DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 08 de xaneiro do 2015

Investigadores liderados por Fidel Picos estudan a desigualdade, mobilidade e redistribución da renda

Novas perspectivas para analizar a situación económica das familias

Xunto aos datos procedentes de enquisas a fogares empregarán declaracións da renda de entre 1999 e 2012


ImageA caída da actividade económica dende 2007 tivo como consecuencia que moitos fogares españois viran reducidos os seus ingresos, aínda que outros puideron incrementalos. Agora un grupo de investigadores da Universidade de Vigo liderado por Fidel Picos está a analizar a través de distintas fontes de información cal foi o efecto destes cambios en termos de desigualdade e mobilidade de rendas, así como cal é o papel dos impostos na súa redistribución dos máis ricos aos máis pobres. Ata maio de 2017, traballarán no desenvolvemento de novas metodoloxías de medición destes fenómenos para despois aplicalas aos datos reais da situación española. “Nos últimos anos observouse que coa crise a desigualdade aumentou en moitos países e parece que os impostos redistribúense un pouco menos, e son temas sobre os que hai unha crecente preocupación”, salienta Picos, do grupo GEN.

Noemí Rey | Ourense
A caída da actividade económica dende 2007 tivo como consecuencia que moitos fogares españois viran reducidos os seus ingresos, aínda que outros puideron incrementalos. Agora un grupo de investigadores da Universidade de Vigo liderados por Fidel Picos está a analizar utilizando distintas fontes de información cal ten sido o efecto destes cambios en termos de desigualdade e mobilidade de rendas, así como cal é o papel dos impostos na redistribución de rendas dos máis ricos aos máis pobres.

Ata maio de 2017, este grupo de investigadores traballará no desenvolvemento de novas metodoloxías de medición destes fenómenos para despois aplicalas aos datos reais da situación española, aínda que non descartan estudar o caso dalgún país da Unión Europea. “Nos últimos anos observouse que coa crise a desigualdade aumentou en moitos países e parece que os impostos redistribúense un pouco menos, e son temas sobre os que hai unha crecente preocupación”, salienta Picos, membro do grupo Governance and Economics research Network (GEN) da Universidade de Vigo. A análise centrarase nos anos dos que se dispoñen datos en España, desde 1999 ata 2012, “un período moi longo onde podemos observar tanto a etapa de crecemento económico forte como a posterior burbulla e a crise”.

Bebendo de fontes fiscais

A investigación atópase nestes intres en fase de planificación. Con traballo adiantado en partes como a mobilidade, agora os seis investigadores que participan no proxecto incidirán nas liñas marcadas nos temas de redistribución e desigualdade pero “mellorándoas” e complementándoas. “Nós traballamos con microdatos, información de persoas ou familias reais pero anónimas. Utilizaremos tanto enquisas sobre condicións de vida das familias como datos de declaracións da renda, que aínda que pareza o mesmo non o é, xa que, por exemplo, os máis pobres non van a aparecer nas declaracións da renda, porque non están obrigados, porque non teñen ingresos... pero os máis ricos habitualmente non están nas enquisas ou non din o que gañan realmente”, explica Picos, para quen unha parte importante da investigación é ver en que medida os resultados destes dous métodos coinciden ou diverxen.

A pesar de que son poucos os estudos en España que miden estes tres parámetros, un dos puntos de partida da investigación é que nos últimos anos obsérvase unha menor mobilidade económica. Sen embargo, todos estes datos hai que “tomalos con cautela”, xa que se basean en enquisas “que por certas limitacións non pode seguir a unha mesma persoa durante moito tempo”, mentres que dos datos fiscais dispóñense de miles de observacións durante períodos de máis de dez anos. En particular, utilizarán unha base de datos de case 150.000 declaracións da renda recollidas dende 1999 ata 2012, importantes para afrontar un tema como a mobilidade polo amplo percorrido temporal que non permite a enquisa, xa que “podes facer o seguimento dun mesmo individuo sen molestalo, simplemente acudindo aos datos da Axencia Tributaria e seleccionando de xeito anónimo a mostra a estudar”.

Pobres invisibles

Aínda que a investigación está nunha fase moi inicial, tras unha primeira exploración dos datos parece que a crise afecta de xeito diferente se se analiza a través das enquisas ou da información fiscal: as primeiras dan unha maior desigualdade que non aparece reflectida nas declaracións da renda. A explicación, sinxela: neste caso as enquisas poden ser máis reais, xa que todos aqueles habitantes considerados pobres “saíron dos rexistros da Axencia Tributaria por falta de obrigación, por quedar no paro... e desaparecen das estatísticas”. “A pesar de que eu son dos investigadores que empregan as declaracións para facer análises de desigualdade, nunha crise son algo perigosas, por iso queremos analizalo todo con calma e desde distintos puntos de vista”, recorda.

O equipo que traballa neste proxecto financiado con 97.000 euros pola Xunta está formado por outros cinco investigadores ademais de Fidel Picos: dous profesores da Universidade de Vigo, Miguel Rodríguez e Raquel Arévalo, a docente da Universidad Autónoma de Madrid María Gil, a da Universidade Rey Juan Carlos María del Carmen Rodado e o doutorando José Manuel Heredia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós