DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de abril do 2015

Un coloquio abre o martes 21 a conmemoración do Día Internacional da Creatividade e a Innovación

A creatividade que nos rodea

Participarán, entre outros, o preparador físico Pepe Casal, o cociñeiro Javier Olleros e a arquitecta Isabel Aguirre


ImageAínda que en ocasións se asocie a disciplinas artísticas ou culturais, a creatividade é un elemento esencial en calquera proceso de innovación, é a base das novas ideas que fan avanzar a unha sociedade. De aí que reivindicar o seu carácter transversal sexa o propósito do Día Internacional da Creatividade e a Innovación, que o campus de Pontevedra conmemorará por primeira vez o martes 21. Esta celebración abrirase cun coloquio sobre os moitos camiños da creatividade, no que participarán o preparador físico Pepe Casal; o cociñeiro Javier Olleros; a arquitecta Isabel Aguirre; o director de Oqo Editora, Juan Couto, e o fundador de Rei Zentolo Pablo Rodríguez.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Aínda que en ocasións se asocie a disciplinas artísticas ou culturais, a creatividade é un elemento esencial en calquera proceso de innovación, é a base das novas ideas que fan avanzar a unha sociedade. De aí que reivindicar o seu carácter transversal sexa o propósito principal do Día Internacional da Creatividade e a Innovación, que o campus de Pontevedra conmemorará por primeira vez o martes 21, xa que entronca directamente coa “razón de ser do proxecto de especialización Campus Crea", como apunta o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho. Pepe Casal, preparador físico de deportistas como Pau Gasol; o cociñeiro distinguido cunha Estrela Michelín Javier Olleros; a arquitecta paisaxística Isabel Aguirre; o director de Oqo Editora, Juan Couto, e o fundador de Rei Zentolo Pablo Rodríguez dialogarán nesta xornada na Casa das Campás sobre os múltiples camiños da creatividade, nunha actividade que se completará cunha breve presentación de diferentes proxectos de investigación desenvolvidos no campus.

Incidir no valor da creatividade en calquera eido como “motor de cambio e mellora social” e, por outra banda, “aproximar á sociedade e á contorna as achegas dos investigadores e estudantes do campus” son os dous propósitos centrais dunha xornada que, “pola súa filosofía transversal, nace con vocación de converterse no día do Campus Crea”, como saliental Corbacho. De feito, trátase do primeiro acto público, aberto a toda a cidadanía, que impulsa o comité técnico de dirección que traballa no proxecto de especialización do campus de Pontevedra.

Os moitos camiños da creatividade

Os camiños da creatividade é precisamente o título da mesa redonda coa que se abrirá, trala presentación das xornadas por parte do reitor, esta conmemoración dun día internacional que busca reivindicar a creatividade como un elemento central para a mellora do mundo a través da innovación. Neste coloquio estarán presentes, explica Corbacho, “profesionais de recoñecido prestixio que falarán da creatividade desde as súas áreas”, vinculadas ao mesmo tempo cos catro eixos definidos no borrador do plan estratéxico do Campus Crea, como son arte e comunicación, medio ambiente e natureza, innovación social e xestión pública, e deporte, saúde e benestar. Na Casa das Campás reuniranse o preparador físico Pepe Casal, que traballou coa selección española de baloncesto ou como preparador persoal de Pau Gasol; a Premio Nacional de Arquitectura Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe e da Fundación Juana de Vega; un dos fundadores da marca téxtil Rei Zentolo, Pablo Rodríguez, e o director de Oqo Editora, Juan Couto, aos que se sumará, “precisamente por esa idea transversal da creatividade”, o responsable do restaurante Culler de Pau, do Grove, Javier Olleros.

“A idea é que sexa un diálogo fluído, no que iremos tratando diferentes temas relacionados cos procesos creativos”, engade o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e membro do comité técnico de dirección do proxecto Campus Crea, Alberto Dafonte, que será o encargado de moderar un coloquio programado para as 16.45 horas. Partindo desa idea de que “a creatividade está presente en todos os aspectos da nosa vida”, Dafonte proporá aos conferenciantes unha reflexión sobre “que hai de intuitivo nun proceso creativo, sobre se o sistema educativo nos forma para ser creativos ou mesmo sobre cuestións máis anecdóticas, como se teñen algún tipo de ritual para poder concentrarse”.

Unha rápida ollada á investigación e ao emprendemento

Trala mesa redonda, este Día Internacional da Creatividade e Innovación continuará ás 18.30 horas con Somos Crea, unha presentación de diferentes proxectos desenvolvidos por investigadores do campus. que adoptará tamén un “formato áxil e moi divulgativo”, como apunta Dafonte. De feito, nesta actividade, na que estarán presentes representantes das diferentes facultades e escolas do campus, cada participante só disporá un poucos minutos para explicar de xeito sinxelo a súa idea. Algo que tamén farán varios dos estudantes e titulados recoñecidos cos Premios Incuvi-Emprende da Universidade e que amoasrán neste acto os proxectos empresariais polos que foron seleccionados para esta preincubadora. “Queremos que a xente coñeza de primeira man que non estamos nunha burbulla, que a investigación que se está a desenvolver na Universidade repercute na realidade social”, engade ao respecto Dafonte.

Xa por último, está previsto que o acto se peche ás 20.00 horas cunha degustación de produtos ecolóxicos e a actuación musical de Electrotango y su bandada, un grupo integrado por dous alumnos do campus.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós