DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 18 de decembro do 2014

Como único representante español

Jesús Souza entra a formar parte do comité executivo da Rede Europea de Estacións Mariñas

O EMBRC pon en marcha un portal que facilita o acceso a todas as actividades formativas do ámbito mariño


ImageO director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Jesús Souza Troncoso, ven de ser elixido para formar parte do Comité Executivo da Rede Europea de Estacións Mariñas, MARS, a asociación na que se agrupan os principais centros de investigación europeos sobre estas temáticas e da que forma parte a Ecimat dende fai xa cinco anos, gañando cada vez máis protagonismo, tal e como se reflicte con cuestións tan concretas como este nomeamento ou a participación en 2014 do centro nun consorcio europeo candidato a acadar financiamento do programa Horizonte 2020

D. Besadío | Vigo
O director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Jesús Souza Troncoso, ven de ser elixido para formar parte do Comité Executivo da Rede Europea de Estacións Mariñas, MARS, a asociación na que se agrupan os principais centros de investigación europeos sobre estas temáticas e da que forma parte a Ecimat dende fai xa cinco anos, gañando cada vez máis protagonismo, tal e como se reflicte con cuestións tan concretas como este nomeamento ou a participación en 2014 do centro nun consorcio europeo candidato a acadar financiamento do programa Horizonte 2020 para diferentes infraestruturas de investigación, entre elas, unha rede paneuropea a gran escala de observatorios mariños.

Jesús Souza será o único representante español neste comité executivo, un selecto grupo do que forman parte unha ducia de profesionais de diferentes países da Unión Europea que se reúnen periodicamente para, entre outras cuestións, definir as liñas estratéxicas que debe manter a rede, asociación que funciona tamén a modo de lobby ou grupo de presión de cara a conseguir que as convocatorias de financiamento europeas inclúan aquelas temáticas que máis poidan interesar á comunidade científica mariña.

Constituído como o principal foro de comunicación coas organizacións internacionais e os xestores da investigación europea, MARS creouse hai xa preto de dúas décadas co obxectivo de constituír unha rede de estacións mariñas a escala europea que puidese contribuír na definición das estratexias de investigación que servirán de contrapunto á crecente fragmentación da comunidade científica mariña e á crecente dificultade competitiva das estacións mariñas de cara a acadar recursos. Este era o obxectivo inicial e, a día de hoxe, integran a rede centros de investigación de 23 países de toda Europa, cuxa colaboración ten servido para o desenvolvemento dunha frutífera política de investigación mariña que se traduciu xa no financiamento de varios programas e proxectos internacionais e en importantes avances científicos. No caso de España forman parte de MARS, a Ecimat e, desde máis recentemente, a Universidad de Oviedo.

Portal único para formación mariña

Ademais desta rede, a Ecimat forma tamén parte doutros agrupamentos estratéxicos, entre outros, o pasado mes de outubro incorporouse como como único representante español xunto á Estación Mariña de Plentzia da Universidade do País Vasco,PiE-UPV, ao o Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños, EMBRC, creado co obxectivo de facilitar o acceso dos investigadores aos diferentes ecosistemas costeiros da Unión Europea e ás infraestruturas de investigación mariña de arredor dunha vintena de países de toda Europa.

Aínda en fase de implementación, dende a Ecimat destacan a recente creación ao abeiro desta rede do portal de formación MarineTraining.eu, desenvolvido pola Universidade de Ghent, o nodo belga da rede. Dirixido a estudantes, organizadores de actividades formativas e outras organizacións que desexen colaborar nesta área, o portal recolle, segundo explican os investigadores vigueses, unha ampla colección de ferramentas relacionadas coa formación en temas mariños e inclúe un ambicioso catálogo de iniciativas formativas por toda Europa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós