DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 27 de xaneiro do 2015

Ciencias da Educación acolle unhas xornadas de avaliación cognitiva en persoas maiores

As enfermidades neurodexenerativas, grandes protagonistas do s. XXI

Buscan homoxeneizar e adaptar ao patrón cultural galego os diferentes protocolos para unha detección precoz


ImageA baixada na taxa de natalidade e o incremento da esperanza de vida deixan unha sociedade cada vez máis envellecida e unha España na queos maiores de 65 anos representarán o 37% da poboación a mediados de século. E Galicia é unha das rexións xeográficas máis envellecidas do país. Ese aumento da esperanza de vida supón o aumento de enfermidades neurodexenerativas polo que, para achegarse a cuestións como a homoxeneización dos protocolos de diagnose, a Facultade de Ciencias da Educación organiza coa Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) a xornada Avaliación cognitiva e neuropsicolóxica en persoas maiores.

Noemí Rey | Ourense
A baixada na taxa de natalidade e o incremento da esperanza de vida deixan unha sociedade cada vez máis envellecida e unha España na que se estima que os maiores de 65 anos representen o 37% da poboación a mediados de século. E Galicia é unha das rexións xeográficas máis envellecidas e lonxevas dentro do estado español. Ese aumento da esperanza de vida leva aparellado un incremento na aparición de enfermidades neurodexenerativas, entre as que a demencia ten un maior impacto na saúde pública polos elevados custes directos e indirectos que require o seu tratamento.

Para achegarse a estas e outras cuestións e traballar na homoxeneización dos protocolos de diagnose, a Facultade de Ciencias da Educación organiza en colaboración coa Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) a xornada Avaliación cognitiva e neuropsicolóxica en persoas maiores, unha actividade formativa que se está levando a cabo nas catro provincias galegas para reflexionar sobre os instrumentos que poden ser máis eficaces para a detección e a súa adaptación á realidade cultural de Galicia, “a súa linguaxe ou ás tarefas máis habituais nas que se soen aplicar”. “Para diagnosticar unha demencia non podemos aplicar calquera test baixado de internet de calquera xeito, hai que remitirse ás probas xa existente e aplicalas de determinada maneira, cos baremos establecidos, e ese traballo esixe un grao de precisión importante que vai permitir detectar polo menos a sospeita de demencia e derivar ao posible paciente ao servizo oportuno”, salienta David Facal, vogal de Psicoxerontoloxía da SGXX, profesor da Universidade de Santiago e coordinador das xornadas. Os interesados poden inscribirse na web da Sociedade Galega ata este mércores 28 de xaneiro.

A perda de memoria non é demencia

Aínda que hai moitas enfermidades neurodexenerativas, o Alzheimer é o máis coñecido, sobre todo porque afecta a entre o 50 e 70% das persoas con algunha demencia. Son enfermidades que comezan con pequenos trastornos de memoria que van evolucionando de xeito progresivo e que van comprometendo outras funcións cognitivas e de conduta, derivando incluso nun estado de invalidez social e de dependencia. Pero hai que diferenciar “entre os fallos de memoria normais en persoas maiores e os deterioro asociado a cadros demenciais”: mentres os producidos pola idade soen comprometer sobre todo á memoria episódica, patoloxías como o Alzheimer degradan tamén a memoria semántica.

Aínda que hai un deterioro cognitivo leve que se vai incrementando coa idade que afecta ao 10% dos individuos de entre 70 e 79 anos e ao 25% de entre 80 e 89 anos e que implica dificultade para aprender e recordar información nova, para resolver problemas ou tomar decisións, para recordar eventos ou conversacións recentes... só entre o 5 e o 10% das persoas con este deterioro acaban padecendo demencia. “Ata os 85 anos mantemos case intacta a memoria semántica aínda que co paso do tempo imos notando o fenómeno que se chama ‘punta da lingua’: saber algo pero que nese intre non che saia. Está relacionado coa distancia semántica e a velocidade de procesamento: non é que a persoa teña un déficit de vocabulario, senón que ten maior dificultade para atopar rápido a palabra”, salienta José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense, profesor da Universidade de Vigo e poñente das xornadas.

Máis deterioro no laboratorio que na realidade

Falar de envellecemento é falar de tópicos sobre a memoria, sen embargo o ser humano ten diferentes tipos de memoria que van mudando co tempo de xeito desigual. A semántica, por exemplo, experimenta un auxe entre os 65 e os 85 anos, mentres que se empeza a notar un declive significativo a partir dos 65 en canto aos recordos de eventos ou feitos pasados, cunha perda de ata o 25% nos octoxenarios. Datos a ter en conta atendendo “á variabilidade que ten o envellecemento, porque nin todas as persoas envellecen do mesmo xeito nin todos os órganos do noso corpo avellentan ao mesmo ritmo”.

As persoas maiores amosan un empeoramento de aptitudes cando están sometidos á presión do tempo ou cando teñen que atender a distintos estímulos á vez. E aínda así, a cousa cambia se se experimenta nun laboratorio ou no contexto natural dos participantes: no primeiro caso, as persoas maiores obteñen un menor rendemento; no segundo, conseguen situarse incluso por riba dos máis novos. “Son conscientes das súas limitacións e saben compensalas con apoios contextuais. Hoxe en día é moi habitual a todas as idades empregar axudas externas como axendas, teléfonos móbiles... que nos permiten recordar tarefas pendentes”, salienta Faílde.

O ‘vellismo’ e solucións

A sociedade en xeral ten interiorizado o que está considerado como o terceiro tipo de discriminación xunto ao racismo e o sexismo, o ‘vellismo’, un estereotipo que leva incluso ás persoas maiores a ter unha propia concepción da súa memoria peor do que é en realidade. Para facer esa estimulación cognitiva e previr calquera demencia os expertos recomendan tomar medidas cotiás como facer exercicio, durmir polo menos 8 horas, reducir os niveis de estrés, evitar o consumo de tóxicos, prestar máis atención a todas as tarefas que se realizan, repetir con frecuencia a información nova ou manterse motivado e cunha actitude positiva. E, por suposto, recorrer a axudas externas como alarmas, teléfonos intelixentes ou axendas se se precisa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós