DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 15 de decembro do 2016

Segundo acordaron na Asamblea Xeral da REUS celebrada este mércores en Madrid

As universidades españolas avaliarán os estilos de vida e as contornas saudables dos seus campus

Establecerase os mínimos saudables esixibles nos contratos das máquinas de vending e de comedores e cafetarías


ImageA Universidad Rey Juan Carlos de Madrid acolleu este mércores a celebración da Asemblea Xeral da Rede Española de Universidades Saudables (REUS), da que o técnico do Servizo de Deportes da institución viguesa Román Lago é vogal. Nesta xuntanza acordaron deseñar varios instrumentos estandarizados que lles permitan ás institucións académicas avaliar os estilos de vida e as contornas saudables dos seus campus así como establecer os mínimos saudables esixibles e recomendacións da REUS para os pregos de prescricions técnicas dos contratos das máquinas de vending e dos comedores e cafetarías das universidades.

Duvi | Vigo
A Universidad Rey Juan Carlos de Madrid acolleu este mércores a celebración da Asemblea Xeral da Rede Española de Universidades Saudables (REUS), da que o técnico do Servizo de Deportes da institución viguesa Román Lago é vogal. Esta rede, que naceu en 2008, está formada por 36 institucións académicas, xunto coa Conferencia de Rectores de Universidades Españolas, o Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e algunhas entidades autonómicas de saúde pública. O seu obxectivo é reforzar o papel das universidades como entidades promotoras da saúde e benestar dos seus estudantes, do seu persoal e da sociedade no seu conxunto, liderando e apoiando procesos de cambio social e, neste sentido, nesta xuntanza sentáronse as bases varias actuación que avanzan neste camiño. Por unha banda, os socios acordaron deseñar un instrumento estandarizado de valoración dos estilos de vida da comunidade universitaria común para todas as universidades e que permitirá análises comparativas válidas e fiables da situación das diferentes universidades así como da súa evolución no tempo. Tamén se porá en marcha outro instrumento para a avaliación das contornas universitarias saudables que permitirá valorar se unha universidade ou un campus promove a saúde ou non outorgando unha puntuación a cada unha delas e establecendo un ránking de universidades saudables. Ademais, nesta reunión tamén se acordou establecer os mínimos saudables esixibles e recomendacións da REUS para os pregos de prescricions técnicas dos contratos das máquinas de vending e dos comedores e cafetarías das universidades. Todos estes acordos, como destaca Román Lago, “elevaranse ao plenario da vindeira Comisión Sectorial de CRUE-Sostenibilidad que se celebrará en Santiago de Compostela en abril do 2017 para, se procede, ser aprobados e asumidos por todas as universidades españolas”.

Nova web e congreso en xuño

Por outra banda, nesta Asemblea Xeral da Rede Española de Universidades Saudables tamén se acordou a posta en macha dunha nova web (http://www.unisaludables.es/es/) na que as institucións socias poderán compartir recursos sobre promoción da saúde como documentos de consenso, estudos de diagnose, actividades innovadoras, campañas de sensibilización, pregos de prescricións técnicas, etc. tanto entre elas como con outras entidades que puideran estar potencialmente interesadas, tales como universidades doutros países, escolas de secundaria, empresas, etc. Finalmente, tamén se acordou a data e lugar de celebración do VIII Congreso Internacional de Universidades Promotoras de la salud, en Alacante entre o 27 e o 29 de xuño.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós