DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Pontevedra
Xoves, 23 de xuño do 2016

Coa certificación á súa implantación que vén de outorgarlle a ACSUG

A EE Forestal ve recoñecido o seu sistema de garantía de calidade

Convértese no primeiro centro do campus en obter este recoñecemeto


ImageA implicación do seu equipo directivo e da súa Comisión de Garantía de Calidade co funcionamento do centro, a presenza nesta comisión de egresados e representantes do mundo empresarial, a proximidade de trato entre profesorado, alumnado e PAS ou o bo funcionamento da coordinación horizontal e vertical. Estas son algunhas das fortalezas da EE Forestal recoñecidas pola comisión avaliadora da ACSUG, que vén de outorgar a este centro do campus pontevedrés a certificación á implantación do seu sistema de garantía interna de calidade, a primeira que se concede a un centro do campus de Pontevedra.
Xoves, 23 de xuño do 2016

Ciencias da Educación e do Deporte acolle un curso sobre novos recursos educativos

Robots e simuladores para as aulas do século XXI

O alumnado aprende a deseñar diferentes actividades didácticas co encerado dixital interactivo


ImageRobots capaces de expresar emocións como resposta a un determinado estímulo ou programas de simulación que permiten amosar aos nenos a reacción que terían diferentes materiais ao somerxelos na auga. Estes son dous exemplos dos múltiples recursos tecnolóxicos que poden contribuír a achegar ás aulas actividades pensadas para os nenos e nenas do século XXI. O deseño de novas propostas didácticas, partindo do uso do encerado dixital interactivo, un elemento presente hoxe en día na meirande parte dos centros, é o eixo central do curso de Extensión Universitaria Ensinar ciencias con xoguetes interactivos e encerado dixital.
Xoves, 23 de xuño do 2016

A EE Forestal acolleu este mércores o acto de graduación do Programa para Maiores

Tamén é tempo de despedidas para o alumnado máis veterano

O estudantado sénior vén de impulsar tamén unha revista dixital na que da conta das súas actividades


Image Pola súa constancia e as súas ganas de aprender, constitúen tamén un dos piares do campus, que, chegado este tempo de graduacións, despediu como merecen aos novos graduados e graduadas sénior do Programa para Maiores da Universidade. Acompañados polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o coordinador deste programa, Miguel Ángel Nombela, e a súa responsable no campus, Ana Acuña, os integrantes da décimo segunda promoción recolleron na tarde do mércores na EE Forestal as bandas e diplomas que acreditan que completaron con éxito os tres cursos do Ciclo de Integración dunha iniciativa formativa para maiores de 55 anos.
Mércores, 22 de xuño do 2016

A través do taller de creación e xestión de perfís ORCID que desenvolve en CCSS e da Comunicación

A biblioteca busca dotar ao persoal investigador do campus dunha identidade dixital

30 integrantes do PDI participan nesta iniciativa dirixida a facer máis identificable a súa produción científica


ImageA crecente relevancia que no mundo da investigación está a ter a contorna dixital fai que “cada vez sexa máis importante ter unha identidade dixital como investigador para poder ser identificado e promocionar a súa produción científica”, como salienta o técnico da Biblioteca Central do campus Héctor Castro, un dos responsables do taller que trata de achegar ao PDI á creación dun perfil identificador na rede. De carácter práctico, o taller no que participan 30 docentes e investigadores en CCSS e da Comunicación céntrase concretamente no sistema ORCID, “unha organización que trata de crear un rexistro internacional de investigadores”.
Mércores, 22 de xuño do 2016

O profesor Luis Fernández converteu en animación un conto infantil sobre procesos de separación

Ante o medo á ruptura familiar, Pobi pode axudar

O material, con licencia libre, está a ser empregado en programas de apoio a nenos e nenas


ImageNo marco dun proxecto de investigación dirixido pola catedrática da Universidade de Vigo Francisca Fariña e o catedrático da USC Ramón Arce, naceu no ano 2001 Pobi, un peixe voador, fillo dun paxaro cantor e unha peixe de cores e protagonista do conto ilustrado por Xosé Lois Hermo que desde entón se ven empregando cos nenos e nenas como material psicopedagóxico no programa Ruptura de parella, non de familia, que dirixen estes dous docentes. 15 anos despois, Pobi vén de cobrar vida de novo grazas á adaptación desta historia a un vídeo de animación realizada polo profesor de CCSS e da Comunicación Luis Fernández.
Martes, 21 de xuño do 2016

O investigador Enrique Lista analiza na súa tese a introdución desta disciplina na arte contemporánea

Fotografía e arte non uniron os seus camiños en Galicia ata as últimas décadas do século XX

No estudo, afonda na convivencia entre a fotografía de autor e a integración do medio nun modelo multidisciplinar


ImageAínda que no contexto internacional, “a fotografía introdúcese definitivamente na arte” a partires da década de 1960 da man dos artistas do pop art ou das neovangardas, en Galicia, a súa incorporación á arte contemporánea prodúcese “de xeito máis tardío e con particularidades que non poden ser explicadas unicamente pola súa situación periférica”, segundo sostén Enrique Lista, quen centrou a súa tese no momento no que fotografía e arte unen os seus camiños en Galicia. Ata finais do século XX, explica, a comunidade sufriu dunha “desconexión cos tempos e tendencias da arte contemporánea”, acentuada pola “grande escaseza de infraestruturas”. Será precisamente o “paulatino asentamento” destas, sinala, o “factor decisivo para a entrada da fotografía no recente e cambiante sistema da arte en Galicia”.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 2876

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós