DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 09 de abril do 2015

José Luis Vázquez presenta o seu libro 'Un compromiso con la Universidad'

Alumni, dezasete anos de traballo e dedicación

Editado polo Consello Social, reúne a historia e anécdotas da Asociación de Amigos e Antiguos Alumnos


Image No ano 1997, constituíse a asociación Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo, Alumni, co obxectivo de impulsar e favorecer os lazos da Universidade coas empresas e a sociedade en xeral. Agora, dezasete anos despois, José Luis Vázquez López, vicepresidente da Asociación, recolle nun libro titulado Un compromiso con la Universidad, a historia, as actividades e anécdotas desenvolvidas neste tempo. O Club Financiero de Vigo acolle esta tarde a presentación da obra de José Luis Vázquez, que estará acompañado por Ernesto Pedrosa Silva, presidente do Consello Social da Universidade, organismo que se encargou da súa edición.

Duvi | Vigo
No ano 1997, constituíse a Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo, Alumni, co obxectivo de impulsar e favorecer os lazos da Universidade coas empresas e a sociedade en xeral. Agora, dezasete anos despois, José Luis Vázquez López, vicepresidente da asociación, recolle nun libro titulado Un compromiso con la Universidad, a historia, as actividades e anécdotas desenvolvidas neste tempo. A publicación sae á luz nun momento especial para a Universidade, o seu 25 aniversario, e precisamente aproveitando esta data, a obra busca dar a coñecer á sociedade o traballo desta asociación e “poñer en valor que antigos alumnos e alumnas continúen ligados a institución onde se formaron, traballando para impulsala”, explica o autor. O Club Financiero de Vigo acolle esta tarde, ás 20.00 h., a presentación do libro de José Luis Vázquez López, que estará acompañado por Ernesto Pedrosa Silva, presidente do Consello Social da Universidade, organismo que se encargou da edición. Será un acto aberto a toda a sociedade onde se repartirán exemplares entre os asistentes, porque, como apunta Vázquez López, “quero que o acto esté en consonancia co libro, dirixido a toda a Universidade e á sociedade en xeral”.

Un compendio de historias, logros, actividades e anécdotas

José Luis Vázquez recoñece que non foi unha tarefa fácil resumir en 284 páxinas a historia da asociación e que foron catro meses de moito traballo. Na obra mestúrase a historia das actividades de Alumni cos logros alcanzados pola Universidade neste tempo. Nas súas páxinas hai capítulos dedicados a temas moi variados como, a consecución do campus de excelencia internacional Campus do Mar, a evolución do Consello Social e do Defensor Universitario, a investigación nos cursos da Educación Secundaria Obrigatoria, a ensinanza superior en España, a adscrición da Escola Naval Militar de Marín, encontros de antigo alumnado e amigos e amigas das universidades españolas, etc. O autor non quixo que a obra se reduxese a unha mera relación de feitos, “enriquecín o libro incorporando a visión cultural de ata 22 colaboradores entre profesorado e autoridades universitarias e recollendo múltiples anécdotas das actividades da asociación, como entrega de premios de investigación, amigos e amigas distinguidos e membros de honor. “O libro non é só historia, quero poñer en valor o mecenado e é tamén unha homenaxe ao antigo alumnado que se compromete coa Universidade e continúa vinculado con ela máis aló da súa formación”, subliña José Luis Vázquez.

Unha reflexión sobre as relacións entre Universidade-empresa-sociedade

“A universidade non é só coñecemento, é sobre todo, cada vez máis, investigación e isto, os avances científicos, os decubrimentos, etc. revirten na sociedade e nas empresas. É imprescindible que o que se fai nas nosas aulas chegue á rúa”, con esta palabras manifesta Vázquez López a importancia de fornecer os vínculos da Universidade coa súa contorna social e empresarial. “As empresas precisan de formación universitaria, da innovación tecnolóxica que se leva a cabo nas universidades e centros de investigación, para seren competitivas e situarse na vangarda”, subliña o autor. Por iso, co gallo da presentación do libro, “considerei de interese celebrar unha mesa redonda sobre a presenza da Universidade na sociedade e na empresa”, explica José Luis Vázquez. Tras a presentación do libro, o presidente de Alumni, José María Franco disertará sobre as relacións entre universidade e sociedade, mentres que pola súa banda, o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa e Franciso Javier Touza, presidente da Sociedade Corporativa Armadora Buques de Pesca (Arvi), abordarán as relacións entre o mundo empresarial e a universidade.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós