DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de novembro do 2014

Ciencias da Educación e do Deporte celebra o Día do Neno enchendo de debuxos un cubo de gran tamaño

600 reivindicacións dos dereitos da infancia feitas de papel e cor

Os actos desta conmemoración péchanse o martes 25 cunha mesa redonda sobre literatura infantil


ImageNeste 2014, cúmprense 25 anos da convención sobre os dereitos da infancia, unha declaración que, un cuarto de século despois, “estase a incumprir cada día”, lamenta o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto, que alerta de que “arredor de 17.000 nenos morren diariamente por falta de alimentos, medicinas ou seguridade”. Para denunciar unha “realidade inxusta e inmoral, que se pode cambiar” e concienciar ao alumnado, instalouse nesta facultade un cubo de grandes dimensións no que nestes días se foron reunindo preto de 600 debuxos, nos que xentes de todo tipo trasladan unha mensaxe de denuncia ou de esperanza.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Neste 2014, cúmprense 25 anos da aprobación na ONU da convención sobre os dereitos da infancia, unha declaración que, un cuarto de século despois, “estase a incumprir cada día”, como lamenta o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto, que alerta de que “arredor de 17.000 nenos morren diariamente por falta de alimentos, medicinas ou seguridade, mentres 900 millóns viven sen uns servizos básicos, cos seus dereitos totalmente pisados”. Para denunciar unha “realidade inxusta e inmoral, que se pode cambiar” e concienciar a alumnado e cidadanía, instalouse nesta facultade un cubo de grandes dimensións no que nestes días se foron reunindo preto de 600 debuxos, nos que xentes de todo tipo trasladan unha mensaxe de denuncia desta realidade ou de esperanza cara o futuro.

Alumnos e alumnas da facultade e doutros centros do campus, profesorado, persoal de administración e servizos, escolares, representantes institucionais.... Foron moitos os que responderon co seu debuxo ao chamamento que Soto realizou para levar adiante un “proxecto colaborativo” ao que deu o nome de Infancia ao cubo e que se insire dentro das actividades promovidas pola Comisión Unesco do centro, que traballa para que este se converta na segunda facultade de España en entrar a forma parte da Rede de Escolas Unesco. “A verdade é que a idea tivo unha aceptación marabillosa”, salienta Soto dunha iniciativa na que daban igual as habilidades plásticas de cada un, xa que o que se pretendía era converter o cubo “nun elemento simbólico que expresase os sentimentos da cidadanía”.

Foi o pasado luns cando se instalou na facultade unha estrutura de grandes dimensións, á que progresivamente se foron sumando debuxos pendurados con pinzas ata chegar ao acto de conmemoración deste 20 de novembro, “un acto sinxelo, pero tamén reivindicativo do que consideramos que é de xustiza”, apuntou Soto, que incidiu na necesidade de que o alumnado do centro tomase conciencia de que “a educación en valores debe de ser un aspecto transversal” na súa formación, posto que “o futuro non se pode escribir se non é con nome de neno”.

Do fiscal xefe aos cativos da Escola Infantil

Despois de tres días incorporando máis e máis debuxos, os poucos ocos libres desta estrutura remataron cubríndose na mañá deste xoves, primeiro coas creacións dos nenos e nenas da Escola Infantil do campus, e posteriormente cos debuxos que achegaron ao centro representantes institucionais como o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, ou o delegado territorial de Educación da Xunta, César Pérez, que acudiu á facultade cun debuxo realizado por un neno con parálise cerebral. Tampouco faltaron as achegas ao cubo do Servizo de Deportes ou da Unidade de Igualdade da Universidade, nin da decana, Francisca Fariña, que incidiu neste acto en que os dereitos dos nenos e nenas “é algo de que sempre se fala pero que nunca se respecta”, antes de que o responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, engadise á estrutura tanto o debuxo que el realizou como o que elaborou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.

Previamente, a pequena Amanda Fernández, alumna do CRP Sagrado Corazón, abrira o acto dando lectura ao relato co que foi premiada no concurso promovido con motivo desta efeméride pola Fundación Meniños. Os representantes desta organización Roberto Antón e Rita Conde, xunto á concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, encargáronse de achegar ao campus os debuxos realizados por cativos da cidade no concurso de debuxos sobre os dereitos da infancia que veñen de organizar. Tamén sumaron ilustracións a esta iniciativa desde a asociación contra o maltrato infantil Animo, representada neste acto por Diana Rodríguez e Katia Rolán, e os nenos e nenas do colexio Crespo Rivas. “Ata houbo xente que mandou os debuxos por correo electrónico desde fóra de España”, apunta Soto.

Contos para os máis novos

“Non podíamos celebrar o Día Internacional da Infancia sen nenos”, recoñece Jorge Soto. Por ese motivo, foron convidados a acudir á facultade os cativos e cativas da Escola Infantil do campus, que foron recibidos con teatro, contos e globoflexia por parte do alumnado, “moi implicado nos preparativos desta xornada”, como destacou Soto. De feito, os estudantes tamén contribuíron a encher a facultade de carteis conmemorativos para este día.

Os dereitos, en libros e películas

Tamén se sumou a esta conmemoración a Biblioteca Central do campus, que preparou unha exposición conformada por unha selección de filmes e publicacións que abordan a infancia e os seus dereitos. “Trátase de libros e películas que forman parte dos fondos da Universidade, desde novelas sobre a infancia a libros sobre os dereitos dos nenos e nenas”, apunta a directora da biblioteca, Laura González, da selección que o persoal foi preparando nos últimos días co obxecto de achegar outra visión a esta xornada reivindicativa.

A conmemoración continúa o vindeiro martes

Nos actos do Día Internacional da Infancia insírese tamén a mesa redonda sobre a literatura infantil e xuvenil que Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o vindeiro martes 25 ás 11.00 horas. O escritor Antonio García Teijeiro, o editor Fernando Cimadevila, o ilustrador David Rubín e a crítica literaria María Jesús Fernández participarán nesta xornada nun debate que será moderado pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Ana Luna.

“A literatura pode ser un medio moi útil para tratar os dereitos da infancia”, apunta a profesora Ana Acuña dunha actividade que, coa colaboración do centro, organiza a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix) con motivo do seu 25 aniversario. De aí que, segundo explica esta coordinadora da Comisión Unesco, “os avances e transformacións” que se produciron no libro infantil galego neste cuarto de século serán un dos temas centrais dun coloquio que “destaca pola variedade de perfís” dos seus relatores, como apunta Acuña.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós