DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación
Xoves, 25 de agosto do 2016

O científico da Universidade foi seleccionado polo European Research Council no programa Starting Grant

O ERC financia con 1,5 millóns a investigación de José Tubío sobre cancros transmisibles en bivalvos

Durante os próximos cinco anos, estudará os mecanismos polos que a enfermidade se transmite dun exemplar a outro


Image A excelencia científica é o criterio que determina a concesión das Starting Grant, as prestixiosas bolsas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para facilitar que investigadores e investigadoras novos poidan desenvolver os seus propios proxectos independentes. Proxectos como o estudo do cancro transmisible en animais mariños do investigador do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía José Tubío, ao que o ERC vén de conceder 1,5 millóns de euros para o desenvolvemento desta investigación ao longo dos vindeiros cinco anos. “Para min é como recibir unha medalla olímpica, porque a competencia é enorme, este ano presentáronse preto de 3000 proxectos, a maioría dunha calidade extraordinaria, e vanse financiar arredor de 300”, sinala Tubío, investigador que este ano incorporouse á Universidade de Vigo cun contrato Ramón y Cajal.
Venres, 29 de xullo do 2016

A investigadora Blanca González analizou na súa tese a escenografía de diferentes obras das vangardas

Cando as artes confluíron sobre o escenario

A comezos do século XX, sinala, o teatro converteuse nun “espazo de confrontación” entre disciplinas


ImageCon obras nas que a escenografía correu a cargo de artistas como Malevich, Leon Bakst ou Picasso, as vangardas fixeron do teatro, a comezos do pasado século, “unha disciplina de grande importancia para o desenvolvemento da plástica e un espazo de confrontación e absorción das diferentes ramas artísticas”, como conclúe a investigadora Blanca González. Co propósito de afondar en como se trasladan á plástica, dentro do teatro de vangardas, unha serie de “espazos de evasión” que se foron configurando ao longo do século XIX, González Crespán analizou para a súa tese de doutoramento a escenografía de cinco obras teatrais.
Venres, 29 de xullo do 2016

A tese de Soledad Cuba sostén que o escritor cubriu un baleiro de mitos culturais marítimos

Unha investigación analiza o papel de Torrente Ballester na creación dunha mitoloxía atlántica para Galicia

Creou o Varón Libertador, o Dragón Feo ou Jasconius, aínda que non chegaron a callar na cultura popular


ImageAs rexións europeas bañadas polo Atlántico teñen unha mitoloxía popular estreitamente vinculada a este océano, ao eido marítimo. Pero Galicia, a pesares do seu carácter enimentemente mariño e mariñeiro carece de mitos culturais atlánticos. Así o consideraba o escritor Gonzalo Torrente Ballester, que non atopaba no acervo popular galego figuras como a do mito redentor que en Gran Bretaña representa o Rei Arturo ou en Portugal o rei don Sebastián. Sereas ou monstros mariños tampouco aparecen, segundo Torrente, na mitoloxía tradicional galega, polo que se propuxo crealos a través da súa literatura. Esta vertente da obra do escritor ferrolán apenas está estudada e nela centrou a súa tese de doutoramento Soledad Cuba. Explica a investigadora que, se ben Torrente Ballester “non se cansou de repetir que o mito constituía un dos temas fundamentais da súa literatura”, os estudos sempre se centraron no mito político e de poder.
Xoves, 28 de xullo do 2016

O estudo foi presentado este curso na Facultade de Ciencias por Susana Peña

Unha tese demostra o potencial da concha de mexillón como descontaminante de mercurio

Un gramo pode reducir á metade a concentración en 500 ml de auga contaminada


ImageA contaminación por mercurio xera unha gran preocupación debido á súa elevada mobilidade no medio ambiente e á súa capacidade de bioacumularse na cadea trófica e polo tanto afectar ao ser humano. En resposta a este problema, entre outras liñas de actuación, trabállase no estudo da capacidade que teñen diferentes materiais adsorbentes para inmobilizar este metal pesado. Na súa tese de doutoramento, a investigadora Susana Peña puxo a proba esta capacidade no caso da concha de mexillón, tendo en conta que Galicia é, tras China e Tailandia, un dos maiores produtores mundiais deste produto. Os resultados demostran o seu alto potencial descontaminante.
Mércores, 27 de xullo do 2016

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio remata esta semana a intervención no castro

Armea, unha “auténtica cidade romana” entre carballos

A información recadada permite datar a ocupación do lugar durante os séculos I e II


ImageA intervención arqueolóxico que durante o mes de xullo está a realizar o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo no castro de Armea, no concello ourensán de Allariz, entra na súa recta final e faino facendo un balance moi positivo. Os traballos rematan deixando ao descuberto toda a zona do castro levantada nos anos 50 Francisco Conde-Valvís, abrindo novas áreas e realizando a datación da ocupación deste enclave. “Estamos ante un caso único en Galicia porque se trata dunha auténtica cidade romana, ocupada no século I e II, pero situada non na capital senón no rural”, apunta Adolfo Fernández.
Mércores, 27 de xullo do 2016

En 2015 apenas se defenderon na Universidade unha ducia de teses en galego

Doutores en galego: por coherencia, por compromiso, por convicción...

Os autores defenden que a lingua de Galicia é “tan válida como calquera outra” para a ciencia


ImageEn 2015 depositáronse na Universidade de Vigo preto de medio millar de teses de doutoramento pero apenas unha ducia o fixeron en idioma galego. A piques de rematar o curso o Duvi recolle a opinión dalgún destes investigadores e investigadoras que se decantaron por facer ciencia e facelo na súa lingua propia: o galego. Pertencen a distintos ámbitos: a filoloxía (Salvador Castro e Xurxo Martínez), a tradución (María Reimóndez), o dereito (Margarita Parajó), a economía (Damián Copena), a comunicación (Miguel Anxo Fernández)... e todos coinciden en que a razón principal para ter escollido este idioma como lingua das súas teses de doutoramento é a coherencia, o seu compromiso persoal coa lingua e a cultura de Galicia, e tamén o seu convencemento de que o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para a investigación científica.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 1969

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós