DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de febreiro do 2017

O estudo obtivo un premio a novos investigadores da Deputación de Pontevedra en 2014

Sonia Otero analiza as ilustracións de Manuel Cubas a través dos sainetes de Ramón de la Cruz

A autora traballa, no marco da súa tese de doutoramento, nunha nova investigación sobre Emilia Calé


ImageAo falar do teatro no século XVIII é difícil non lembrarse de Ramón de la Cruz, un dos autores de sainetes que máis achegou á literatura española. O éxito das súas obras un século despois grazas ao renovado gusto por estas pezas teatrais e á xeneralización da literatura por entregas veuse plasmado nunha compilación dos seus mellores sainetes na obra Teatro Selecto de don Ramón de la Cruz, publicada por Jose María Faquineto en 1882, e ilustrada polo debuxante Manuel Cubas. Son precisamente esas ilustracións as que a filóloga e alumna de doutoramento da Facultade de Filoloxía e Traducción Sonia Otero analiza nun libro que acaba de editar o Servizo de Publicacións da Universidade e que leva por título La ilustración de los Sainetes de Ramón de la Cruz en el siglo XIX: La edición popular de J.M. Faquineto.

Leticia Castro | Vigo
Ao falar do teatro no século XVIII é difícil non lembrarse de Ramón de la Cruz, un dos autores de sainetes que máis achegou á literatura española. O éxito das súas obras un século despois grazas ao renovado gusto por estas pezas teatrais e á xeneralización da literatura por entregas veuse plasmado nunha compilación dos seus mellores sainetes na obra Teatro Selecto de don Ramón de la Cruz, publicada por Jose María Faquineto en 1882, e ilustrada polo debuxante Manuel Cubas. Son precisamente esas ilustracións as que a filóloga e alumna de doutoramento da Facultade de Filoloxía e Traducción Sonia Otero analiza nun libro que acaba de editar o Servizo de Publicacións da Universidade e que leva por título La ilustración de los Sainetes de Ramón de la Cruz en el siglo XIX: La edición popular de J.M. Faquineto.

O estudo da investigadora viguesa, que vai dirixido a un público moi diverso, dende expertos e especialistas na materia a estudantes que precisen ampliar coñecementos, realiza unha análise icónico- literaria das 38 acuarelas de Cubas, que adquiren nesta ocasión maior protagonismo que os textos, “pois sen elas a comprensión dos sainetes sería incompleta”, subliña Otero. O libro examina en profundidade os personaxes, os espazos e as similitudes e diferenzas existentes entre o texto e as imaxes, aspectos por outra banda, moi interesantes para observar “como Cubas adapta a moda dos personaxes do século XVIII aos gustos dos século XIX, ou como as imaxes desvelan o conflito dramático das pezas”, explica a investigadora, ”ademais as acuarelas representan á perfección a parodia e as sátiras dos textos de de la Cruz”, salienta. Ademais da edición Faquineto, no século XIX a Biblioteca de Arte e Letras de Barcelona tamén publicaba outra recompilación coetánea con trinta sainetes ilustrados con zincografías feitas por Llobera, Lizcano e Domènech, o que amosa o interese na época polas edicións teatrais ilustradas.

A pesar de que a bibliografía en canto ao estudo concreto das ilustracións é escasa, Sonia Otero destaca os traballos realizados por Raquel Gutiérrez, Borja Rodríguez ou a docente da Facultade de Filoloxía e Traducción, Montserrat Ribao a este respecto.

Ramón de la Cruz, un escritor con recoñecemento posterior

Ramón de la Cruz “foi ademais de escritor de sainetes, creador de comedias e zarzuelas”, sinala Otero, pero “a maioría da súa obra está composta por máis de 300 destas pezas que escribiu na súa última época, moitos deles referentes aos costumes madrileños da época”, explica. O éxito destes textos teatrais no século XIX débese fundamentalmente a que se abriu a un amplo espectro social, coa misión de acercar a arte ao pobo, xa que era menos custoso e a súa duración bastante reducida. Foi neste momento de auxe cando se reeditaron os sainetes ilustrados de Ramón de la Cruz “que chamaron a atención dos lectores daquela época, acostumados a ilustracións en branco e negro”, indica a alumna. A temática destas pezas e a maneira en que se representan é o que fai que un texto aparentemente anticuado teña recoñecemento nunha época posterior. Ademais, “o teatro por entregas, a transformación de obras de autores de prestixio en produtos de consumo popular, e o rápido acceso ao coñecemento son aspectos de comunicación do século XXI que nos achegan á literatura desde unha perspectiva enriquecedora”, destaca a filóloga.

A repercusión e o recoñecemento da súa obra en séculos posteriores “foi unha das razóns que me levou a escollelo para o meu traballo de fin de grao”, sinala a tamén alumna, que obtivo con esta investigación o premio a novos investigadores en Ciencias Sociais e Humanidades da Deputación de Pontevedra no 2014, “o momento en que souben que estaba premiada non creo que se me esqueza nunca”.

Inmersa na tese de doutoramento

A alumna atópase nestes momentos inmersa na súa tese de doutoramento sobre literatura española, dirixida pola profesora Ribao. Neste caso trátase dun estudo sobre a figura de Emilia Calé, escritora sobre a que xa publicou un artigo na revista Lectura y signo, da Universidade de León, baixo o título La otra doña Emilia: aproximación a la figura de Emilia Calé Torres de Quintero (1837-1908). Ao igual que de la Cruz, Calé é outra escritora pouco coñecida, que no seu día acadou prestixio e recoñecemento entre autores coetáneos como Curros Enríquez, os irmáns Muruáis ou Francisco Añón.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós