DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 20 de abril do 2015

O campus acolle un curso centrado no goberno e sucesión destes negocios

Empresa familiar, que non Inem familiar

Este tipo de entidades supoñen máis do 70% do emprego privado en España


ImageAs empresas familiares representan o 80% do tecido empresarial de España, o 65% do Produto Interior Bruto e o 70% do emprego privado. Arredor do 35% das 500 maiores empresas do mundo son familiares. Sen ir máis lonxe, no mapa galego vemos nesta categoría a destacados grupos e negocios, como Gadisa. Por esta relevancia, explica Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, é probable que boa parte do alumnado desta área remate traballando nun negocios desta natureza. Para formalos, este mes celébrase o curso complementario Empresa familiar: goberno e sucesión.

Rosa Tedín | Ourense
As empresas familiares representan arredor do 80% do tecido empresarial de España, do 65% do Produto Interior Bruto e do 70% do emprego privado. Estímase que o 35% das 500 maiores empresas do mundo son familiares. Sen ir máis lonxe, no mapa galego vemos nesta categoría a destacados grupos e negocios, como Gadisa. Por esta relevancia, explica Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, é probable que boa parte do alumnado desta área remate traballando nun negocio desta natureza. Para que teñan competencias neste eido, este mes celébrase no campus o curso complementario Empresa familiar: goberno e sucesión. A formación para a xestión con éxito deste tipo de negocios, recalcan os promotores da iniciativa, é fundamental. “A profesionalización e a internacionalización, que van moi ligadas, é o seu futuro. As empresas familiares no poden ser o Inem da familia”, subliña Rivo.

“Do que se trata neste curso é de achegar ao alumnado as características específicas da empresa familiar, o que as fai máis singulares, facendo fincapé nalgúns dos seus maiores problemas, como é neste caso o da sucesión. O relevo xeracional provoca a desaparición de moitos destes negocios”, sinala a directora do curso. A formación, que se enmarca dentro da programación da Cátedra Empresa Familiar da Universidade de Vigo, con sede na facultade ourensá, pretende ensinar aos estudantes a maneira correcta de xestionar unha estrutura organizativa diferente como é o caso da empresa familiar mesturando clases teóricas con visitas a negocios deste tipo.

Dos conceptos á realidade

Os obxectivos desta iniciativa, de 30 horas de duración, son tres, tal e como explican os seus promotores. En primeiro lugar, trátase de amosar aos alumnos e alumnas a importancia da empresa familiar na economía rexional, estatal e internacional. En segundo lugar, o curso ten como finalidade explicar aos estudantes que a empresa familiar non é sinónimo de Peme, xa que aínda que a maioría o son, existen grandes empresas familiares. E en terceiro lugar, o obxectivo é familiarizar aos asistentes cos instrumentos que poden axudar a superar con éxito o relevo xeracional, concretamente o chamado protocolo familiar. “O que define ás empresas familiares é a súa propiedade e xestión, non o seu tamaño”, recalca Elena Rivo.

Para acadar estes ítems, os contidos do curso, que comezou o 7 de abril e que rematará o día 23, inciden en nocións básicas de empresa familiar; no liderado e goberno delas; na sucesión e a transición xeracional; nas principais figuras tributarias de xestión autonómica da Xunta que lles afectan no seu réxime tributario. Como visitas a empresas nesta edición inclúese unha a Roberto Verino e outra a Pérez Rumbao.

Entre os docentes deste curso están Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. “Ao igual que o resto dos contribuíntes, as empresas familiares deben coñecer as súas responsabilidades fiscais e prepararse para optimizar as súas decisións tributarias. Faise necesario un exercizo de planificación fiscal para coñecer a incidencia das principais figuras impositivas. Durante o curso analizamos como afectan os principais impostos aos rendementos obtidos nas empresas familiares, como se fiscaliza o reparto de beneficios, como tributa o incremento de patrimonio e como hai que fiscalizar a transmisións das empresas familiares, ben por herdanza ou por doazóns”, resume o docente. Todo isto e escoller a mellor estrutura dende o punto de vista fiscal, indica, permitirá mellorar o cumprimento das obrigas fiscais deste tipo de entidades que tanto achegan ao tecido económico.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós