DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 14 de febreiro do 2017

O equipo de Eva Castro Rodiño gañou o primeiro premio da International Project Week

Premio a unha Erasmus viguesa en Saarbrücken

A alumna de Enxeñaría de Telecomunicación está a realizar en Alemaña o seu Proxecto Fin de Grao


Image“Este premio supón para min unha motivación máis para seguir traballando nun futuro con xente de diferentes culturas, xa que neste tipo de equipos de traballo cada quen ten unha visión moi distinta e os resultados que se acadan acostuman ser bos”. A alumna da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Eva Castro Rodiño, de estadía Erasmus en Saarbrücken (Alemaña) acaba de gañar o primeiro premio da International Project Week, celebrada na Universidade de Saxion, en Enschede (Países Baixos), como integrante dun equipo internacional de estudantes.

D. Besadío | vigo
“Este premio supón para min unha motivación máis para seguir traballando nun futuro con xente de diferentes culturas, xa que neste tipo de equipos de traballo cada quen ten unha visión moi distinta e os resultados que se acadan acostuman ser bos”. A alumna da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Eva Castro Rodiño, de estadía Erasmus en Saarbrücken (Alemaña) acaba de gañar o primeiro premio da International Project Week, celebrada na Universidade de Saxion, en Enschede (Países Baixos), como integrante dun equipo internacional de estudantes.

“Unha das materias que teño aquí consiste en facer un proxecto en Enschede durante unha semana con xente de diferentes nacionalidades”, subliña desde Alemaña Castro Rodiño, ao tempo que explica que o seu equipo foi o encargado de crear un espazo web cos contidos académicos do proxecto Solar Team, unha iniciativa dirixida a alumnos e alumnas brillantes de entre 12 e 14 anos e que “xira entorno á realización dunha carreira que se celebra en Australia na que os coches funcionan con enerxía solar e na que as mozas e mozos, principais destinatarios do noso espazo web, son os que se encargan tanto da fabricación como da condución destes automóbiles, polo que a formación previa que reciben ten grande importancia, incluída a web do proxecto”.

Xunto a Castro Rodiño, completaron o equipo gañador os estudantes Niels Brockötter, Marijn Cate, Tom ten Kaal, Tom Kreeftenberg, Stefan Lütke-Bitter e Paul Revenberg. En total participaron na denominada Semana Internacional do Proxecto máis de 1200 estudantes de diferentes nacionalidades e con diferentes perfís académicos. O obxectivo é lanzar proxectos innovadores froito do traballo conxunto no que cada estudante tente aplicar de forma exitosa os últimos avances das disciplinas que estudan, xa sexan tecnolóxicas, empresariais, económicas...

“Estame gustando moito vivir esta experiencia”

Eva Castro chegou a Saarbrücken o pasado mes de setembro para pasar alí o curso completo. “De momento non teño data fixa para volver, será en xullo ou agosto, dependendo de cando remate o meu Traballo Fin de Grao”, subliña a estudante. Como valoración xeral da súa estancia alí, teno claro: “estame gustando moito vivir esta experiencia, xa que coñeces e convives con xente de culturas moi diferentes, melloras o inglés e, por suposto, pásalo moi ben”. A todo isto suma agora a alegría polo premio, “algo co que, nin moito menos, contaba”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós