DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Cabeceira
Venres, 31 de marzo do 2017

Os resultados do estudo acaban de ser publicados pola revista Scientific Reports

Unha tese da Universidade sostén que a cor vermella de Marte pode deberse á oxidación xerada por micropartículas de pirita

O grupo do profesor Luis Gago continúa coa investigación, agora con experimentos en Berlín


ImageA investigación defendeuse na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo en xuño de 2015, pero non foi ata este mesmo mes que os resultados se publicaron na revista Scientific Reports, unha das publicacións do grupo Nature. Falamos da tese de doutoramento da investigadora viguesa Carolina Gil, un estudo no que se sostén que a cor vermella da superficie de Marte podería deberse á forte oxidación xerada pola disolución de micropartículas de pirita nunha atmosfera sen osíxeno, o que xerou radicais libres que, á súa vez, induciron a precipitación de óxidos e sulfatos de ferro.
Asinan o artigo desta prestixiosa revista científica, Carolina Gil, que na actualidade traballa como investigadora do CSIC no Centro de Astrobioloxía de Madrid; os dous directores da súa tese, o profesor Luis Gago Duport, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, e Alfonso Fernández Dávila, egresado da Facultade de Ciencias do Mar que desde 2006 traballa no Carl Sagan Center de California; Alberto González Fairén, investigador do CSIC e Elisabeth Losa, investigadora da Universidade de Vigo.

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós