DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 14 de xaneiro do 2015

Juan Carlos Bazo analizou as proxeccións climáticas deste país na súa tese de doutoramento

Perú chegará ao século XXII con ata 4,5 graos máis de temperatura

Haberá un incremento de chuvias na zona norte de país fronte á seca do centro e do sur


ImageOs resultados do quinto informe de avaliación do Panel Intergubernamental de Cambio Climático (IPCC) deixan ver de xeito inequívoco que o principal causante do quecemento global que se ven dando dende mediados do século XX é o home. Cunha subida de temperaturas inusual e continua tanto na atmosfera como no océano, dende 1850 cada unha das últimas décadas foron máis quentes que calquera decenio anterior. E Perú non é alleo a este problema: de aquí a final de século verá incrementada a súa temperatura en ata 4,5 graos e haberá moita máis chuvia polo norte e seca polo sur. Son as principais conclusións sacadas por Juan Carlos Bazo da súa tese de doutoramento, na que analizou e avaliou o clima actual e xerou escenarios rexionalizados de 50 quilómetros coas que facer proxeccións climáticas para este país para un futuro próximo (2015-2040) e afastado (2075-2100).

Noemí Rey | Ourense
Os resultados do quinto informe de avaliación do Panel Intergubernamental de Cambio Climático (IPCC) deixan ver de xeito inequívoco que o principal causante do quecemento global que se ven dando dende mediados do século XX é o home. Cunha subida de temperaturas inusual e continua tanto na atmosfera como no océano, dende 1850 cada unha das últimas décadas foron máis quentes que calquera decenio anterior. E Perú non é alleo a este problema: de aquí a final de século verá incrementada a súa temperatura en ata 4,5 graos e haberá moita máis chuvia polo norte e seca polo sur. Son as principais conclusións sacadas por Juan Carlos Bazo da súa tese de doutoramento, na que analizou e avaliou o clima actual e xerou escenarios rexionalizados de 50 quilómetros coas que facer proxeccións climáticas para este país para un futuro próximo (2015-2040) e afastado (2075-2100).

Para levar adiante a súa investigación, Bazo empregou diferentes modelos que serviran de chave para cotexar os datos obtidos. Por un lado, empregou un modelo climático rexional Regional Climate Model (RegCM) sobre Perú e catro modelos de circulación xeral do IPCC con gran cantidade de variables que permite representar de maneira máis completa o clima; por outro, o modelo xaponés de alta resolución 20 quilómetros da axencia meteorolóxica de Xapón. Con eles estudou os cambios esperados nas variables de temperatura e precipitación e a súa relación directa co fenómeno El Niño (ENSO), que provoca cada vez máis eventos extremos cun importante impacto negativo no país peruano: perdas de arredor de 5700 millóns de dólares tras as chuvias e inundacións de 1982-1983 e 1997-1998 ou centos de turistas illados polas fortes precipitacións en Machu Picchu en 2010.

Dous graos máis a mediados de século

A pesar de ter que enfrontarse a algunhas rexións que non permitían unha boa resolución dos modelos polas súas condicións particulares, Bazo tamén atopou outras nos que os modelos reproduciron con bastante acerto a climatoloxía e conseguiu determinar que “haberá un cambio na porcentaxe de precipitación para o s. XXI, amosando unha zona con incremento de choivas na rexión noroeste e outra con diminución nos Andes peruanos do sur e na conca amazónica”. En canto ás temperaturas, “prevense incrementos de ata 2 graos en gran parte de Perú para mediados deste século, mentres que para finais produciranse aumentos de entre 3,5 e 4,5 graos, principalmente na conca amazónica e nos Andes”, salienta o investigador, alumno do departamento de Física Aplicada (EPhysLab) da Universidade de Vigo.

Con respecto ao fenómeno de El Niño, a partir da temperatura superficial do mar dos modelos empregados na investigación, Juan Carlos Bazo buscou analizar os futuros cambios nos patróns de choiva asociados a ENSO en Perú. Se na actualidade este fenómeno afecta ao país provocando un incremento de chuvias na rexión norte e seca no centro e no sur, co paso do tempo e “a amplitude de incremento da temperatura superficial do mar no océano Pacífico” o patrón acentuarase e chegarase ao novo século con “maiores precipitacións na zona norte e unha nova diminución nos Andes centrais e do sur”.

Retroceso dos glaciares

Juan Carlos Bazo centrou a súa investigación nun tema que preocupa de xeito latente ás autoridades peruanas. Estudos levados a cabo polo Servizo Nacional de Meteoroloxía e Hidroloxía do estado xa indicaban que existían “tendencias significativas de diminución da precipitación nalgunhas zonas do país, pero tamén se tiñan observado procesos que sabemos que están directamente relacionados co incremento da temperatura global, como o retroceso dos glaciares”. Perú conta con máis do 75% dos glaciares tropicais do mundo e “está sendo testemuña” do retroceso acelerado das masas de xeo máis importantes. “O máis crítico da súa desaparición e que, na maioría deles, ademais de haber ecosistemas únicos, son a principal fonte de recursos hídricos das concas asociadas, tanto para auga como para enerxía”, salienta o investigador.

A investigación desta tese foi dirixida pola profesora de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Nieves Lorenzo, e pola docente do Institudo de Astronomia, Geofísica e Ciências Atmosféricas da Universidade de Sao Paulo, Rosmeri Porfirio.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós