DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 14 de novembro do 2014

As II Xornadas de Responsabilidade Social Corporativa reuniron máis de 100 participantes

Alumnado do campus aprende as vantaxes de emprender en clave social

Durante a actividade coñeceron de preto empresas sociais que xa están funcionando con éxito


ImageAprender a converter unha idea de innovación social nun modelo de negocio sostible económica, social e medioambientalmente. Este é obxectivo co que este venres se reuniron na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias os máis de 100 participantes nas II Xornadas de Responsabilidade Social Corporativa, unha actividade organizada polo Máster en Administración Integrada de Empresas e RSC e a consultaría de innovación social Contextos, unha iniciativa xurdida no marco dos Premios Incuvi 2013 e ubicada na actualidade no espazo de coworking Caixabank da Cidade Universitaria.

D. Besadío | Vigo
Aprender a converter unha idea de innovación social nun modelo de negocio sostible económica, social e medioambientalmente. Este é obxectivo co que este venres se reuniron na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias os máis de 100 participantes nas II Xornadas de Responsabilidade Social Corporativa, unha actividade organizada polo Máster en Administración Integrada de Empresas e RSC e a consultaría de innovación social Contextos, unha iniciativa xurdida no marco dos Premios Incuvi 2013 e ubicada na actualidade no espazo de coworking Caixabank da Cidade Universitaria.

“Trátase de inculcar ao alumnado o espírito emprendedor de tal forma que non reduzan as súas expectativas profesionais a ser contratados por unha compañía”, subliñaron ao inicio do acto os organizadors da xornada, que fixeron fincapé en que a idea é ir organizando actividades coa idea de difundir entre o alumnado e o resto de persoas interesadas o concepto de innovación e emprendemento social “non como algo etéreo ou alleo a eles, senón como o futuro, un camiño no que poden atopar unha excelente saída profesinal, ben sexa a partir de terceiros ou de autoemprego”, subliñou Carlos Ferro, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing e coordinador da xornada, que recalcou que “ou comezamos a facer as cousas doutra maneira ou non saímos do foxo”.

Exemplos de éxito: bolsos ‘ecochic’, coworking no rural ourensán...

A xornada iniciouse cunha exposición xeral que correu a cargo de María Regueira e Patricia Díaz, responsables de Contextos que, tras ofrecer catro pinceladas básicas sobre o que significa ser unha empresa de base social, deron paso a exemplos concretos que xa están en marcha, tanto de empresas sociais existentes como de modelos de intraemprendemento en organizacións, caso do proxecto Sindesperdicio da Fundación Emaús, unha marca de bolsos e complementos que se realizan reciclando os residuos de lonas publicitarias. “É un xeito de converter desperdicios en bolsos e accesorios ‘ecochic’ e, ao mesmo tempo, xerar emprego para as persoas con dificultades de acceso ao mercado laboral”, explicaron durante a xornada.

Outro dos proxectos ao que puideron coñecer máis de preto foi o de Sende Galicia, un proxecto impulsado por unha moza viguesa, María Rodríguez, e un mozo de orixe serbio, Edo Sadikovic, que abandonaron o mundo urbano para establecerse en Senderiz, unha pequena aldea de Ourense, onde crearon un espazo de coworking, temporal e internacional, pensado para incrementar a produtividade e compaxinar ese maior rendemento laboral coa convivencia. “Os usuarios que acuden a Sende para intentar sacar un proxecto dispoñen de internet, aloxamento e comida, pero o máis importante é a relación entre profesionais e o intercambio de ideas entre persoas”, subliñou Sadikovic, durante a xornada, concibida a modo de encontro informal no que todos os participantes tiveron a oportunidade de ir intercambiando as súas opinións, tanto entre eles como co público asistente.

Contouse tamén coa participanción Ginés Haro, de Yahora y Movimiento Indú, que falou das oportunidades de intraemprendemento social en organizacións e empresas xa consolidadas e tamén de David Cortés, de Impact Hub Barcelona, unha rede social de profesionais que traballan en innovación social. “Nestes intres a rede ten 53 sedes en todo o mundo desde San Francisco ata San Petersburgo, pero de momento en España só está en Donostia, Madrid e Barcelona”, explicaron desde Contextos, unha das empresas que forma parte do equipo candidato para traer unha desta sedes a Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós