DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 16 de decembro do 2014

O concurso de espazos seleccionou dúas EBT da Universidade de Santiago, unha de Vigo e outra da Coruña

A preincubadora do Campus do Mar tórnase realidade coas súas primeiras inquilinas

A viguesa QualDIMUS traballa en piscicultura sostible e agarda comezar a comercializar servizos trala primavera


ImageCando estreaban o local que lles corresponde en Citexvi como gañadoras do Concurso de de Preincubadoras do Campus do Mar, recibiron outra gran noticia. A súa EBT, QualDIMUS, acabada de ser galardoada co primeiro premio do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras de Real Academia Galega de Ciencias. Todo isto no prazo escaso de dous meses, nos que as investigadoras do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Maruxa Álvarez, Andrea Landeira e Tania Ballesteros foron vendo como a súa iniciativa emprendedora se convertía nunha realidade empresarial. A súa empresa de base tecnolóxica, QualDIMUS, é unha das catro gañadoras desta primeira edición do certame de Campus do Mar, xunto con dúas empresas da Universidade de Santiago de Compostela e unha da Coruña.

M. Del Río | Vigo
Cando estreaban o local que lles corresponde en Citexvi como gañadoras do Concurso de de Preincubadoras do Campus do Mar, recibiron outra gran noticia. A súa EBT, QualDIMUS, acabada de ser galardoada co primeiro premio do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras de Real Academia Galega de Ciencias. Todo isto no prazo escaso de dous meses, nos que as investigadoras do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Maruxa Álvarez, Andrea Landeira e Tania Ballesteros foron vendo como a súa iniciativa emprendedora se convertía nunha realidade empresarial. A súa empresa de base tecnolóxica, QualDIMUS, é unha das catro gañadoras desta primeira edición do certame de Campus do Mar, xunto con dúas empresas da Universidade de Santiago de Compostela e unha da Coruña. O concurso outorga espazos, apoio e formación a propostas empresariais promovidas por estudantes, docentes e investigadores das tres universidades galegas parceiras do campus de excelencia internacional.

QualDIMUS traballa a prol da piscicultura sostible e naceu coa idea de transferir o coñecemento científico xerado Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservacióna un plano máis aplicado. Explica a profesora Maruxa Álvarez que cando arrancaron con esta iniciativa as movía,por un lado, a idea de “ofrecer á sociedade uns servizos baseados no noso coñecemento e, por outro lado, poder xerar emprego dentro da propia contorna universitaria, favorecendo o desenvolvemento económico e social de Galicia”. Coa experiencia investigadora acumulada durante anos e a súa propia empresa xa en marcha, agardan poder comezar a comercializar algúns servizos ao finalizar a primavera, aínda que de momento a prioridade é a experimentación. A cabalo entre a nova oficina en Citexvi e os laboratorios da Facultade de Bioloxía, están a “testear as hipóteses de valor imprescindibles para poder arrancar”. De acadar os resultados agardados, contan co esa data aproximada para poder empezar a ofrecer os seus servizos aos potenciais clientes, polo que traballan simultaneamente na procura de financiamento para sacar adiante o proxecto.

Unha aposta por reducir o uso de químicos na acuicultura

QualDIMUS está orientada, como explican as súas promotoras, “á prevención de enfermidades e ao asesoramento no desenvolvemento de pensos funcionais para o sector da acuicultura de peixes. A aposta de valor de QualDIMUS é precisamente “a redución no uso de químicos, como vacinas e antibióticos, e a diminución dos animais sacrificados para a súa análise, ademais de ser unha empresa baseada na innovación e investigación específica sobre o uso de pensos funcionais que melloren a supervivencia dos peixes”.

As investigadoras de QualDIMUS empregan o mucus cutáneo dos peixes como indicador temperá do se estado, ofrecendo unha gran vantaxe sobre a análise invasivo doutros tecidos, xa que o mucus rexenérase de maneira continua e a unha taxa elevada de produción. Por outro lado, a empresa ofrece un servizo de asesoramento sobre a composición do penso máis efectiva para determinadas especies e estadios do ciclo de vida dos peixes, co obxectivo de reducir o seu risco a contraer infeccións.

O aspecto máis innovador, mellorar a produtividade das granxas de cultivo

Segundo explica Maruxa Álvarez, o punto forte da EBT reside en ofrecer á industria acuícola servizos innovadores de asesoramento que lles permiten ás granxas de cultivo reducir a mortalidade dos peixes e mellora así a produtividade. Para iso, QualDIMUS ofrece ás piscifactorías un servizo de diagnose do estado dos peixes e achega asesoramento sobre o novo concepto de alimentación funcional, que axuda a previr os brotes de infeccións de orixe microbiolóxico. “Este servizo de prevención de enfermidades está baseado na aplicación dun método único que integra tres aspectos básicos que afectan á supervivencia dos peixes: a dieta, a capa mucosa que os recubre e a susceptibilidade a contraer infeccións.

Tras instalarse neste novo local e ter recibido o premio da RAGC, continúan a presentar a súa empresa a novos certames de emprendemento e innovación ao tempo que veñen de concluír a súa participación no Programa Business Accelerator, ao abeiro do cal deseñaron o plan de negocio da empresa. Álvarez explica que a concesión do espazo na preincubadora do Campus do Mar “foi o desencadeante para que nos decidísemos a apostar por tratar de poñer en marcha a iniciativa empresarial” e lembra que aínda que está en “fase de semente”o ter un espazo “estanos permitindo comezar a gañar visibilidade no sector no da acuicultura e tamén da biotecnoloxía”. Engade tamén que o feito de estar en Citexvi lles permite acceder a outros servizos, formación e aceleración do plan de empresa que, doutro xeito, “non estaría ao noso alcance”.

Inquilinos en Santiago e A Coruña

Esta primeira edición do Concurso de de Preincubadoras do Campus do Mar deixa outras tres iniciativas emprendedoras galardoadas. Por parte da Universidade da Coruña foi seleccionada WatchSENSE, mentres que da Universidade de Santiago resultaron gañadoras Chemantec e Celtalga Extract. As dúas empresas da USC están instaladas no Edificio EMPRENDIA, mentres a da Coruña está no viveiro de EBT da UDC. No caso de Chemantec, trátase dunha empresa de servizos baseada na aplicación de ensaios analíticos e I+D para determinar a seguridade no sector alimentario e empresas auxiliares. Esta EBT xorde do coñecemento e experiencia do Grupo de Materiais da USC e do seu traballo conxunto con outros equipos da mesma universidade. Celtalga Extract é, pola súa banda, un proxecto empresarial que nace co obxectivo de producir extractos a partir de algas da costa galega aplicando ultrasóns. Esta empresa xa recibiu tamén o premio 'Base Tecnolóxica' do XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC. Finalmente a coruñesa WatchSENSE ofrece unha mellora da produción co uso da tecnoloxía no sector primario.

As catro novas empresas contarán, ademais de cos espazos gratuítos nas preincubadoras de Campus do Mar por un período dun ano, con acceso a redes e a outros servizos comúns, así como ferramentas de formación e apoio na preparación do plan de empresa e a busca de financiamento público e privado e asesoramento xurídico-empresarial. Disporán ademais do soporte ofrecido polo Campus Dixital do Mar a través dun paquete de servizos dixitais de aplicación á iniciativa empresarial.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós