DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de febreiro do 2017

Celebrarase entre o 9 e o 11 de marzo simultaneamente en 15 cidades do Estado

O HackforGood regresa a Vigo na procura de aplicacións que axuden a construír “un mundo mellor”

Trátase dun evento tecnolóxico no que os hackers achegan solucións a retos propostos pola cidadanía


ImageA cuarta edición do HackforGood regresa a Vigo entre o 9 e o 11 de marzo como un espazo colaborativo no que os estudantes se converterán en hackers para dar resposta a retos propostos pola sociedade. Serán tres días de traballo intensivo, tanto de deseño como de programación nun evento que chega xa á súa quinta edición, promovido por Telefónica, xunto coa ETSI de Telecomunicación da Politécnica de Madrid, a Fundación HazloPosible e a startup MashmeTV, co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre elas, a da Universidade de Vigo. Celebrarase conxuntamente en 15 sedes e conta coa participación activa de máis de 20 universidades.

M. Del Río | Vigo
A cuarta edición do HackforGood regresa a Vigo entre o 9 e o 11 de marzo como un espazo colaborativo no que os estudantes se converterán en hackers para dar resposta a retos propostos pola sociedade. Serán tres días de traballo intensivo, tanto de deseño como de programación nun evento que chega xa á súa quinta edición, promovido por Telefónica, xunto coa ETSI de Telecomunicación da Politécnica de Madrid, a Fundación HazloPosible e a startup MashmeTV, co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre elas, a da Universidade de Vigo. Celebrarase conxuntamente en 15 sedes de todo o Estado e conta coa participación activa de máis de 20 universidades. A aposta é pola innovación social, polo que a organización busca entre o alumnado respostas, creatividade, I+D, deseño, etc. que se convertan en aplicacións tecnolóxicas que acheguen solucións a demandas sociais, a unha serie de retos que pode presentar calquera persoa. É dicir, aqueles que apostan por buscar respostas, poden inscribirse no HackforGood como hackers, para traballar tanto en grupos multidisciplinares como de xeito individual. De feito, a organización subliña que “todos os perfís son benvidos, xa sexan técnico, deseñador, emprendedor, psicólogo, educador, sociólogo, etc.”. Outro xeito de participar é presentar retos, cuestións ou necesidades, que poden ser propostos tanto por empresas ou ONG como por particulares. Os interesados poden rexistrar as propostas a través da web do evento, que xa recolle retos como a creación dunha app para reducir o estrés, outra para a detección do ciber acoso en redes sociais, outras centradas na alimentación ou no aproveitamento da comida, prevención de consumo de alcol entre a xuventude, aforro enerxético, así como varios retos centrados no eido do voluntariado, da conciliación e da integración.

Durante os tres día de duración deste evento tecnolóxico, cada grupo creará e deseñará a súa propia resposta a un dos retos, que aínda se poden inscribir. O profesor José Cidrás, director da Cátedra Telefónica, agarda chegar aos 100 inscritos, superando así as cifras da pasada edición, na que xa se dobraron as de 2015. Exemplo dos bos resultados desta iniciativa é a App Handyhand, galardoada na pasada edición en Vigo co Primeiro Premio Cátedra Telefónica HackForGood, e que acadou tamén un destacado recoñecemento nos premios globais, sendo elixida para o Premio Think Big de Fundación Telefónica. A súa aposta era o desenvolvemento dunha prótese 3D robótica para membros amputados mediante sinais EMG.

Na pasada edición, entre toda as sedes, participaron 1000 hackers, presentáronse 300 retos e desenvolvéronse máis de 120 proxectos nas 14 sedes repartidas ao longo da xeografía española.

Premios locais e globais

A participación no HackforGood abre unha dobre vía de premios para os participantes, xa que se outorgan unha serie de galardóns a nivel global e outros propios e exclusivos de cada unha das cidades, que en conxunto, lembra Cidrás, “suman cantidades moi substanciais”. O premio principal, Premio HackForGood Global, ofrece 8000€ ao equipo dunha das 15 sedes que desenvolva a mellor solución a un dos retos plantexados, atendendo a criterios como a creatividade e innovación da solución proposta, o grao de acabado da mesma e o seu impacto social. O gañador elixirase entre os tres gañadores de cada unha das fases locais e outorgarase un segundo premio de 3000 e outro terceiro de 1000. Tamén a nivel global se outorgarán os premios Think Big (un en cada sede) e Premio Telefónica Open Future, así como os premios varios premios formativos. Ademais entregaranse premios temáticos á Innovación Social, á Innovación Tecnolóxica e ao Desenvolvemento Sostible, dotados cada un con 500 euros.

Conferencia de Chema Alonso e relatorio sobre videoxogos

Paralelamente ao hackathon, os participantes poderán participar en actividades formativas e relatorios tanto dende Vigo como dende outras sedes vía internet. O venres 10 terán a oportunidade de escoitar a Chema Alonso, actualmente CDO (Chief Data Officer) de Telefónica, que intervirá dende Madrid para falar sobre Big Data e o impacto das tecnoloxías da información na sociedade. O día antes, o xoves, abrirase o HackforGood 2017 cunha conferencia titulada Videoxogos, da idea á pantalla, unha breve viaxe polo deseño, desenvolvemento e distribución dun produto de entretemento interactivo que impartirá a profesora da Universidade de Vigo Beatriz Legeren e o produtor de videoxogos e socio director da empresa Gato Salvaje, Fernando Prieto. O profesor José Cidrás destaca que este relatorio servirá para que os asistentes "non só coñezan a parte creativa dos videoxogos", senón tamén o xeito de convertelos nun negocio rendible. Ademais, lembra, dado que o HackforGood coinciden no tempo co Foro Tecnolóxico de Emprego, estas actividades programaranse de xeito que poidan participar os asistentes a ambos eventos. Finalmente, o sábado continuará o traballo pola mañá para que, pola tarde, cada equipo presente o seu proxecto e proceder, tras a deliberación do xurado, á entrega de premios.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós