DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 18 de novembro do 2014

Estefanía Paredes traballou tamén na súa tese con embrións de mexillón e ostra

A criopreservación permite conxelar por primeira vez embrións de ourizo de mar con alta taxa de supervivencia

Ten importantes aplicacións en avaliación da contaminación mariña e na acuicultura


ImageO laboratorio de Ecoloxía Costeira da Universidade leva dende 2008 traballando no desenvolvemento dunha metodoloxía para conxelar embrións e larvas de catro especies de invertebrados mariños: ourizo de mar, ostras e dous tipos de mexillóns. Ao abeiro desta liña de investigación realizou Estefanía Paredes a súa de doutoramento, que se centro especificamente na criopreservación de estados temperás de desenvolvemento de invertebrados mariños, dirixida por Juan Bellas e baixo a titoría de Ricardo Beiras. A investigadora explica que realizou o seu traballo a medias entre os laboratorios da Facultade de Ciencias do Mar e os da Ecimat ata conseguir por primeira vez a conxelación de embrións temperás de ourizo de mar con altas expectativas de supervivencia. Explica que a importancia de contar cun criobanco de embrións destas especies de alto impacto comercial ten importantes aplicacións para na avaliación da contaminación mariña e na acuicultura.

M. Del Río | Vigo
O laboratorio de Ecoloxía Costeira da Universidade leva dende 2008 traballando no desenvolvemento dunha metodoloxía para conxelar embrións e larvas de catro especies de invertebrados mariños: ourizo de mar, ostras e dous tipos de mexillóns. Ao abeiro desta liña de investigación realizou Estefanía Paredes a súa de doutoramento, que se centro especificamente na criopreservación de estados temperás de desenvolvemento de invertebrados mariños, dirixida por Juan Bellas e baixo a titoría de Ricardo Beiras. A investigadora realizou o seu traballo a medias entre os laboratorios da Facultade de Ciencias do Mar e os da Ecimat ata conseguir por primeira vez a conxelación de embrións temperás de ourizo de mar con altas expectativas de supervivencia. Explica que a importancia de contar cun criobanco de embrións destas especies de alto impacto comercial [mexillón verde de Nova Celandia (Perna canaliculus), mexillón galego (Mytilus galloprovincialis), ourizo de mar (Parecentrotus lividus) e ostra pacífica (Crassostrea gigas)] ten aplicacións destacadas tanto no eido da avaliación da contaminación mariña como para a acuicultura.

Un proceso “laborioso e delicado”

A criopreservación, segundo explica Paredes, consiste na conservación de material biolóxico utilizando temperaturas moi baixas na presenza de axentes crioprotectores, que funcionan a modo de anticonxelante e empregando unha taxa de conxelación adecuada ao tipo celular que permite a conxelación das células sen a formación de xeo intracelular, “que sería letal”. A investigadora puntualiza que durante este proceso hai varias etapas cruciais, como a elección do crioportector e a concentración adecuada, a taxa de conxelación, a taxa de desconxelación e a retirada do crioprotector. “Trátase dun proceso laborioso e delicado que nos permitiu a conxelación de embrións de ourizo de mar cunha alta porcentaxe de supervivencia que poden ser utilizados en bioensaios ecotoxicolóxicos”. Engade que se adoita empregar esta especie porque “en estados de desenvolvemento temperán son moi sensibles á contaminación e permiten detectala incluso en concentracións baixas incubando os embrións en dilucións desa mostra de auga contaminada”.

Coas técnicas de criopreservación asegúrase a dispoñibilidade de embrións durante todo o ano, independentemente do mal tempo ou por estar fóra da temporada desta especie. “Puidemos demostrar que se poden conxelar embrións de ourizo de mar e desconxelalos satisfactoriamente” e lembra que neste proxecto tamén estableceron unha comparación preliminar entre os resultados que se obteñen con embrións criopreservados e os bioensaios estándar de embrións de ourizo frescos. Deste xeito, “cando non teñamos acceso a ourizos frescos, por mal tempo ou por estar fóra de temporada, podemos ter un criobanco de embrións conxelados ao que acudir”.

Un biobanco para avaliar a contaminación

Contar cunha técnica efectiva para a criopreservación de invertebrados é de utilidade para o traballo dos ecotoxicólogos, de xeito que teñan embrións todo o ano para realizar os controis de contaminación da auga. O proceso consiste en que unha vez desconxelados os embrións, retíranse os restos dos crioprotectores e incúbanse en mostras diluídas da auga que se quere analizar. "Tras 96 horas, podemos estudar como se modificou o crecemento das larvas a partir dos embrións desconxelados que puxemos e ver se a mostra está contaminada". Explica Paredes que “se as larvas son de igual tamaño que as que incubamos nunha mostra control con auga de mar limpa, non hai contaminación; se creceron menos, entón algo hai presente na auga que inhibiu o crecemento desas larvas”.

Un biobanco tamén de utilidade para a acuicultura

Mentres que o cultivo do ourizo é pouco coñecido e destinado case en exclusiva á exportación cara Asia, o mexillón ou a ostra teñen moito peso no sector da acuicultura nacional e poden a atopar na criopreservación vantaxes para mellorar a produción. Entre os beneficios está o poder contar con embrións que cruzar con outros de interese, seleccionar as calidades requiridas polo mercado e aquelas resistentes a virus ou enfermidades que poidan arruinar a temporada. Este último caso é o das ostras. Estefanía Paredes lembra que dende 2012 tense producido unha gran mortalidade de ostra debido ao Herpes-Virus 1. Debido a esta circunstancia estase a traballar para seleccionar aquelas ostras resistentes ao virus para poder continuar co cultivo. “A criopreservación neste caso é unha ferramenta que permite almacenar embrións dos individuos que interesan ao longo da temporada e quizá cruzalos con outros de interese de temporadas seguintes”.
No caso do mexillón, mentres na ría de Vigo o cultivo aínda se fai de modo moi artesanal, noutros países estase a explorar combinar a arte tradicional cos últimos coñecementos científicos. “Obter mexilla (cría do mexillón) en calquera momento do ano a partir de cultivos en laboratorio, seleccionar aquelas xeracións de mexillón máis grandes ou máis pequenas segundo a demanda do mercado”, son algunhas das posibilidade que tería o sector a través de biobancos. De momento, explica a investigadora, isto non se está aplicando en España en acuicultura de invertebrados a grande escala, pero o método está desenvolto para o seu uso en investigación.

En EEUU

Durante a elaboración da tese realizou xa dúas estadía no estranxeiro, unha delas no Cawthron Institute baixo a dirección de Serean L. Adams, “a maior experta mundial en criopreservación de invertebrados mariños”. A segunda estancia realizouse no laboratorio de Criobiología teórica e aplicada da Universidade de Tennessee, USA, baixo a dirección de Peter Mazur, un dos investigadores pioneiros na técnica. Precisamente, nesta última institución é onde agora se atopa traballando como investigadora posdoutoral asociada.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós