DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 06 de febreiro do 2015

Persoal do IEO e das universidades de Vigo e Coruña participa na investigación financiada con 480.000 euros

O proxecto Impacta avaliará por primeira vez o efecto químico dos microplásticos no medio mariño español

Tamén estudará na ría de Vigo e no Mar Menor a distribución de contaminantes regulados e emerxentes


Image Aínda que o plástico é un material inerte e non ten toxicidade si contén aditivos daniños, que no caso dos máis perigosos e en concentracións elevadas, poden chegar a interferir co metabolismo das hormonas ocasionando o cambio de sexo ou a esterilidade en animais mariños. Consciente do risco que estas alteracións entrañan, a lexislación internacional esixe a ampliación dun listado de contaminantes mariños que ata o de agora se limita a metais pesados, hidrocarburos poliaromáticos, organoclorados e organobromados, para dar entrada a outras familias de pesticidas, substancias de uso farmacéutico, limpadores e tamén aditivos de plásticos. É neste contexto no que xorde o proxecto Impacta, que conta coa participación de investigadores dos centros de Vigo e Murcia do Instituto Español de Oceanografía.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Aínda que o plástico é un material inerte e non ten toxicidade si contén aditivos daniños, que no caso dos máis perigosos e en concentracións elevadas, poden chegar a interferir co metabolismo das hormonas ocasionando o cambio de sexo ou a esterilidade en animais mariños. Consciente do risco que estas alteracións entrañan, a lexislación internacional esixe a ampliación dun listado de contaminantes mariños que ata o de agora se limita a metais pesados, hidrocarburos poliaromáticos, organoclorados e organobromados, para dar entrada a outras familias de pesticidas, substancias de uso farmacéutico, limpadores e tamén aditivos de plásticos. É neste contexto no que xorde o proxecto Impacta, que conta coa participación de investigadores dos centros de Vigo e Murcia do Instituto Español de Oceanografía, así como das universidades de Vigo e A Coruña, co obxectivo de caracterizar a distribución de contaminantes regulados e emerxentes, así como de microplásticos en sedimentos costeiros da ría de Vigo e do mar Menor e de plataforma das costas atlántica e mediterránea.

Financiado a través de fondos FEDER con 482.790 euros, os resultados do proxecto contribuirán a definir cales son os grupos de contaminantes e biomarcadores asociados que poderán incluírse nos futuros programas de seguimento europeos, así como avaliar o papel dos microplásticos na dispersión e transferencia de contaminantes no medio mariño. Con tal fin, Impacta determinará os efectos biolóxicos que poden provocar os contaminantes, para o que se desenvolverán e validarán métodos analíticos sensibles e selectivos que podan ser implementados con facilidade en programas de monitorización do medio mariño. Así mesmo, o traballo avaliará os efectos conxuntos dos contaminantes presentes mediante bioensaios de embriotoxicidade de mostras de sedimento costeiro e tamén en ensaios de exposición de especies mariñas de diferentes niveis tróficos a unha selección de substancias que inclúen determinados fármacos, ftalatos, pesticidas, compostos perfluorados ou de coidado persoal, o que contribuirá a establecer criterios de calidade ambiental para estes contaminantes no medio mariño.

A achega da Universidade de Vigo ao proxecto

O investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Ricardo Beiras lidera o equipo da Universidade de Vigo que, xunto ao grupo da Universidade de A Coruña dirixido por Soledad Muniategui, se ocupará da parte do proxecto referida á realización de bioensaios de toxicidade en organismos e da avaliación da toxicidade dos sedimentos costeiros, mediante ensaios de embriotoxicidade e os efectos endocrinos dunha selección de contaminantes emerxentes sobre gasterópodos e outros niveis tróficos. “Nos laboratorios e instalacións mariñas da Ecimat realizaremos os ensaios de exposición de especies mariñas a unha selección de substancias. Esa é a nosa parte no proxecto, no que por exemplo expoñemos mexillóns a aditivos de plásticos e vemos se os machos sintetizan unha proteína que en principio só deberían sintetizar as femias porque se usa para dotar aos ovos de reservas enerxéticas”, explica Beiras, que confirma que ademais de mexillóns para os adultos, empregarán ourizos do mar no caso dos embrións.

A participación do grupo liderado por Ricardo Beiras, asegura o propio investigador, “xurdiu de xeito natural”, froito dunha colaboración que dende hai case 18 anos manteñen co grupo de contaminación do IEO, “eles son expertos en analítica química dos contaminantes, e nós na súa toxicidade e efectos biolóxicos e na actualidade, a vixilancia da contaminación esixe integrar ambos aspectos”. En canto á colaboración co Instituto Universitario de Medio Ambiente da UDC, esta é algo posterior, pero “igual de proveitosa”, asegura Beiras en relación con este proxecto no que Victor Manuel León do Instituto Español de Oceanografía actúa como investigador principal.

Contaminantes regulados, emerxentes e microplásticos

Ao longo dos tres anos que durará o proxecto os equipos de investigación centrarán os seus esforzos na caracterización de contaminantes regulados, emerxentes e microplásticos en sedimentos costeiros das ría de Vigo e do mar Menor e de plataforma das costas atlántica e mediterránea, dous lugares elixidos, segundo Beiras, “polos seus altos niveis de contaminación de orixe industrial, por ser dúas baías ben coñecidas e tamén por motivos loxísticos, ao ser os centros do IEO de Vigo e Murcia os que vixían a contaminación en todo o litoral español”.

No caso dos contaminantes regulados, aqueles que a lexislación vixente, nomeadamente as directivas europeas, obrigan a controlar na auga para comprobar que non se exceden nuns límites denominados normas de calidade da auga, o proxecto pretende desenvolver técnicas para baixar uns topes de detección, que nalgúns casos son tan baixos que os métodos de análises estándar non os detectan. En canto aos contaminantes emerxentes, aqueles que os traballos científicos demostraron que son xa problemáticos para a o ambiente pero a lexislación aínda non recolle, o proxecto Impacta pretende estudar os niveis dalgún deles, como é o caso de produtos farmacéuticos ou aditivos de plásticos. “O caso dos produtos farmacéuticos é curioso, os borradores das normas europeas os recollían para que se regulasen, pero finalmente, probablemente a consecuencia do potente lobby da industria farmacéutica, desapareceron das directivas”, denuncia Beiras.

Polo que respecta aos microplásticos, o investigador vigués, explica que se trata de partículas de tamaño moi pequeno de plástico, un material que non se degrada no ambiente, pero que si se vai erosionando fisicamente e o seu tamaño vaise reducindo ata converterse en partículas moi pequenas que entran na cadea trófica.

Unha maraña normativa

Se ben é a propia lexislación internacional a que esixe a ampliación dun listado de contaminantes mariños ata o de agora limitada a un grupo de substancias, cal é a realidade da normativa existente nesta materia? Aínda que a UE é a que ten a iniciativa en temas ambientais e establece directivas que son vinculantes para os estados membros, estas non teñen poder sancionador ata que se traspoñen e desenvolven nas lexislacións estatais. “A Directiva europea da Auga e derivadas, establecen unhas normas de calidade para augas continentais e mariñas cuns máximos para 45 substancias químicas considerada prioritarias. Boa parte desa lexislación é recente e aínda non está trasposta á lexislación española e cando se traspoña será papel mollado, pois non hai capacidade técnica nin vontade política para implementala”, explica Beiras.

No caso de España son as confederacións hidrográficas as responsables de vixiar esas substancias prioritarias, un traballo que encargan, segundo o investigador vigués, a laboratorios e consultorías privadas, xa que non teñen medios para facelo elas. “O feito de que as normas non se cumpran, o que é habitual, non implica ningunha sanción, porque ao controlarse só as augas receptoras non se busca a fonte causante do incumprimento”, denuncia Beiras, que lembra como exemplo a vertedura tóxica que o pasado verán se realizou no porto de Cambados e que quedou sen investigar a pesar da mortalidade que provocou en recursos marisqueiros como a navalla.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós