DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 25 de febreiro do 2016

A Universidade acolle desde hoxe o HackforGood 2016, organizado pola Cátedra Telefónica-Uvigo

Máis de 60 'hackers' ao servizo da innovación social

Estudantes de 20 universidades espańolas desenvolverán novas ideas, servizos ou aplicacións


Image 62 inscritos e inscritas, o dobre que en 2015. 13 grupos de entre 4 a 5 persoas e temáticas como realidade virtual, aplicacións sanitarias, terceira idade, mobilidade para persoas con discapacidade, robótica, sistemas de emerxencia. Estes son os grandes números e ámbitos de traballo dos e das participantes no HackforGood 2016 organizado pola Cátedra Telefónica- Uvigo desde hoxe e ata o sábado no edificio Miralles do campus vigués. Por segundo ano consecutivo a Universidade de Vigo é unha das 14 sedes nas que de xeito simultáneo se desenvolve a 4ª edición do HackforGood, o encontro de programadores organizado por Telefónica e impulsado pola Escuela Técnica Superior de Telecomunicación da Universidad Politécnica de Madrid; a Fundación Hazloposible e a startup MashmeTV, e que conta co apoio da Rede de Cátedras Telefónica.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
62 inscritos e inscritas, o dobre que en 2015. 13 grupos de entre 4 a 5 persoas e temáticas como realidade virtual, aplicacións sanitarias, terceira idade, mobilidade para persoas con discapacidade, robótica, sistemas de emerxencia. Estes son os grandes números e ámbitos de traballo dos e das participantes no HackforGood 2016 organizado pola Cátedra Telefónica- Uvigo desde hoxe e ata o sábado no edificio Miralles do campus vigués. Por segundo ano consecutivo a Universidade de Vigo é unha das 14 sedes nas que de xeito simultáneo se desenvolve a 4ª edición do HackforGood, o encontro de programadores organizado por Telefónica e impulsado pola Escuela Técnica Superior de Telecomunicación da Universidad Politécnica de Madrid; a Fundación Hazloposible e a startup MashmeTV, e que conta co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre as que se atopa a da Universidade de Vigo.

O alumnado das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industriais da Universidade de Vigo suman o 80% dos e das participantes nesta edición local do HackforGood, ao que tamén concorren estudantes doutras titulacións que se imparten na institución académica viguesa. Ao igual que en Vigo, en Madrid, Barcelona, Valencia, Alicante, Murcia, Ciudad Real, Sevilla, Málaga, Las Palmas de Gran Canaria, Cáceres, Salamanca, Valladolid e León, centos de estudantes desenvolverán durante os tres días que dura o encontro novas ideas, servizos ou aplicacións que axuden a resolver problemas sociais, satisfacendo as necesidades existentes, creando novas comunidades ou desenvolvendo colaboracións entre institucións públicas, privadas e terceiro sector. “Todo o que contribúa a crear un mundo mellor”, sinalan desde a organización, que establece que os proxectos se desenvolvan a partir de retos formulados a partir de liñas temáticas como Big Data, Smart Cities, Smart Worlds, Smart Society, M2M, Internet das cousas, impacto nas persoas e na cidadanía e en definitiva calquera tema relacionado coa innovación social.

De xeito individual ou por equipos os e as participantes desenvolverán as súas aplicacións, nas que se valorarán factores como impacto, importancia do problema solucionado, creatividade, innovación, facilidade e baixo custe de despregue ou uso de software libre.

O valor da multidisciplinariedade e a innovación

O HackforGood 2016 deu comezo esta tarde na Universidade de Vigo coas intervencións do reitor, Salustiano Mato e do director de Telefónica Galicia, Manuel Ángel Alonso, ás que seguiu unha conferencia a cargo da directora de Open Future Telefónica en Galicia, Carmen López, titulada H4G e Proxecto Open Future. Nas sesións do venres e sábado os e as participantes desenvolverán os seus proxectos, que serán presentados o sábado, xornada que rematará coa entrega de premios locais.

Na súa intervención, Salustiano Mato destacou os valores de multidisciplinariedade e traballo cooperativo que representa HackforGood e desexou aos participantes que “imaxinedes e compartades moito e que o resultado sexa o máis interesante posible e sobre todo que a experiencia sexa inesquecible”. Mato agracedeu a Telefónica, a través da Cátedra Telefónica Universidade de Vigo esta colaboración, cada vez máis estable, que permite á institución transferir o seu coñecemento á sociedade. Pola súa banda o director de Telefónica Galicia, Manuel Ángel Alonso, tamén incidiu na crecente colaboración entre a empresa e a Universidade de Vigo. En relación con HackforGood, Alonso inseriuna nas actividades que Telefónica desenvolve “para xerar ideas que se poden converter en realidades”, co obxectivo de promover cultura da innovación e emprendemento. O director de Telefónica Galicia animou aos e ás participantes a gozar dunhas xornadas “nas que podedes darvos conta de que as vosas ideas poden axudar a resolver problemas e converterse en realidades”. Alonso tamén incidiu na importancia da multdisciplinariedade, “ese é o camiño”, dixo e animou aos e ás futuras tecnólogos a abrir a mente e aproveitar as oportunidades de valor que teñen outras especialidades.

Premios locais, nacionais e continuidade para os mellores proxectos

No caso da sede viguesa establecéronse tres galardóns, dotados cada un deles con 500 euros: o Premio á innovación social, outorgado polo Consello Social; o Premio á innovación enerxética que concede a Cátedra Telefónica para a innovación enerxética e o Premio ao desenvolvemento sostible da Oficina de Medio Ambiente. Pola súa banda as mellores app nacionais repartiranse 12.000 euros, mentres que os premios temáticos outorgarán 8000 euros para as mellores aplicacións que resolvan retos relacionados coa educación e a discapacidade intelectual así como para aqueles que se baseen no uso de xogos serios ou que teñan o mellor deseño. Os premios de continuidade, que permitirán aos equipos seguir co desenvolvemento das aplicacións cando remate o evento, ofrecerán formación personalizada, mentorización específica e financiamento adicional. Para iso haberá un premio Think Big local en cada sede HackForGood que consistirá nunha fin de semana formativa en emprendemento social e a posibilidade de pasar ao nivel 2 do programa Think Big de Fundación Telefónica. Entre todos os gañadores locais elixirase o gañador nacional, que será premiado cun pase directo a este nivel 2 de Think Big. Por outra banda, os premios Telefónica Open Future–HackForGood repartirán tres galardóns globais que permiten o uso da rede de espazos de crowdworking de Open Future e unha mentorización personalizada que facilite que a idea orixinal e o prototipo evolucionen cara unha startup. A organización tamén outorgará os premios multisede aos equipos con membros de varias cidades (3000 euros á mellor aplicación multisede) e os premios formativos, que ofrecen bolsas completas para mestrados en dirección de empresas e en sistemas de información.

Todos os equipos gañadores formarán parte do ecosistema de emprendemento de Telefónica Open Future e así poderán dar continuidade ao seu proxecto e beneficiarse dos programas da compañía de formación e mentorización, e conseguir financiamento adicional.

Gañadores da fase viguesa en 2015

Na pasada primavera, resultaron gañadores cinco proxectos, sendo o primeiro premio para Pulsafe, unha app pensada para o seguimento activo da saúde das persoas. O segundo premio foi para Sanet, aplicación centrada en mellorar a relación médico-paciente e centralizar a información sanitaria. Anciáns SOS foi escollida como terceiro premio, unha aplicación destinada a persoas maiores que viven soas, e que permite realizar un seguimento do seu estado. O premio Think Big Vigo outorgouse ao proxecto GreenScouter, unha plataforma para localizar rutas limpas, utilizando datos de tráfico e de contaminación do aire e o premio Open Future Vigo foi para o proxecto Espectrofotómetro, dirixido a detectar contaminantes na auga.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós