DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 30 de abril do 2015

A prestixiosa revista Nature Communications publicou esta semana os resultados deste traballo conxunto

A colaboración entre investigadores de Vigo e do Reino Unido bota luz sobre a relación do océano co cambio climático

Realizaron dez campañas oceanográficas desde o 2000 ao 2012 que deron lugar a unha base de datos única


ImageO plancto, conxunto de microorganismos que flotan na auga ata arredor dos cen metros de profundidade, é responsable da metade da fotosíntese que se leva a cabo no planeta e isto outórgalle unha relevancia para manter a vida na Terra que fai que entender e predicir a interacción entre a súa actividade metabólica e o clima sexa un dos principais desafíos ao que se enfrontan na actualidade os oceanógrafos. Neste contexto é no que se encadra a colaboración, de máis dunha década, entre un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, liderados por Pablo Serret, e expertos do Laboratorio Mariño de Plymouth e da universidade inglesa East Anglia, unha longa investigación colaborativa sobre a variabilidade e control do metabolismo planctónico, cuxos resultados, publicados esta semana na revista Nature Communications, resolven unha longa controversia científica sobre a relación entre o clima e o océano e arroxan luz sobre como investigar cales van ser as principais traxectorias do cambio climático.

D. Besadío | Vigo
O plancto, conxunto de microorganismos que flotan na auga ata arredor dos cen metros de profundidade, é responsable da metade da fotosíntese que se leva a cabo no planeta e isto outórgalle unha relevancia para manter a vida na Terra que fai que entender e predicir a interacción entre a súa actividade metabólica e o clima sexa un dos principais desafíos ao que se enfrontan na actualidade os oceanógrafos. Neste contexto é no que se encadra a colaboración, de máis dunha década, entre un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, liderados por Pablo Serret, e expertos do Laboratorio Mariño de Plymouth e da universidade inglesa East Anglia, unha longa investigación colaborativa sobre a variabilidade e control do metabolismo planctónico, cuxos resultados, publicados esta semana na revista Nature Communications, resolven unha longa controversia científica sobre a relación entre o clima e o océano e arroxan luz sobre como investigar cales van ser as principais traxectorias do cambio climático e o seu posible impacto.

A investigación pon sobre a mesa que, a diferenza do que se pensaba ata agora, os océanos oligotróficos, as rexións máis extensas e menos produtivas dos grandes océanos e que ocupan no seu conxunto a metade da superficie da Terra, non son nin auto-nin heterotróficos, senón funcionalmente diversos, o que significa que para poder estimar con precisión cal é o seu impacto sobre o clima, hai que ter en conta diversos factores que ata o de agora estaba relegados. “Só unha adecuada apreciación de dita diversidade funcional na maior paisaxe bioclimática do planeta permitirá resolver o importante obxectivo de cuantificar, comprender e predicir a interacción entre o metabolismo do océano e o clima global”, subliña Pablo Serret, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat.

Variables relegadas que pasan a xogar un papel central

“No artigo demostramos que a variación da respiración de materia orgánica nos océanos é significativa, algo moi innovador, xa que ata o de agora considerábase que esta variación era irrelevante, en comparación co papel da fotosíntese, para calcular o balance metabólico ”, explica Serret, ao que engade que, “en consecuencia”, para poder chegar a predicir a longo prazo cales van ser as principais traxectorias do cambio climático hai que ter en conta que esta variabilidade, “relegada ata agora na análise do impacto do océano sobre os ciclos de dióxido de carbono”, xoga un papel central.

Outro dos aspectos no que se fai fincapé é que o funcionamento como ecosistema destas grandes rexións varía tamén segundo as zonas xeográficas. “Pensábase que todas estas zonas eran iguais desde un punto de vista trófico, porque todas tiñan baixos niveis de produción, pero os nosos resultados determinan de xeito claro que non todos funcionan da mesma maneira”, recalca Serret. O investigador engade que para poder chegar a saber como funciona cada área xeográfica hai que realizar as medicións oportunas “xa que non se poden extrapolar resultados dunhas zonas a outras, como se facía ata o de agora”.

Unha base de datos única

A colaboración entre os expertos da Universidade de Vigo e da University of East Anglia –integrante do Parque de Investigación Norwich, unha das maiores concentracións de investigadores europeos no campo das ciencias ambientais e a saúde- deu lugar a unha base de datos única de medidas de fotosíntese, respiración e PNC (a diferenza entre a fotosíntese e a respiración total do plancto na Produción Neta da Comunidade) en océano aberto. “O PNC resume o estado metabólico dun ecosistema e determina o seu potencial para manter redes tróficas e pescarías sostibles e para contribuír aos fluxos de dióxido de carbono e, por tanto, ao clima global”, explica o investigador.

Son miles de datos obtidos durante dez campañas oceanográficas Atlantic Meridional Transect que cruzaron o Atlántico desde o Reino Unido ata a Patagonia anualmente desde o 2000 ao 2012 a bordo dos buques británicos RRS James Clark Ross, Discovery e James Cook.

Autores vigueses

Xunto con Pablo Serret, investigador principal dos dous proxectos que financiaron parte da investigación realizada, asinan o artigo a investigadora María Aranguren, doutora pola Universidade de Vigo desde 2012 e que na actualidade está realizando unha investigación de posdoutoramento na Michigan State University dos Estados Unidos, onde estuda a resposta do fitoplancto ao cambio ambiental; Enma Elena García, doutora tamén por Vigo desde o ano 2013 e, na actualidade, investigadora de posdoutoramento contratada pola University of East Anglia, onde analiza a remineralización da materia orgánica e o seu impacto sobre os ciclos de carbono e nitróxeno, e José Lozano, investigador de predoutoramento na Universidade de Vigo e que actualmente se atopa embarcado nunha campaña oceanográfica que investiga a bioxeoquímica das proliferacións primaverais de fitoplancto no Atlántico norte.

Financiamento

A realización desta prolongada investigación foi posible grazas ao financiamento proporcionado por diversos proxectos de investigación do Natural Environment Research Council do Reino Unido e do Ministerio de Economía e Competitividade español. Agora, co último dos proxectos a piques de rematar, Serret tratará de continuar esta liña de investigación xunto aos seus compañeiros británicos e españois, pero para logralo ten por diante “unha dura tarefa”, subliña o investigador en referencia a falla de financiamento dispoñible. “Especialmente”, recalca, “porque o sistema de financiamento da investigación en España prima máis aquelas propostas que poden completarse ou consolidan a grupos de investigación grandes e locais, ben sexan españois, galegos ou da propia universidade, según sexa a fonte de financiamento, o que dificulta a colaboración transversal de investigadores individuais, e penaliza a internacionalización da investigación, aínda que sexa con centros punteiros de distintas partes do mundo, como é este caso, no que ademais dos investigadores británicos tamén participaron expertos de Francia”, explica Serret, que engade que “esta é unha excepción á forma na que se piden os proxectos en España, se ben eu vouno seguir tentando, pois ata o de agora tivemos éxito”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós