DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 21 de decembro do 2016

Rocío Laseca presentará nesta pasarela unha versión ampliada do seu proxecto de fin de estudos

Tralo Debut, chega o tempo do Ego

Na vindeira edición da Madrid Fashion Week desfilará tamén a egresada de Esdemga Amai Rodríguez


ImageHai menos dun mes, a titulada en Esdemga Rocío Laseca estreaba na décima edición de Debut a colección que constituía o seu proxecto de fin de estudos, Who are you?, un traballo que o vindeiro mes de febreiro trasladará a un dos principais escaparates da moda en España, a Mercedes-Benz Madrid Fashion Week. Será o 21 de febreiro cando esta egresada presente unha versión ampliada desta colección que toma o seu nome do disco editado por The Who en 1978, na plataforma para novos talentos da antiga pasarela Cibeles, na que o pasado mes de setembro, outra titulada en Esdemga, Elena Rial, obtiña o premio Mercedes-Benz Fashion Talent. Xunto a Laseca, Esdemga estarán tamén representada nesta nova edición do Ego por unha titulada da súa primeira promoción, a deseñadora Amai Rodríguez Coladas, que participará por terceira vez nesta pasarela.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Hai menos dun mes, a titulada en Esdemga Rocío Laseca estreaba na décima edición de Debut a colección que constituía o seu proxecto de fin de estudos, Who are you?, un traballo que o vindeiro mes de febreiro trasladará a un dos principais escaparates da moda en España, a Mercedes-Benz Madrid Fashion Week. Será o 21 de febreiro cando esta egresada presente unha versión ampliada desta colección que toma o seu nome do disco editado por The Who en 1978, na plataforma para novos talentos da antiga pasarela Cibeles, na que o pasado mes de setembro, outra titulada en Esdemga, Elena Rial, obtiña o premio Mercedes-Benz Fashion Talent. Xunto a Laseca, os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza estarán tamén representados nesta nova edición do Ego por unha titulada da súa primeira promoción, a deseñadora Amai Rodríguez Coladas, que participará por terceira vez nesta pasarela.

“Poder participar no Ego e que expertos en moda valorasen o meu traballo desta maneira é para min unha satisfacción moi grande”, salienta Laseca da súa elección para a “principal pasarela española”, nunha plataforma á que concorren estudantes e titulados de escolas de moda de toda España e na que, na edición número 65 da Fashion Week, compartirá protagonismo con Rodríguez Coladas, Existence Research Program, Threeones, Outsiders Division, María Magdalena, Marlina Pradshot, Nacho Costa e Juan Carlos Pajares, que pechará este desfile como deseñador procedente das pasarelas internacionais de Mercedes-Benz.

De volta aos 60

Unha época, finais da década de 1960, na que irrompeu “unha xeración que quixo ir contra as estruturas sociais establecidas” constitúe o punto de partida da colección coa que Laseca participará na edición número 65 da Fashion Week, e que toma como título un álbum dunha das bandas icona daquela xeración co propósito de afondar en ideas como a liberdade e a psicodelia a través dunha serie de estilismos masculinos e femininos. “Quixen plasmar esa idea utilizando uns tecidos moi diferentes, mesturando estampados florais e abstractos, algunhas serigrafías e combinando volumes escultóricos con prendas lixeiras”, salienta dun proxecto no que lle tocará seguir traballando nas próximas semanas. Non en van, aínda que a base da colección que desfilará no Ifema sexa o seu traballo final en Esdemga, a participación no Ego “implica presentar un total de vinte estilismos, dez máis dos que presentei no meu proxecto”, pero que non obstante, tiña xa definidos no momento de presentar a súa candidatura, explica.

Especial desde o punto de vista profesional e persoal

Enfocar o seu futuro profesional cara o mundo da moda é para Laseca “unha cuestión vocacional e a miña ilusión desde que podo recordar”, motivo polo que agarda que a súa participación no Ego lle axude a “dar a coñecer o meu traballo, xa que é un escaparate a nivel mundial”. Mais a súa selección para esta plataforma ten tamén algo especial desde o punto de vista persoal, xa que Lasesca é natural de Madrid, “e desde pequena intentei ir aos desfiles sempre que tiven ocasión”, aínda que, como recoñece, “ver o meu traballo alí exposto é algo que xamais pensei que puidera facer en tan pouco tempo”.

Non en van, a súa estrea no Ego chega pouco despois de completar a súa etapa en Esdemga. “Decidín ir formarme a Galicia porque entendín que era o mellor sitio onde podía facelo”, apunta esta titulada que recoñece as súas participacións en Debut, tanto co seu proxecto final como con outra serie de traballos, “son sen dúbida unha parte importante da formación que adquirín en Esdemga”, ao tempo que a achegaban ao “reto, que che motiva a coidar cada detalle”, de expoñer o traballo en público, que agora faise maior na Madrid Fashion Week, “o que supón un plus de responsabilidade”.

Das novas fornadas aos primeiros referentes

Se Laseca constitúe unha mostra das novas xeracións de deseñadoras forxadas en Esdegma, o Ego contará tamén en febreiro cunha representante da primeira promoción da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes, Amai Rodríguez. Tras completar a súa formación e ser recoñecida cunha mención do xurado en Debut 2007, esta deseñadora natural de Poio debutou no Ego en xaneiro de 2008 coa colección que constituía o seu proxecto de fin de estudos e coa que posteriormente sería seleccionada tamén no prestixioso concurso ITS Fashion. Rodríguez Coladas retornou de novo a esta pasarela en setembro de 2009, cunha nova colección coa que obtivo o Premio L´Oréal París. “Ego sempre é un reto persoal”, recoñece Rodríguez desta “gran plataforma” á que, despois duns anos distanciada da moda, retornará en 2007 “sen pretensións máis que poñer outra vez o pé neste campo”.

Esta egresada presentará nesta pasarela “unha colección menos teatral que o anterior que presentei, pero non por iso menos orixinal”, para a que elaborou unha serie de estampados a mano que posteriormente dixitalizou. “É co que máis estou gozando de proceso, poder plasmar os meus debuxos en tecido, repetilo e improvisar”, engade esta deseñadora do traballo que recoñece un desfile “como unha gran experiencia na que aprendes e exhibes o que se che pasa pola cabeza”, así como “unha boa maneira de amosarlle aos mundo as túas ideas”.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós