DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 18 de marzo do 2015

Primeiras conclusións do estudo liderado polas investigadoras Raquel Nieto e Anita Drumond

O 90% das precipitacións intensas do oeste da península ibérica son provocadas por ríos atmosféricos

Son cintas que transportan a humidade dunha rexión a outra e que poden levar tanta auga como o Amazonas


ImageHai ríos non soamente na terra, senón tamén no aire. Son os chamados atmospheric rivers ou ríos atmosféricos, enormes e continuas correntes de vento que transportan vapor de auga das rexións tropicais ou subtropicais cara latitudes medias, que poden ter unha extensión xeográfica duns 400 quilómetros de ancho e dous de alto e que levan unha cantidade de humidade comparable ao canle do Amazonas. Unha especie de "cintas transportadoras" que son as culpables de arredor do 90% das precipitacións intensas que se producen ao longo do ano no oeste da península ibérica. Son as primeiras conclusións do estudo realizado por un equipo de investigadores do grupo EPhysLab liderado por Raquel Nieto e Anita Drumond, recentemente premiada como mellor científica nova na última edición dos MedCLIVAR Young Scientist Award 2014, celebrada en Ankara.

Noemí Rey | Ourense
Hai ríos non soamente na terra, senón tamén no aire. Son os chamados atmospheric rivers ou ríos atmosféricos, enormes e continuas correntes de vento que transportan vapor de auga das rexións tropicais ou subtropicais cara latitudes medias, que poden ter unha extensión xeográfica duns 400 quilómetros de ancho e dous de alto e que levan unha cantidade de humidade comparable ao canle do Amazonas. Unha especie de "cintas transportadoras" que son as culpables de arredor do 90% das precipitacións intensas que se producen ao longo do ano no oeste da península ibérica. Son as primeiras conclusións do estudo realizado por un equipo de investigadores do grupo EPhysLab liderado por Raquel Nieto e Anita Drumond, recentemente premiada como mellor científica nova na última edición dos MedCLIVAR Young Scientist Award 2014, celebrada en Ankara.

Con este traballo, titulado O papel do transporte de humidade na precipitación extrema, inundacións e secas na vertente atlántica europea (THIS), os investigadores tratan de localizar as fontes de humidade que alimentan estas estruturas meteorolóxicas e que poden xerar anomalías climatolóxicas dependendo da convección e dos sistemas que se atope ao chegar á zona, como "precipitacións bastante copiosas ou intensas que poden dar lugar ao desbordamento de ríos, inundacións ou desastres naturais". A idea é analizar como se produce ese transporte para poder ter unha maior previsión e marxe de reacción. "Sabemos que eses sistemas existen e que pasan dous ou tres veces ao día polo hemisferio norte. E coñecendo as características desas cintas transportadoras podemos calcular se un río ten capacidade para acoller toda esa auga, se os embalses poden acumular tal cantidade ou se se poden aproveitar esas precipitacións, gardar recursos e evitar desastres naturais", salienta Nieto.

As chuvias intensas destes atmospheric river son ás veces un recurso máis que esperado nalgunhas rexións, como está a ocorrer en California, que sufre a peor seca dos últimos 1200 anos e que podería terminar co torrente de precipitacións invernais que está a percorrer o Pacífico deixando moita neve e auga en forma de chuvascos rápidos. E é que, aínda que nalgunhas ocasións poden provocar desastres naturais, estes ríos atmosféricos poden ser de gran axuda, xa que, por exemplo, contribuíron a rachar co 40% das secas californianas dende 1950.

Moita auga ou pouca

Con este proxecto, que conta cun financiamento de 93.000 euros por parte da Xunta de Galicia, os investigadores queren analizar tamén o outro extremo climatolóxico: as secas. "Evidentemente igual que a humidade chega e pode provocar precipitacións extremas tamén pode non aparecer e crear securas", salienta Nieto. Coñecendo a rexión da que procede este vapor, os expertos poden analizar que pasou exactamente nesa zona que provocara unha menor vaporización de auga do océano ou do continente. "O que pretendemos é entender os dous extremos, poder ligar eses fenómenos con condicións dinámicas atmosféricas e ver que patróns de circulación afectaron á súa aparición ou desaparición", asegura a investigadora.

Humidade procedente da banda subtropical

Raquel Nieto comezou o proxecto cunha estadía no Centro de Xeofísica da Universidade de Lisboa, onde traballou man a man con investigadores que xa teñen publicados traballos sobre ríos atmosféricos e onde creou o algoritmo necesario para identificar os sistemas da vertente atlántica europea dende a península ibérica ata Escandinavia, rexión na que se centra o estudo. Ademais de ser os culpables do 90% das precipitacións intensas na zona española, os primeiros resultados permitiron localizar a procedencia deste vapor de auga: a maior parte vén da banda subtropical por debaixo de 35 graos norte.

Son os primeiros pasos dunha investigación que irá calculando os ríos atmosféricos por bandas de latitude de 10 en 10 graos, uns resultados que foron xa presentados á comunidade científica en varios congresos a nivel europeo. A duración estimada do proxecto é de tres anos, sen embargo, como "vai avanzando bastante rápido", os investigadores non descartan "ir incorporando ao estudo novos aspectos que vaian xurdindo".
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós