DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 14 de xaneiro do 2015

A ANL compila nun manual as respostas ás preguntas máis frecuentes que reciben sobre o uso da lingua

En galego e sen dúbidas

É unha ferramenta para homoxeneizar e mellorar a calidade da comunicación escrita na Universidade


Image“Pretendemos cun formato novo, visual e práctico completar o material didáctico existente. A calidade, coherencia e homoxeneización deben ser inherentes á lingua da institución, tanto na administración coma na transferencia do coñecemento”. Así explican Eva María Castro Figueiras e María Cristina Rodríguez Ricart, técnicas da Área de Normalización Lingüística, o propósito de Na universidade en galego sen dúbida, un novo recurso didáctico para a aprendizaxe da lingua galega presentado este mércores ao abeiro do convencio sobre normalización asinado entre a Universidade e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

M. Del Río | Vigo
“Pretendemos cun formato novo, visual e práctico completar o material didáctico existente. A calidade, coherencia e homoxeneización deben ser inherentes á lingua da institución, tanto na administración coma na transferencia do coñecemento”. Así explican Eva María Castro Figueiras e María Cristina Rodríguez Ricart, técnicas da Área de Normalización Lingüística, o propósito de Na universidade en galego sen dúbida, un novo recurso didáctico para a aprendizaxe da lingua galega presentado este mércores e elaborado ao abeiro do convenio de colaboración en materia de normalización lingüística que asina cada ano a Universidade de Vigo coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O libro, editado en papel e dispoñible tamén en formato dixital, recolle material que procede “da compilación das consultas lingüísticas máis frecuentes que recibimos acotío na ANL e pretendemos dotar á comunidade universitaria dun recurso para resolver dúbidas, e polo tanto mellorar a calidade das súas comunicacións orais e escritas”. A diferenza doutras pautas anteriormente editadas pola ANL e aínda pendentes dunha ortografía da Real Academia Galega, explican que neste manual “ocuparámonos de cuestións antes non tratadas como darlle prioridade ao criterio de oficialidade, a citación bibliográfica e uso da linguaxe non discriminatoria”.

Froito de tres anos de traballo

O manual é froito do traballo desenvolto polas dúas filólogas durante os últimos tres anos e, segundo destacou o reitor da Universidade, Salustiano Mato, “é un vehículo que debe de axudar a que a comunidade universitaria viaxe á ANL”. De feito, neste documento tanto estudantes como PAS e PDI poden atopar solucións a dúbidas tan habituais como se se traduce o título dunha película ou se os cargos se escriben con maiúscula ou con minúscula. O manual estrutúrase en capítulos dedicados a contidos diversos como variedades tipográficas, usos de minúsculas e maiúsculas, signos de puntuación, abreviacións, expresións numéricas, expresión procedentes doutras linguas, toponimia, estándares para as citacións e referencias bibliográficas e un apartado centrado na linguaxe non discriminatoria, que achega alternativas e recursos para que a lingua non sexa sexista. Segundo explicou María Cristina Rodríguez Ricart na presentación da publicación, dous destes capítulos son inéditos: o relativo á bibliografía e o referente á toponimia.

O reitor subliñou o que máis importante é que o documento sirva para que “sexa máis amigable, satisfactorio e sinxelo o uso da nosa lingua”. Dende a ANL destacan que se trata de resolver dúbidas pero tamén de homoxeneizar o uso do idioma e inciden na necesidade “de sermos máis esixentes na imaxe que damos como persoal dunha institución de ensino superior nos escritos que producimos”. O director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral, explicou que tanto o documento como o servizo ofrecen asesoramento a toda a comunidade universitaria incluíndo tanto as normas oficiais de ortografía e morfoloxía como os criterios lingüísticos adoptados pola Universidade de Vigo en casos que admiten varias opcións, que aínda que non son de obrigado cumprimento, si son recomendables na procura dunha coherencia na comunicación interna e externa da institución. Neste sentido, optouse por exemplo, polo emprego de ao no canto da contracción ó ou o uso do signos de interrogación e exclamación só ao remate das oracións.

O uso de maiúsculas e minúsculas, o que máis consultas xera

Este manual recolle respostas a boa parte das dúbidas que recibe a ANL por parte da comunidade universitaria. Explican as autoras que é o persoal de administración e servizos o que máis consultas realiza, xa que os alumnos e alumnas contan cunha formación máis ampla e recente en lingua galega. Engaden que boa parte do persoal, a pesar de ter realizado cursos de formación, pasaron xa por tres reformas da normativa oficial e precisan moitas veces actualizar coñecementos. Ao seu entender, é precisamente a linguaxe institucional que se emprega na Universidade a que precisa dunha maior homoxeneización, tanto na administración como na transferencia do coñecemento. Entre as dúbidas máis comúns están os usos de maiúsculas ou minúsculas, as abreviaturas, os tratamentos de respecto ou as consultas sobre toponimia, tanto galega como non galega.

O documento é aberto, interactivo e poderá ser actualizado, “é unha ferramenta viva como a lingua, e o seu uso será o que a manteña viva, para que non morra en poucos anos”, explicaba Paulo Cabral. De feito, a introdución desta publicación conclúe afirmando: “o peor galego é o que non se usa, ese non dá pé nin a ser mellorado”, animando á comunidade universitaria a falalo e a aprender facéndoo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós