DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Luns, 18 de maio do 2015

A investigadora María Castellanos e o profesor Alberto Valverde gañan o concurso 'Next Things 2015'

Premio a un ‘vestido ambiental’ ideado en Belas Artes

Durante seis meses, traballarán no deseño dunha prenda capaz de medir a contaminación


ImageDeseñar un vestido capaz de medir factores ambientais e estudar como afectan á persoa que o porta. Esta é a idea coa que a investigadora de Belas Artes María Castellanos e o profesor do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual Alberto Valverde veñen de converterse nos gañadores de Next Things 2015, o “desafío global de arte e tecnoloxía” que promoven Telefónica I+D e o centro de arte LABoral, de Xixón. Despois de que a súa proposta fose a seleccionada de entre as 39 presentadas desde diferentes partes do mundo, estes dous investigadores traballarán durante seis meses no deseño dunha prenda capaz de medir a contaminación.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Deseñar un vestido capaz de medir diferentes factores ambientais e estudar a incidencia que estes teñen na persoa que o porta. Esta é a idea coa que a investigadora da Facultade de Belas Artes María Castellanos e o profesor do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual Alberto Valverde veñen de converterse nos gañadores de Next Things 2015, o “desafío global de arte e tecnoloxía” que promoven Telefónica I+D e o LABoral Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón. Despois de que a súa proposta fose a seleccionada polo xurado de entre as 39 presentadas desde diferentes partes do mundo, estes dous investigadores traballarán nos próximos seis meses no deseño dunha prenda capaz de medir a contaminación.

“O que propuxemos é a creación dun vestido intelixente, que mida a agresividade do medio que te rodea”, apunta Castellanos respecto dun proxecto que propón unha nova ollada ao mundo dos chamados wearables ou prendas intelixentes. A día de hoxe, lembra, “existen wearables que miden as túas capacidades biométricas ou o estado do corpo, pero non o estado do medio”. E iso é precisamente o que Castellanos e Valverde propoñen no seu proxecto Enviroment Dress, unha prenda que sexa capaz de achegar a quen a porta unha información sobre os niveis de dióxido de carbono, ruído ambiental, contaminación lumínica, humidade ou presión atmosférica.

Un premio que busca unir creatividade e tecnoloxía

Unir a creatividade e a visión dos artistas coas posibilidades que implican as novas tecnoloxías é o propósito do certame Next Things, unha iniciativa que Telefónica e LABoral impulsaron neste 2015 por cuarta vez e á que concorreron artistas e investigadores de diferentes países. Un xurado composto polos representantes de Telefónica I+D Pablo Rodríguez e Pere Obrador, o profesor da Universidade Politécnica de Cataluña Ramón Sangüesa, o docente da Universidade de Malmo (Suecia) David Cuartielles e os respresentantes de LABoral Patricia Villanueva, David Morán e David Puello, decantouse polo proxecto presentado por Valverde e Castellanos polo seu valor artístico e cultural, polo uso das novas tecnoloxías e por ser suceptible do desenvolvemento dun prototipo, como se recolle no fallo feito público nesta xornada.

Seis meses de traballo por diante

“Para nós é un premio moi importante", recalca Castellanos dunha iniciativa que lle permitirá “visibilizar un proxecto que ata o de agora era teórico”. Non en van, a investigación que desenvolve para a súa tese de doutoramento fundamentase precisamente en afondar en “como aumentar as capacidades humanas mediante o uso da tecnoloxía”, un campo de traballo que, engade, implica un “proceso moi custoso de investigación e experimentación con materiais”. De aí que incida na importancia dunha convocatoria como esta á hora de levar un proxecto deste tipo á práctica. Non en van, o principal premio do Next Things 2015 é a posibilidade de dotarse dos medios económicos e técnicos para desenvolver o proxecto nunha estadía de seis meses. Os dous primeiros en Xixón, onde, como explica Castellanos, disporán da maquinaria precisa para xerar un prototipo da súa idea, e os catro últimos no centro de I+D de Telefónica en Barcelona, “onde desenvolveremos a parte máis de software”.

Un vestido intelixente e aberto a todo o mundo

Nesta estadía, Castellanos e Valverde proxectan deseñar un traxe “que vai ser estético, visualmente atractivo, pero funcional” e no que a instalación dunha serie de sensores fará posible recoller datos respecto de diferentes parámetros ambientais, que se almacenarán nunha base de datos aberta a calquera persoa interesada, “que poderá coñecer, por exemplo, en que zonas dunha cidade hai maior contaminación”.

Ademais, o proxecto desta investigadora e este docente, que conforman o colectivo artístico uh513, contempla estudar “como afectan todos eses factores a nosa conduta”, a través da observación das persoas coas que realizarán as probas deste vestido, nas que “todos os seus movementos van a estar xeiolocalizados” e tendo en conta que os usuarios terán “unha resposta lumínica” da prenda, a través da que poderán coñecer os momentos e os lugares nos que eses factores ambientais alcanzan uns determinados niveis. Deste xeito, tratarase de coñecer posteriormente como afectan ao estado de ánimo e ao comportamento das persoas estas alteracións dos axentes externos.

Do mesmo xeito que serán públicos os datos recollidos, tamén o será o propio proceso de deseño deste vestido, que se vai levar a cabo en estándares de código aberto e colgado en internet, “por se alguén quere fabricarse un”, como apunta Castellanos, que explica que tamén forman parte deste proxecto a creación dunha web e unha aplicación para teléfonos móbiles nas que se recolla toda esa información.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós