DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 18 de maio do 2015

Participaron 60 docentes e estudantes do programa de doutoramento IDAES

Un GradDay para os estudos ingleses


ImageO obxectivo dos Graduate Day é que os estudantes teñen ao seu dispor un foro no que presentar as liñas de investigación e traballos que están a desenvolver ao abeiro dos programas de doutoramento. No caso do programa interuniversitario en Estudos ingleses avanzados: lingüística, literatura e cultura, IDAES, profesores e estudantes tiveron unha cita académica este pasado venres na Facultade de Filoloxía e Tradución co IDAES 2015 Graduate Day. De carácter interuniversitario, este doutoramento está participado polas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela e 60 membros das tres institucións participaron na xornada, na que 20 alumnos e alumnas, presentaron os seus plans de investigación.

Duvi | Vigo
O obxectivo dos Graduate Day é que os estudantes teñen ao seu dispor un foro no que presentar as liñas de investigación e traballos que están a desenvolver ao abeiro dos programas de doutoramento. No caso do programa interuniversitario en Estudos ingleses avanzados: lingüística, literatura e cultura, IDAES, profesores e estudantes tiveron unha cita académica este pasado venres na Facultade de Filoloxía e Tradución co IDAES 2015 Graduate Day. De carácter interuniversitario, este doutoramento está participado polas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela e 60 membros das tres institucións participaron na xornada, na que 20 alumnos e alumnas, presentaron os seus plans de investigación.

O acto contou co financiamento da Escola Internacional de Doutoramento da Universidade de Vigo, polo que o seu director, Antonio García Pino, asistiu á inauguración, na que destacou a relevancia dos estudos de doutoramento tanto para a dimensión docente coma para a investigadora da carreira universitaria. Xunto con el, participaron no acto de apertura o profesor Javier Pérez Guerra, coordinador do programa en Vigo e María Jesús Lorenzo, coordinadora na Universidade da Coruña. A xornada, de oito horas de duración, incluíu tamén, a presentación por parte de representantes das tres universidades das liñas de investigación dos grupos integrados no programa. Ademais, tiveron lugar dúas conferencias plenarias impartidas polos profesores Lachlan Mackenzie, catedrático da Vrije Universiteit Amsterdam, que falou da necesidade de engadir visibilidade á investigación neste eido, e Eibhear Walshe, catedrático do University College Cork, que empregou os estudos irlandeses como exemplo dunha carreira investigadora.

A importancia do inglés nun mundo globalizado

O programa IDAES arrancou no curso 2013-2014 como herdeiro de programas previos e co convencemento de que o coñecemento especializado na lingüística, as literaturas e as culturas anglófonas é un elemento central nun mundo globalizado e intercultural. Deste xeito, os estudantes deste programa de doutoramento poden mellorar e especializar os seus coñecementos previos e destrezas de comunicación, organización e presentación. Ademais, o programa ofrece a posibilidade de realizar parte dos estudos noutro centro dentro do programa Erasmus, o que supón outra visión particular á experiencia intercultural de cada estudante.

No tocante aos obxectivos, o principal é formar aos estudantes para levar a cabo a investigación nos diferentes campos da Filoloxía Inglesa e máis especificamente está orientado a proporcionar as habilidades e competencias profesionais para escribir unha tese de doutoramento baixo a supervisión dun especialista nos tres departamentos implicados no programa. Deste xeito, os alumnos e alumnas fórmanse para poder identificar un tema de estudio e levar a cabo un método de análise que poida producir resultados innovadores ao tempo que sexan capaces des escribir en inglés de acordo aos convenios e os requisitos académicos e de interpretar e empregar bibliografía nos diferentes campos da Filoloxía Inglesa. Entre os obxectivos deste programa tamén está presentar e difundir os resultados obtidos nas xuntanzas académicas nacionais e internacionais, así como comprender e avaliar criticamente a recepción dos resultados por parte da comunidade académica e utilizar eficazmente as tecnoloxías da información e a comunicación aplicadas ás diferentes áreas da Filoloxía Inglesa. O programa de doutoramento tamén comprende unha serie de obxectivos específicos nas áreas de lingua e literatura, como o deseño de proxectos de investigación relacionados coa variación lingüística, coa adquisición da linguaxe, con especial referencia ao inglés, cos principais métodos de investigación e modelos na análise do idioma inglés ou aprender a establecer conexións entre a linguaxe e a cultura de identidade e a educación. No tocante ao eido da literatura, o programa ten marcados como obxectivos os proxectos de investigación relacionados coa literatura inglesa, americana, irlandesa e poscolonial, os proxectos relacionados coa cultura dos países de fala inglesa e as conexións entre a literatura e outras manifestacións culturais como o cine, arte ou música.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós