DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 21 de maio do 2015

A Casa das Campás acolleu a entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2015

Por un idioma con futuro na “aldea global”

O acto serviu tamén para homenaxear a Filgueira Valverde e conmemorar o Día das Telecomunicacións


ImageAs cantigas medievais, ás que o homenaxeado no Día das Letras Galegas, José Filgueira Valverde, dedicou un bo número de estudos, demostran que o galego “a pesares de ser durante tanto tempo unha lingua tan desprezada é tamén unha lingua cun gran pasado”, como lembrou a catedrática Camiño Noia no acto de entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo. Co propósito de render homenaxe ao polígrafo pontevedrés, este acto trasladouse neste 2015 a Pontevedra, onde a institución académica quixo reiterar o seu compromiso cun idioma que se atopa nunha “situación preocupante”, como lembrou o vicerreitor Juan Manuel Corbacho. Mais o acto celebrado na Casa das Campás serviu tamén para abordar os retos de futuro, como posicionar o idioma na “nova sociedade dixital que pouco a pouco está a converter o mundo nunha aldea global”.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
As cantigas medievais, ás que o homenaxeado no Día das Letras Galegas, José Filgueira Valverde, dedicou un bo número de estudos, demostran que o galego “a pesares de ser durante tanto tempo unha lingua tan desprezada é tamén unha lingua cun gran pasado”, como lembrou a catedrática Camiño Noia no acto de entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo. Co propósito de render homenaxe ao polígrafo pontevedrés, o acto promovido pola Área de Normalización Lingüística da Universidade trasladouse neste 2015 a Pontevedra, onde a institución académica quixo reiterar o seu compromiso cun idioma que se atopa nunha “situación preocupante”, como lembrou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho. Mais o acto celebrado na Casa das Campás serviu tamén para abordar retos de futuro, como a necesidade de posicionar o idioma nesa “nova sociedade dixital que pouco a pouco está a converter o mundo nunha aldea global”, como engadiu o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Iñigo Cuíñas.

Non en van, esta entrega de premios volveu ligar dúas efemérides que tiveron lugar o 17 de maio, o Día das Letras Galegas e o Día Mundial das Telecomunicacións. Se o ano pasado a Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade “demostrou que a nosa lingua só ten os límites que lle marquemos cos nosos prexuízos”, transmitindo desde o satélite Humsat-D textos de Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro, nesta entrega de premios volveu avogar pola “simbiose da nosa lingua cos recursos máis avanzados para o seu espallamento”, como engadiu Corbacho. Non en van, como salientou Cuíñas, “que o galego sexa un idioma con futuro nesa nova sociedade dixital depende de cada un de nós”.

Potenciar a lingua nun novo escenario

Nun acto no que a entrega de premios e accésits viuse precedida polas representacións teatrais de ButacaZero, que en ton de humor repasaron a historia das telecomunicacións, o director da EE de Telecomunicación chamou a reflexionar sobre un período de cambio, que vai máis aló “dunha revolución tecnolóxica” para supor “que esteamos a mudar dunha sociedade urbana a unha sociedade dixital”. Nese senso, Cuíñas puxo o acento en que para as novas xeracións, a rede “é o equivalente ao que hai poucos anos significaban os libros e as bibliotecas”, polo que “potenciar a lingua neste novo escenario será fundamental” para o seu futuro. Neste senso, lembrou que vén de vivirse un “paso de moita importancia para a difusión da lingua galega” como foi o impulso dos dominios .gal e salientou que cada empresa ou institución que aposta por usar o idioma para “dirixirse ao mundo desde internet, está dando un novo pulo ao galego”.

A “faciana da colaboración” fronte a un presente preocupante

“A perda da súa transmisión interxeracional, o descenso do seu uso en ámbito urbanos, a súa escasa presenza en sectores estratéxicos e a falta de avances no proceso de normalización” foron as catro problemáticas que afectan ao idioma postas de relevo por Corbacho nun acto no que lembrou a declaración asinada polos Departamentos de Galego das tres universidades alertando da situación na que se atopa a lingua. Por eses motivos, o vicerreitor do campus pontevedrés reclamou un “traballo crecente das institucións” na súa defensa. “Cómpre dar os pasos que nos permitan amosar que hai camiños que merecen ser transitados”, engadiu Corbacho, quen salientou que a Universidade debe fomentar do uso do galego na investigación, na transferencia de coñecemento e na docencia, ao mesmo tempo que avogou porque as diferentes institucións amosen “a faciana da colaboración”, para avanzar nun camiño que permita “que o noso idioma albisque unha senda positiva”.

Filgueira, “un home que amou a súa terra”

Ademais de para abordar o presente e o futuro, este acto tamén serviu para botar a vista cara o pasado e lembrar o nomeamento como doutor honoris causa da Universidade de Vigo do homenaxeado co Día das Letras Galegas. Fíxoo coas verbas da que fora a súa madriña naquel acto, Camiño Noia, quen lembrou ao polígrafo pontevedrés como “un home que amou á terra e que defendeu e espallou a cultura galega”. Ese foi precisamente un dos motivos polos que "o que foi un dos últimos polígrafos galegos" foi recoñecido pola Universidade en 1996. Noia lembrou a Filgueira como un "gran defensor da lingua", que durante a ditadura conseguiu, “grazas ás súas relacións”, que o galego puidese chegar a estar presente nas escolas. Así mesmo, recordou a Filgueira “como un traballador da literatura despois da Guerra Civil” e apuntou que, xunto con Sánchez Cantón, puxo en marcha a editorial Bibliofilos Galegos, ademais de ter promovido durante o franquismo concursos de poesía, narrativa e tradución como o que nesta xornada os reunía na Casa das Campás. “Non podían dicir que fosen só para textos en galego, pero curiosamente dábanselle os premios á xente que os presentaba nesta lingua”, entre eles, o represaliado Ricardo Carballo Calero, pola que foi a primeira obra narrativa publicada en galego trala Guerra Civil, Xente da barreira.

Premios que serven para honrar unha lingua

Como unha “forma de contribuír a unha lingua e a unha cultura”, presentou Corbacho os premios que motivaron este acto e nos que a Área de Normalización Lingüística contou un ano máis co apoio da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego, Valentín García, estivo presente nunha entrega que se abriu coa lectura da acta do xurado destes galardóns por parte do director da ANL, Paulo Cabral, e se pechou coa entrega dos diplomas a oito novos “traballadores da lingua”, como os definiu García.

Trátase de Anxo Mena, premiado na categoría de poesía, Xurxo Martínez, na de relato curto, e Marta Santamaría, na de tradución literaria. Esta última foi a única que puido asistir a un acto que definiu como positivo, xa que contribúe “a darlle visibilidade a nosa lingua” e no que esta estudante recolleu o seu diploma cunha combinación de“alegría e responsabilidade, porque son consciente de que me queda moito por traballar e mellorar”. Así mesmo, tamén se fixo entrega dos cinco accésits concedidos polo xurado, outorgados a María López en poesía e relato curto, a Lara Domínguez en poesía, a María Alonso en relato curto e a Moncho Iglesias en tradución.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós