DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 23 de xaneiro do 2015

Os resultados do estudo do IEO e da Universidade de Vigo servirán para protexer a biodiversidade

Investigadores do proxecto EcoAfrik avalían a conservación dos ecosistemas mariños do Atlántico sudoriental

A campaña desenvolverase fronte ás costas de Sudáfrica e Namibia ata mediados de febreiro


Image Analizar os Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMVs) é o obxectivo da campaña que investigadores do proxecto EcoAfrik desenvolverán ata mediados do mes de febreiro en augas do Atlántico sudoriental, fronte ás costas de Sudáfrica e Namibia. Persoal investigador coordinado por Ana Ramos do Centro Oceanográfico de Vigo, que inclúe unha representación da Universidade de Vigo, liderada polo profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Fran Ramil, participa nesta campaña, froito da cooperación entre a SEAFO, a comisión da FAO para a organización das pesquerías no Atlántico sudoriental, o proxecto EAF-Nansen e o programa Deep-sea da FAO.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Analizar os Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMVs) é o obxectivo da campaña que investigadores do proxecto EcoAfrik desenvolverán ata mediados do mes de febreiro en augas do Atlántico sudoriental, fronte ás costas de Sudáfrica e Namibia. Persoal investigador coordinado por Ana Ramos do Centro Oceanográfico de Vigo, que inclúe unha representación da Universidade de Vigo, liderada polo profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Fran Ramil, participa nesta campaña, froito da cooperación entre a SEAFO, a comisión da FAO para a organización das pesquerías no Atlántico sudoriental, o proxecto EAF-Nansen e o programa Deep-sea da FAO para acadar os obxectivos da Asemblea Xeral das Nacións Unidas e as correspondes directrices da FAO en relación coa conservación de ecosistemas mariños e a regulación da pesca no fondo en alta mar.

“A finais do pasado ano a FAO invitounos a participar nesta campaña a bordo do buque oceanográfico noruegués Dr. Fridtjof Nansen, no que xa traballaramos nos anos 2011 e 2012 no NW de África”, explica Fran Ramil que xunto a tamén investigadora Marta Gil, integran a representación da Universidade de Vigo neste proxecto, liderado polo investigador noruegués Odd Aksel Bergstad. Foi a propia FAO a que contactou con Ana Ramos para ofrecer a este equipo a responsabilidade do estudo dos invertebrados bentónicos que se recollan nos arrastres de fondo e da identificación e delimitación mediante prospección con vídeo submarino dos EMVs que se localicen na zona SEAFO durante a campaña.
Ramil será o responsable a bordo do estudo do bentos e da análise das imaxes submarinas, unha información que axudará a analizar a idoneidade dos actuais peches de EMV,s, levadas a cabo exclusivamente a partir de características morfolóxicas e afinidade bioxeográfica, ao tempo que servirá para implementar a protección dos recursos mariños e mellorar as medidas de xestión pesqueira encamiñadas á protección da biodiversidade e os ecosistemas en augas profundas do Atlántico sudoriental.

Durante a campaña, que arrancaba o pasado día 15 do porto de Cidade do Cabo, en Sudáfrica, analizarase a presenza e abundancia de peixes bentopeláxicos (pescada negra austral e alfonsiño, entre outros) e epibentos sésil, incluíndo as especies indicadoras de Ecosistemas Mariños Vulnerables como corais de augas frías, esponxas ou gorgonias, tanto en zonas de pesca seleccionadas, como en áreas pechadas á mesma.

Un recoñecemento ao labor de EcoAfrik

“Para nós esta invitación da FAO e tamén do Institut of Marine Research de Bergen, Noruega, cos que xa colaboramos nos anos 2011 e 2012 no proxecto Canary Current Large Marine Ecosystem, representa o recoñecemento do labor que estamos a realizar no estudo dos invertebrados das costas occidentais de África dende o ano 2004, tanto no eido científico como no da formación de persoal investigador na rexión”, sinala Fran Ramil. Os investigadores de EcoAfrik tamén participaron no ano 2009, por encargo da SEAFO, na elaboración dunha guía de identificación de corais e esponxas para uso de observadores embarcados en buques comerciais neste área de pesca.

Ata o de agora en augas de alta mar de SEAFO identificáronse 13 áreas mariñas vulnerables, das que unha decena están pechadas á pesca con artes de fondo. Aínda que seis delas se consideran como inexplotadas, outras catro, as montañas submariñas Dampier, Malahit Guyot, Molloy e Vema, xa sufriron algún tipo de explotación. Tres zonas máis, os bancos de Valdivia e Ewing e a montaña Meter, foron propostas para o seu peche, aínda que permanecen abertas á pesca.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós