DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional
Luns, 16 de xaneiro do 2017

A Unidade de Igualdade destina 25.000 euros a este programa

Nova convocatoria de axudas para organizar actividades docentes con perspectiva de xénero

En 2016 subvencionáronse unha ducia de actos nos tres campus


ImageSeguir animando ás profesoras e profesores a organizar cursos, conferencias, xornadas, exposicións… coas que contribuír a transmisión de valores igualitarios entre o alumnado. Este é o principal obxectivo co que a Unidade de Igualdade publica unha nova convocatoria de axudas para a organización de actividades docentes con perspectiva de xénero, unha iniciativa que se puxo en marcha en 2011 e a que este ano se van dedicar, igual ca na anterior convocatoria, un total de 25.000 euros. “O déficit de formación en xénero para o alumnado segue sendo moi grande”, explica Anabel González Penín.
Venres, 13 de xaneiro do 2017

Segundo avanzou Alberto Núñez Feijóo trala reunión semanal deste órgano

O Consello da Xunta dá luz verde á creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Será a sede do Grao de Enxeñaría Aeroespacial que se imparte deste este curso no campus de Ourense


ImageO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves, trala reunión semanal do Consello da Xunta, a creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que será a sede do Grao de Enxeñaría Aeroespacial que desde este curso se imparte no campus de Ourense. No que atinxe ao novo centro, segundo informou a Xunta de Galicia, Feijóo fixo fincapé en que permitirá contar cun espazo propio e equipado adecuadamente onde impartir unha titulación que só se dá en dez universidades españolas.
Xoves, 12 de xaneiro do 2017

O proxecto MarMOOC conta cun orzamento de case un millón de euros, financiados pola UE

A Universidade coordinará a creación da primeira plataforma de cursos en liña en Marrocos

Seis universidades magrebís e o Ministerio de Educación participan nesta inicaitiva


Image A Universidade de Vigo, coa colaboración de seis socios europeos, coordina un proxecto, que cun orzamento de case un millón de euros, financiados pola Unión Europea, permitirá crear a primeira plataforma de cursos en liña (MOOCs, Masive Open Online Course, e SPOCs, Small Private Online Courses) en Marrocos. MarMOOC, que incluirá unha oferta de cando menos unha ducia de cursos masivos e outros seis cursos privados, centrarase en seis áreas de coñecemento prioritarias para o país norteafricano como son a economía e administración de empresas, dereito, ciencias, enxeñaría, pesca, agricultura e saúde. Na reunión de lanzamento do proxecto, Salustiano Mato avogou por utilizar as novas tecnoloxías de xeito intelixente, para evitar que a non presencialidade non diminúa o rigor e a excelencia académica.
Martes, 10 de xaneiro do 2017

A Área de Normalización Lingüística edita un calendario ilustrado polo debuxante pontevedrés

Viñetas de Luís Davila para desbotar os prexuízos que pexan o uso da lingua galega

O artista considera que “o galego precisa todo o apoio que lle poidamos dar… e máis”


Image Unha mestra que pregunta a un cativo: “Que perdiste Roi?” ao que o neno responde: “A lingua”. Un científico que asegura: “El gallego no vale para explicar la ciencia” ao que unha compañeira de laboratorio resposta: “E logo. Vaia afirmación. Ten algunha base científica?”. Estas son dúas das doce viñetas coas que o debuxante pontevedrés Luís Davila ilustra o calendario Na Universidade en galego. Sen prexuízos, editado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo co obxectivo, como explica o seu director, Paulo Cabral, “de desbotar dende a retranca algúns dos prexuízos e estereotipos que pexan o uso da nosa lingua”.
Martes, 27 de decembro do 2016

Nunha sesión celebrada este martes no Polígono de San Cibrao das Viñas

O pleno do Consello Social aproba os orzamentos da Universidade de Vigo para 2017

O acto comezou cunha homenaxe aos 51 anos de existencia do 'pulmón industrial' de Ourense


ImagePor segunda vez na súa historia, o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo, órgano de representación da sociedade na institución académica, saíu do seu habitual ámbito universitario para celebrarse no Polígono de San Cibrao das Viñas, en Ourense, que o pasado ano celebrou medio século de historia. Neste último pleno do ano, a entidade, entre outras moitas cuestións, aprobou por unanimidade os orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2017, que ascenden a 165.325.488 euros, un 2,95% máis que o exercicio anterior. “Somos unha Universidade saneada, coas contas equilibradas, sen débeda e sen déficit”, destacou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, sobre estes orzamentos. O reitor e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, coincidiron en salientar a “boa saúde económica” da institución académica e “o esforzo feito pola comunidade universitaria”.
Venres, 23 de decembro do 2016

O presidente do comité de Pontevedra tamén solicitaba a suspensión cautelar da execución da mesma

O Consello de Goberno rexeita o recurso de reposición contra o acordo de aprobación da RPT do PAS laboral


ImageCon 18 votos a favor e seis en contra, o Consello de Goberno aprobou hoxe desestimar o recurso de reposición interposto polo presidente do Comité de Empresa do PAS laboral da provincia de Pontevedra, contra o acordo do 10 de outubro do Consello de Goberno de aprobación da relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos, así como a desestimación da solicitude de suspensión cautelar da execución da mesma. A secretaria xeral, Gloria Pena, foi a encargada de expoñer ante os membros do Consello de Goberno os aspectos básicos do recurso interposto por Marcos Estévez, que hoxe non participou na sesión ao atoparse de baixa médica.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 2226

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós