DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 25 de novembro do 2014

O catedrático da Pompeu Fabra Carles Ramió impartiu unha conferencia en CCSS e da Comunicación

Receitas para remediar a crise institucional


ImageTransparencia, avaliación das políticas públicas, regulación da función do directivo público e mellora da xestión da información. Estas foron as receitas fronte á "preocupante crise política e institucional que estamos a padecer", que puxo sobre a mesa Carles Ramió Matas, catedrático de Ciencia Política e vicerreitor da Universitat Pompeu Fabra. Convidado pola Área de Ciencia Política e da Administración - Observatorio da Gobernanza G3, Ramió debullou nun relatorio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación unha serie de propostas diante dunha crise que considera "máis grave que a económica, xa que pode ser perdurable e non meramente cíclica".

Duvi | Pontevedra
Transparencia, avaliación das políticas públicas, regulación da función do directivo público e mellora da xestión da información. Estas foron as receitas fronte á "preocupante crise política e institucional que estamos a padecer", que puxo sobre a mesa Carles Ramió Matas, catedrático de Ciencia Política e vicerreitor da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona. Convidado pola Área de Ciencia Política e da Administración - Observatorio da Gobernanza G3, Ramió debullou nun relatorio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación unha serie de propostas diante dunha crise que considera "máis grave que a económica, xa que pode ser perdurable e non meramente cíclica".

Entre as grandes estratexias de reforma que propuxo para innovar e rexenerar a administración, o tamén profesor do Máster en Dirección Publica e Liderado Institucional da Universidade de Vigo salientou a necesidade de implantar a transparencia e a avaliación das políticas públicas. Na súa opinión, a calidade dos servizos públicos "mellorou extraordinariamente" nos últimos 30 anos e ata a chegada da crise en 2008, superando á maioría dos países da contorna. Pero, ao mesmo tempo, "a cidadanía contempla como a administración toma decisións de forma secreta, é dicir, gasta os recursos públicos sen contar coa suficiente lexitimidade".

Delimitar responsabilidades

En segundo termo referiuse á necesidade de regular a función pública directiva e clarificar a delimitación de responsabilidades de políticos e funcionarios, tentando evitar o que denominou "travestismo institucional", segundo o que os altos funcionarios deciden as políticas do país ou, á inversa, polo que os políticos "invaden o territorio" dos xestores profesionais do público. No Estado español, afirmou, "probablemente os graos de corrupción sexan equiparables aos doutros países, pero o que fallou aquí foi a neutralidade institucional e o abandono das súas funcións regulatorias e controladoras, esencialmente pola dinámica perversa dos postos de libre designación, que permiten o discrecional nomeamento e cese por parte do político". Un sistema de contratación que "leva ao empregado público, en non poucos casos, a mirar cara outro lado se pretende manter o seu posto e a súa remuneración como alto cargo".

Ramió falou tamén da "urxencia de mellorar a xestión da información nun contexto cada vez máis complexo, o que provoca a necesidade de evolucionar cara a unha administración intelixente, con novos ámbitos funcionais", aos que recomendou encamiñarse aos estudantes presentes no acto, maioritariamente alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública.

Por último, o profesor da Pompeu Fabra defendeu a necesidade de recuperar unha "administración meritocrática, xa que nos últimos 20 anos perdéronse os elementos básicos de igualdade, capacidade e mérito no acceso á función pública, sobre todo nas administracións locais". Neste ámbito concreto, Ramió calcula que "máis do 80% dos novos empregados públicos non lograron o seu acceso de xeito meritocrático" nas administración locais; porcentaxe que estima roldaría o 40% no caso das administracións autonómicas. Isto "impide ou dificulta os controis da actividade pública dos políticos", engadiu Ramió, que finalizou a súa intervención incidindo na necesidade de "profesionalizar dunha vez a función pública e aplicar reformas que vaian ao corazón do sistema institucional e non se limiten, como adoita facerse, a poñer parches que se deterioran rapidamente".
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós