DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de febreiro do 2017

Cinco institucións europeas e seis de Marrocos participan no proxecto financiado con 875.000 euros

Vigo participa no proxecto europeo E-VAL para mellorar a formación e o acceso das empresas aos universitarios marroquís

A iniciativa baséase na implementación do e-portafolio para desenvolver a súa metodoloxía


Image O e-portafolio é unha ferramenta moi estendida en determinados sectores profesionais, especialmente en países anglosaxóns, que o valoran como un formato máis libre, demostrativo e aberto que un currículo vitae á hora de amosar que persoa está tras el, os seus coñecementos, competencias profesionais e persoais. A implementación do e-portafolio para desenvolver a súa metodoloxía é a base do proxecto E-VAL, unha iniciativa financiada pola Unión Europea con 875.000 euros, que conta coa participación de cinco universidades europeas e seis de Marrocos, así como de varios ministerios e asociacións empresariais do país africano.

Duvi | Vigo
O e-portafolio é unha ferramenta moi estendida en determinados sectores profesionais, especialmente en países anglosaxóns, que o valoran como un formato máis libre, demostrativo e aberto que un currículo vitae á hora de amosar que persoa está tras el, os seus coñecementos, competencias profesionais e persoais. A implementación do e-portafolio para desenvolver a súa metodoloxía é a base do proxecto E-VAL, unha iniciativa financiada pola Unión Europea con 875.000 euros, que conta coa participación das universidades de Vigo, Porto, Burdeos, KTH de Estocolmo e EHB de Bruxelas e de seis institucións académicas marroquís de Tanger-Tetuán, Kenitra, Rabat, Agadir, Oujda e Fez, así como o Ministerio de Educación de Marrocos, a Asociación Nacional para a Promoción do Emprego e as Competencias do Ministerio de Emprego e a Asociación de Mulleres Empresarias de Marrocos.

“Nesta nova iniciativa, a Universidade de Vigo como entidade socia do proxecto vai supervisar, entre outras actividades tecnolóxicas, a calidade da implementación de todas as accións previstas”, explica a técnica superior da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo Eva Garea, que xunto a Ana Fernández, María Isabel Doval, María Ainhoa Zabalza, Rebeca Díaz e Ángel Sánchez, integra o equipo da Universidade de Vigo que participa neste proxecto, seleccionado no marco da convocatoria EramusPlus- Capacity Building da Comisión Europea.

Os proxectos Capacity Building da UE procuran a modernización das institucións de educación superior nos países socios de Europa do este, Asia central, Balcáns e a rexión mediterránea, principalmente a través de proxectos de cooperación universitaria.

Posta en valor da formación adquirida no sistema universitaria de Marrocos

Baixo título Exploitation des Compétences et Valorisation des acquis pour une Meilleure Insertion et Visibilité professionnelles, E-VAL pretende crear unha rede de reflexión e estudo para mellorar a posta en valor da formación e a experiencia adquirida no sistema universitario de Marrocos, promovendo de xeito especial a orientación, á vez que se facilita que as empresas teñan un mellor acceso ás competencias das e dos egresados a través do e-portfafolio.

“Os tres anos que dure o proxecto realizarase unha diagnose que permitirá identificar as mellores prácticas coñecidas e recoñecidas existentes nas institucións europeas e sobre esta base, e tras un estudo das necesidades no contexto marroquí, programaranse accións de transferencia de coñecementos, habilidades e formación de persoal”, explica Garea, que avanza que as accións formativas estarán apoiadas por actividades paralelas encamiñadas ao recoñecemento profesional, tanto por parte das institucións universitarias, como por parte do mundo socioeconómico.

Este venres rematou na Universidade de Cádiz a reunión inaugural do proxecto na que tomaron parte representantes de todas as institucións que participan en E-VAL.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós