito traballo”. Neste senso, o conselleiro delegado de Mediaset España destacou que para a súa xeración “a televisión era unha gran cheminea, que queimaba todo no momento no que se emitía”, algo que, ao seu xuízo, agora xa non acontece grazas a avances como internet. “A pantalla do ordenador non substituíu á da televisión, engadiuse a esta”, sostivo Vasile, para quen hoxe máis que nunca os contidos téñense convertido “no rei, no verdadeiro centro desta actividade”, como salientou no relatorio que puña peche a un curso que é froito do convenio asinado polo Consello Social da Universidade e Mediaset España. Un curso que é tamén o froito dun “compromiso inequívoco” por parte do grupo audiovisual e de directivos como Manuel Villanueva, director xeral de Contidos do grupo, ou o propio Paolo Vasile, segundo destacou na apertura do acto o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, que convidou ao conselleiro delegado de Mediaset a “estreitar lazos” coa Universidade e desenvolver novas actividades conxuntas.

Facer televisión pensando sempre no outro

“O mundo non cambia, é a televisión a que o fai”. Deste xeito abriu Vasile un relatorio no que defendeu un xeito de facer televisión “desde a humildade, pensando rixidamente en quen recibe a mensaxe e non en quen a manda”. O conselleiro delegado de Mediaset España defendeu que este grupo produce os seus contidos sen vontade de “convencer a ninguén”, nin partindo dunha “concepción pedagóxica” da comunicación. "Facemos televisión pensando no público, que nos da indicacións que cada día estudamos de forma minuciosa”, asegurou Vasile, quen parte da idea de que “é a televisión a que debe cambiar para darlle ao mundo as cousas que quixo desde sempre, comunicarse, saber, entreterse, ter compañía, fuxir da soidade..”, cuestións ás que a comunicación deu resposta de múltiples xeitos ao longo da historia. Por iso convidou ao alumnado presente neste acto a encamiñar o seu futuro profesional a dar resposta a esas necesidades afondando nese “matrimonio entre tecnoloxía e fantasía”, que na actualidade proporciona ao mundo do audiovisual “un campo de oportunidades que temos que ser capaces de aproveitar.”.


“Un fito para a Universidade”

Con esta conferencia púxose remate a un curso que trouxo ata a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación aos principais directivos e directivas deste grupo audiovisual líder do sector en España, que en diferentes coloquios compartiron co alumnado os seus coñecementos e experiencias no mundo da produción audiovisual, así como as claves da creación e a xestión dos contidos do grupo. De aí que Corbacho salientase que esta actividade formativa supón “un fito para a Universidade e para o campus de Pontevedra".

“Hai que poñer en valor o que vivimos estes dous meses”, destacou o vicerreitor dun curso que supón un “salto cualitativo moi considerable, tanto para o centro como para o campus”, xa que reuniu no campus “aos primeiros espadas de Mediaset España, un grupo que en gran medida marca a tendencia no mundo audiovisual”. Nesa mesma liña, este ciclo de conferencias foi destacado como “unha oportunidade de poñer á facultade no mapa do audiovisual como un centro de referencia” pola decana, Emma Torres, que incide en que “poucas veces o alumnado terá a posibilidade de traballar de forma tan directa con xente que está tomando decisións tan importantes dentro do sector”. Non en van, ademais de con Manuel Villanueva e o propio Vasile, o curso contou tamén coa participación de directivos como Miguel Vila, subdirector de Desenvolvemento de Formatos; Ghislain Barrois, conselleiro delegado de Telecinco Cinema; Leonardo Baltanás, director da división de Produción de Contidos, ou Pepa Sánchez-Biezma, responsable da área de Miniseries do grupo audiovisual.

O inicio dunha “amizade duradeira”

Ademais deste curso de formación, que contou con máis de 200 matriculados, o convenio asinado con Mediaset España permitiu tamén que tres estudantes da facultade realizasen prácticas extracurriculares na sede central do grupo en Madrid o pasado verán, grazas tamén ao apoio do Consello Social. O seu presidente, Ernesto Pedrosa, destaca tanto o “excelente aproveitamento” que o alumando realizou destas xornadas como a “importante afluencia de alumnado e profesorado” coa que contaron as diferentes conferencias. Por iso, definiu o convenio que fixo posible estas iniciativas como “un punto de partida e un nexo de unión que agardamos que perdure no tempo”. De feito, definiu a clausura deste curso por parte de Vasile como “un punto e seguido” do que agarda sexa unha “amizade duradeira”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós