DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 13 de xaneiro do 2015

Nace Ephytech, unha spin-off xurdida do grupo de investigación de Física Medioambiental

Solucións eficientes a problemas ambientais e de enxeñaría creadas máis aló dos laboratorios da Universidade

Entre os seus clientes xa se atopan investigadores europeos e empresas privadas españolas


ImageA traxectoria do grupo de investigación EPhysLab nos últimos anos deixa para os seus compoñentes múltiples recoñecementos ao seu traballo. O último exemplo deste éxito investigador é a posta en marcha da spin-off Environmental Physics Technologies (Ephytech), que botou a andar hai catro meses para achegar solucións “máis eficientes e competitivas” a problemas ambientais e de enxeñaría. Con proxectos en sectores como a enxeñaría marítima ou civil, as enerxías renovables, a análise dos efectos do cambio climático ou o desenvolvemento dun software de simulación de fluídos, esta empresa busca acadar o último chanzo da investigación: a súa aplicación directa á sociedade.

Noemí Rey | Ourense
A traxectoria do grupo de investigación Environmental Physics Laboratory (EPhysLab) nos últimos anos deixa para os seus compoñentes múltiples recoñecementos ao seu traballo. O último exemplo deste éxito investigador é a posta en marcha da spin-off Environmental Physics Technologies (Ephytech), que botou a andar fai apenas catro meses para achegar solucións “máis eficientes e competitivas que as existentes” a problemas ambientais e de enxeñaría. Con proxectos en sectores como a enxeñaría marítima ou civil, as enerxías renovables, a análise dos efectos do cambio climático ou o desenvolvemento dun software de simulación de fluídos, esta empresa busca acadar o último chanzo da investigación: a súa aplicación directa á sociedade. “Os fundadores levamos entre 5 e 12 anos traballando en labores de investigación neste grupo e xa publicamos aplicacións que espertan interese, que poden ter un uso real e que moitas empresas privadas estarían interesadas”, salienta o doutor Alejandro Cabrera Crespo, un dos cinco socios fundadores da spin-off.

A pesar da súa curta vida, os investigadores de Ephytech están a traballar na mellora da visualización de fluídos cun grupo de científicos de Francia; en problemas de enxeñaría marítima, como o deseño de diques ou a protección de costas; no deseño de dispositivos que permitan o aproveitamento da enerxía das ondas ou nas simulacións “ou animacións para que determinados aspectos sexan máis atractivos de cara a unha presentación nunha entidade”. Tamén están especializados en fotogrametría, a través da que cun helicóptero ou cun dron “sacamos unha serie de imaxes para despois poder facer un levantamento topográfico en 3D, vídeos divulgativos...”.

Pensando no futuro

Todos os servizos que ofrece Ephytech están moi relacionados coa labor de investigación que estaban a realizar no grupo de Física Medioambiental, co que catro dos socios fundadores aínda están vinculados de xeito directo. A cabalo entre grupo e empresa, a spin-off xurde non só para aplicar o coñecemento e a experiencia adquirida nos laboratorios da Universidade de Vigo en cuestións de cambio climático ou de dinámica computacional de fluídos, senón tamén como unha saída laboral nun momento no que en España “a investigación non está a pasar polo seu mellor momento en canto a financiamento”.

Para Alejandro Cabrera é importante aproveitar que “hai un gran interese por parte do tecido empresarial en solucións como as que nos achegamos” para poder seguir coa labor investigadora sen depender das institucións públicas. “Coa situación actual é moi complicado que nun grupo tan grande como EPhysLab todos podamos estabilizarnos na Universidade, así que é unha aposta de futuro, aínda que montar unha spin-off é como montar unha empresa: pode saír ben como pode saír mal”, recorda este investigador Ramón y Cajal.

Dous físicos, dous informáticos e un licenciado en ADE

O equipo que conforma Ephytec é multidisciplinar, xa que nas súas filas atópanse dous físicos, Alejandro Cabrera e Anxo Barreiro; dous enxeñeiros informáticos, José Manuel Domínguez e Orlando García; e un licenciado en Administración e Dirección de Empresas, Ángel Álvarez, que exerce como administrador da spin off. Todos eles son egresados da Universidade de Vigo, na que tamén desenvolveron diferentes facetas investigadoras.

É esta heteroxeneidade a que permite á entidade unha mellor organización do traballo e obter resultados precisos e rápidos. “Os físicos e enxeñeiros traballamos na modelización e simulación de problemas ambientais e de enxeñaría a través de aproximacións físicas e matemáticas para reproducir a realidade mediante o uso de softwares cos que os enxeñeiros informáticos traballan para facer posible que sexan eficientes e rápidos e poidamos obter solucións aos problemas dunha maneira precisa e nun corto período de tempo”, salienta.

Galicia Open Future

Neste comezo do camiño, Ephytech foi un dos 50 proxectos seleccionados para participar na primeira edición de Galicia Open Future, un centro de emprendemento impulsado por Telefónica e a Xunta de Galicia que ten a súa sede na Cidade da Cultura. Elixidos como unha das start-up con máis potencial de entre as 130 presentadas, só por participar nesta fase recibirán 2000 euros achegados pola Axencia Galega de Innovación; agora traballan arreo para optar aos 25000 euros que se lle darán aos tres mellores proxectos para investir no desenvolvemento da empresa. “Estamos pelexando para ser os mellores”, aseguran os investigadores, que levan dedicado a maior parte do seu tempo nos últimos meses a atender todo o que ofrece esta especie de incubadora: adestramentos individuais; obradoiros grupais de innovación; talleres prácticos de marketing, comunicación ou xestión e masterclass interactivas impartidas por profesionais de prestixio no ámbito da comercialización, a loxística ou o financiamento.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós