DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 06 de marzo do 2015

O profesor da EUE Empresariais presentou ‘Antología de un disparate contable’

Sáez Ocejo: “Con este libro trato de desdramatizar unha mala, errónea ou equivocada contestación nun exame”

Compila 300 respostas dos seus estudantes durante os últimos 27 anos


ImageAprender contabilidade con humor non é unha quimera. Diso está convencido o profesor da Escola Universitaria de Estudos Empresariais José Luis Sáez Ocejo e converteuno en realidade no libro ‘Antología de un disparate contable’, unha publicación que presentou en sociedade este xoves e na que recolle tanto “disparates contestados en preguntas de exames” como as solucións correctas ás mesmas. En total arredor de 300 preguntas relacionadas co Plan Xeral de Contabilidade e de Pemes así como un solucionario de respostas “que permiten un coñecemento profundo da Contabilidade Financeira”, explica.

Duvi | Vigo
Aprender contabilidade con humor non é unha quimera. Diso está convencido o profesor da Escola Universitaria de Estudos Empresariais José Luis Sáez Ocejo e converteuno en realidade no libro Antología de un disparate contable, unha publicación que presentou en sociedade este xoves nun ateigado salón de actos da EUEE. Nesta antoloxía recolle tanto “disparates contestados en preguntas de exames” como as solucións correctas ás mesmas. En total arredor de 300 preguntas relacionadas co Plan Xeral de Contabilidade e de Pemes así como un solucionario de respostas “que permiten un coñecemento profundo da Contabilidade Financeira”, explica.

Na actualidade Sáez Ocejo imparte as materias de Contabilidade financeira e Fundamentos de contabilidade tanto no grao de Comercio como nos mestrados de Dirección de Pemes, Comercio Internacional e Dirección e Xestión Laboral. Acumula preto de 27 anos de experiencia docente e neste tempo, polas súas mans pasaron exames con respostas que non quixo deixar no esquecemento. Lembra que con 17 anos leu Antología del disparate, un libro de Luis Díez Jiménez, no que se recorrían tamén erros fonéticos e ortográficos, descricións simpáticas e diferentes equivocacións froito das presas, do descoñecemento ou dos nervios. “Foi unha catarse para min”, recoñece Sáez Ocejo, “porque me vía reflectido en certo modo naquel compendio de dislates, paridas e demais herbas”. Despois, xa como docente, examinou a centos de estudantes, aos que considera “fillos académicos”, pero nesas probas atopou material suficiente para unha compilación e 30 anos despois de ler o libro de Jiménez esa idea voltou á súa cabeza e animouse a facer a súa propia antoloxía do disparate, desta volta do disparate contable.

Así nace un libro, publicado pola editorial Andavira, que lonxe de buscar o humor polo humor, e de ferir os sentimentos de ninguén, só procura desdramatizar o feito dunha mala, errónea ou equivocada contestación a unha pregunta de exame, para que os meus alumnos e alumnas non volvan meter a pata e non se volvan equivocar e, deste xeito, redunde no futuro positivamente polo menos, unha parte do coñecemento”.

De Messi a Belén Esteban

O profesor Ocejo reuniu e arquivou durante 25 anos as respostas máis ocorrentes, simpáticas, absurdas ou disparatadas dos seus estudantes, pero o traballo intensificouse a partir de 2007 para que o libro fose “actual e adaptado ao Novo Plan Xeral contable”. Entre os exemplos que recolle o libro, algúns fan imposible non esbozar un sorriso: Que documentación debe presentarse segundo a Lei Mercantil ao depositar as contas anuais no Rexistro Mercantil? “A que sexa procedente”. Ou a pregunta "Pódese rexistrar a Messi ou Ronaldo como activo nunha empresa?" que xerou respostas como “si, como materia prima para obter ingresos, porque tendo en conta a fama que teñen en determinado momento a nivel mundial, aparte de ser un empregado da empresa, o culto interno á súa imaxe a nivel de prestixio e popularidade xera ingresos por publicidade e demai". Ou “solo en casos excepcionais ao igual que Belén Esteban en Tele5”. Para Ocejo son disparates que poden resultar difíciles de valorar, porque “é un libro pensado para xente que sabe algo de contabilidade financeira, como docentes ou estudantes”, aínda que algunhas respostas son ilustrativas por si mesmas para calquera lector.

Con todo, o profesor Sáez Ocejo lembra que non fixo este libro “co fin de ridiculizar a aqueles que tiveron a mala sorte de aguantarme, todo o contrario”, e explica que a súa intención é “purificar as contestacións afectadas de impureza”. E é que o docente lembra que el tamén foi alumno e aposta por que, se algún profesor seu publicase unha compilación deste tipo, “eu tamén estaría incluído dentro das perlas que se citasen”.

Un solucionario

Antología de un disparate contable consta de 29 capítulos, divididao por temáticas, que van dende o método contable, as contas anuais, a moeda estranxeira, os empréstitos de obrigas, as subvencións, doazóns ou legados, etc. Entre as preguntas, algunhas máis sinxelas e outras moi específicas, e incluso algúns problemas de contabilidade para calcular o resultado. Como o propio autor explica, o libro ten unha dobre finalidade, por unha banda a humorística e por outra a aprendizaxe. Por iso o libro inclúe un solucionario coas respostas correctas ás 300 preguntas, de maneira que o lector pode ter nun mesmo documento os “disparates contestados” pero tamén as respostas que lles houbesen dado a eses estudantes unha boa nota no exame. Pero Sáez Ocejo, con moito humor, tamén recoñece que “ao mellor nalgunha desas respostas correctas, podo meter a pata e me sae algunha perla...”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós