DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 08 de abril do 2015

Entrega dos Premios de Excelencia Académica ao alumnado con mellor expediente en secundaria

O segredo do éxito: constancia, motivación e capacidade de organización

28 mozas e 17 mozos de primeiro curso dos tres campus recibiron unha tablet PC como agasallo


ImageDestacan pola súa traxectoria académica previa á etapa universitaria, cun rendemento que os converte en alumnos excelentes. Esa excelencia é a que recoñece a Universidade de Vigo cada ano, galardoando aos alumnos e alumnas con mellores expedientes de Galicia que elixiron esta institución para comezar a súa formación superior. En total, 45 Premios de Excelencia Académica que se entregaron este mércores a 28 mozas e 17 mozos dos tres campus. O reitor loou o seu esforzo e dedicación e agradeceulles ter escollido a Universidade de Vigo para vivir “os que seguro van ser os mellores anos da vosa vida”. A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, tamén os felicitou e subliñou que os estudantes “son a alma da universidade, a súa razón de ser, pero vós sodes ademais un orgullo e un privilexio para calquera institución”.

M. Del Río e D. Besadío | Vigo
Destacan pola súa traxectoria académica previa á etapa universitaria, cun rendemento que os converte en alumnos excelentes. Esa excelencia é a que recoñece a Universidade de Vigo cada ano, galardoando aos alumnos e alumnas con mellores expedientes de Galicia que elixiron esta institución para comezar a súa formación superior. En total, 45 Premios de Excelencia Académica que se entregaron este mércores a 28 mozas e 17 mozos dos tres campus. O reitor loou o seu esforzo e dedicación e agradeceulles ter escollido a Universidade de Vigo para vivir “os que seguro van ser os mellores anos da vosa vida”. Salustiano Mato animounos a estudar e a formarse pero tamén a aproveitar esta etapa da vida e tamén tivo unhas palabras para os docentes dos centros de secundaria, convidados a este acto, e comprometeuse a achegar a Universidade ao ensino secundario para traballar conxuntamente e continuar con iniciativas como as postas en marcha polo Campus do Mar destinadas a estudantes de ciclo medio.

A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, tamén os felicitou e subliñou que os estudantes “son a alma da universidade, a súa razón de ser, pero vós sodes ademais un orgullo e un privilexio para calquera institución”. Lembroulles que o acto é “un símbolo do recoñecemento ao voso talento, mérito e capacidade, esa é a actitude UVigo que vedes no lema do 25 aniversario”. Convidounos a converterse en exemplos para os seus compañeiros pero tamén para os seus docentes “porque os bos alumnos fan mellores profesores”. González coincidiu tamén co reitor na idea de que estes alumnos e alumnas excelentes sexan os embaixadores da Universidade “aló onde desenvolvades a vosa carreira profesional e agardamos que vos sintades tan orgullos da vosa universidade como nos sentimos de vós”.

Maioría de mulleres e preferencia pola enxeñarías

Dos 45 premiados, a 28 deles correspóndolles esta distinción por ter unha media igual ou superior a 8,5 no Bacharelato; 14 por ter unha media igual ou superior a 9 en FP; dous por seren Premios Extraordinario de Bacharelato da Xunta de Galicia e un como gañador de Olimpíadas Científicas. Destes estudantes excelentes, 31 elixiron o campus de Vigo, 11 o de Pontevedra e tres o de Ourense, sendo as enxeñarías as titulacións que escolleron maioritariamente (oito deles estudan na EE de Telecomunicación; seis na EE Industrial; tres en ETSE de Minas e dous na EU de Enxeñaría Informática) seguidas da Facultade de Filoloxía e Tradución, a de Fisioterapia, Bioloxía ou diferentes titulacións das Ciencias da Educación. Ademais do recoñecemento público ante a comunidade universitaria e as súas familias, estes estudantes recibiron tamén unha tablet PC, que lles servirá como ferramenta de axuda ao estudo.

Exemplos a seguir

O moañés Ángel Villar, do IES As Barxas, recolleu hai unhas semanas o Premio Extraordinario de Bacharelato da Xunta de Galicia como un dos 20 mellores estudantes de Galicia e foi tamén hai dous anos beneficiario dunha bolsa da Fundación Barrié de la Maza para cursar 1º de Bacharelato nos Estados Unidos. Esa foi para el unha experiencia clave que lle achegou madurez e independencia, “serviume para ser máis responsable porque vivía cunha familia que non era a miña, puiden coñecer outras culturas, xa que eran mormóns, e sobre todo, valeume para perfeccionar o inglés”. Pero o que Villar tiña claro dende cativo era o seu interese pola tecnoloxía, que o levou a matricularse en Enxeñaría de Telecomunicación. “Nunca se me deu ben o debuxo técnico, polo que algunhas enxeñarías quedaban descartadas” pero os proxectos aeroespaciais e de nanosatélites da Universidade acabaron por decantar a balanza, recoñece. O seu pai acompañouno a este acto e recoñecíase orgulloso “pero o que verdadeiramente o debe estar e el, é todo mérito seu”. Para este alumno o segredo está en “estudar un pouco cada día, non deixarte ir” pero tamén considera fundamental asistir a clase porque “sempre se saca algo en limpo”. Outra clave é a organización, “hai tempo para todo, para estudar, para divertirse e para descansar e relaxarse”.

Un caso ben distinto é o de Roberto Benítez, que tra repetir tres cursos na ESO e no Bacharelato, converteuse nun dos mellores expedientes de FP cun 9,15. Para el o punto de inflexión foi matricularse en Formación Profesional, as clases máis prácticas e estudar o que verdadeiramente lle gustaba, fixeron que comezase a esforzarse de verdade. Agora está comezando Enxeñaría Informática en Ourense, a súa cidade, e amósase satisfeito porque “dende terceiro de primaria tiña claro que o que me gustaban eran os ordenadores”. Recoñece que a carreira implica moito traballo e esforzo, “algúns profesores dicíannos que 45 horas semanais!” e despois do FP nota cun cambio con respecto á cantidade de horas teóricas aínda que se amosa plenamente satisfeito coa titulación.

Con notas medias que superan o 9,5 Helena Rodríguez (Santiago), Andrea Novoa (Vigo) e Yelco Rodríguez (Lugo), tamén tiñan claro que querían facer unha enxeñaría, pero non foi case ata o último minuto que se decantaron por Enxeñaría da Enerxía. “Tiña a proporción xusta entre Física e Química”, admitiu Helena Rodríguez, ao que engadiu o “enorme futuro” que teñen todas as cuestións relacionadas coa enerxía en xeral e coas renovables en particular. En canto ao segredo de acadar o éxito académico teñen claro que o máis importante é ser constante e levar as cousas o máis ao día posible. “O importante é non ir acumulando, pois así evitas o ‘atracón’ final e tamén os nervios de última hora”, recalcaba Yelco, que gabou tamén o feito de que dende a Universidade “se compense dalgunha forma o esforzo realizado na época do instituto”.

Alumna do IES María Soliño de Cangas, Gaila Fernández, optou por matricularse no novo Programa de Simultaneidade ADE – Dereito. “A miña idea era facer Relacións Internacionais, pero cando xurdiu esta opción e vin o programa de estudos non o dubidei”, sinalou intres antes de recoller o premio. “Penso que non me equivoquei, xa que as saídas laborais desta dobre titulación son enormes” e engadiu que a adaptación ás aulas universitarias “foi bastante boa, pois aquí atópaste con moita xente que se parece a ti e ten expectativas similares, o único é adaptarse a un novo ritmo”. Outra das novas titulacións deste curso é Linguas Estranxeiras, opción pola que se decantou a viguesa Ánxela Bernárdez, do IES de Beade. “Sempre tiven claro que me encantaban os idiomas e esta nova proposta pareceume máis atractiva e innovadora ca outras titulacións máis clásicas”, subliñou, ao que engadiu que, “no futuro me encantaría traballar nalgún organismo relacionado coa Unión Europea”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós